MELLORAS NA REDE DE ABASTECEMENTO DE AUGA CUN INVESTIMENTO DE 1,2 MILLÓNS DE EUROS

A XUNTA DE GOBERNO LOCAL APROBOU SACAR A CONCURSO DIVERSAS MELLORAS NA REDE DE ABASTECEMENTO DE AUGA CUN INVESTIMENTO DE 1,2 MILLÓNS DE EUROS.

Barreiros, 11 de agosto de 2015. A xunta de goberno local aprobou sacar a concurso a construción dunha nova depuradora en Celeiro de Mariñaos, a ampliación do depósito cabeceira e a mellora da conexión cos outros depósitos. O investimento ascende a 1.200.000 euros. O alcalde, Alfonso Fuente, agarda proceder á súa adxudicación antes de finais de ano e que a obra estea lista e operativa o vindeiro verán.

O rexedor explicou que “na xornada de onte celebrábamos unha xunta de goberno local na cal aprobamos sacar xa a concurso esta obra, na que levábamos tempo traballando, facendo proxectos, pois houbo que cambiar algúns, e ao final vai ver a luz. Estamos a falar dunha obra de 1.200.000 euros para facer unha nova depuradora en Celeiro de Mariñaos, ampliar o depósito cabeceira, que está en San Caetano, e mellorar a conexión cos outros depósitos”.

Segundo Fuente Parga “isto vai supoñer unha maior capacidade de xestión da auga. Hoxe mesmo comprobábamos todas as altas que levamos dado dende principios de ano e xa superamos as 300. Estamos atendendo ben o servizo, salvo que tivemos que sacar ese bando para que non se regaran os xardíns este verán, debido á seca. Estamos atendendo ben a demanda, pero somos conscientes de que despois deste verán e de toda a xente que está habendo temos que seguir mellorando a rede de abastecemento. Temos que ser previsores, porque non podemos estar traballando ao 100 por 100 e con calquera problema que teñamos poidamos deixar desatendida á poboación”.

E engadiu: “entón temos que facer este investimento, para o que nuns días se publicará xa no Boletín Oficial da Provincia e no Diario Oficial de Galicia e eu creo que antes de final de ano xa estará adxudicado e esperemos que empece a obra para tela en disposición xa para o verán que vén”.