Los operadores turísticos dispondrán de facilidades especiales

Ribadeo
Los operadores turísticos dispondrán de facilidades especiales para reservar las autorizaciones que precisen para organizar visistas a la playa de Las Catedrales

A Xunta de Galicia avanzou hoxe que os operadores turísticos disporán de facilidades para reservar as autorizacións que precisen para organizar visitas á Praia das Catedrais. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, mantiveron esta tarde unha xuntanza en Santiago con representantes do sector, na que lles avanzaron que disporán dun usuario e un contrasinal para acceder de forma máis directa e acorde ás súas necesidades, ao sistema de control de acceso ao Monumento Natural.

Ethel Vázquez subliñou que os operadores turísticos representan “unha peza primordial para lograr que a Praia das Catedrais se converta nun referente do turismo sustentable da nosa comunidade”. Por ese motivo destacou que a Xunta conta coa súa imprescindible “colaboración e implicación” no Plan de Conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais, aprobado hai unha semana polo Consello da Xunta.

De acordo con este instrumento de planificación, e para compatibilizar a conservación natural do espazo protexido co seu desfrute e protección turística, o acceso estará regulado durante os meses de xullo, agosto e setembro e na Semana Santa, cun límite de 4.812 persoas ao día. Tratase, explicou a conselleira dunha medida que a Xunta aplicará “por responsabilidade” e ante a preocupación ante o perigo de degradación que a concentración excesiva de visitantes podía supoñer para este espazo protexido.

Trátase, segundo manifestou, dun risco que vai máis alá do aspecto ambiental, posto que a visión do espazo natural saturado de visitantes afecta tamén negativamente á percepción do lugar a efectos turísticos.

Ethel Vázquez explicou que os particulares poderán conseguir as autorizacións necesarias para visitar o espazo de xeito gratuíto na plataforma http://ascatedrais.xunta.es, xa operativa, cunha anticipación máxima de 15 días e no propio día da visita. E cada usuario poderá reservar un máximo de 30 autorizacións.

Para os operadores turísticos, na xuntanza de hoxe acordouse permitir a anticipación das reservas aos 3 meses antes e abrir a reserva máxima por usuario ata 70 prazas.

E engadiu que as administracións públicas e as empresas turísticas terán un “trato preferente” neste sistema. Así, conforme concretou, os concellos de Ribadeo e Barreiros disporán dun cupo de autorizacións, ao igual que os hostaleiros da zona (10%) e o Clúster de Turismo de Galicia (outro 10%).

Estamos a falar, subliñou, de porcentaxes das autorizacións diarias para os concellos e os axentes turísticos que serán avaliadas conforme se vaia desenvolvendo o plan e que, en todo caso, poderán ser modificadas co obxectivo de garantir un mellor funcionamento do sistema.

A conselleira agradeceu a participación neste encontro dos operadores turísticos, xa que permite presentar e explicar de primeira man a proposta da Xunta para a contorna das Catedrais. Unha proposta- que en palabras da conselleira- persegue conservar un entorno natural privilexiado, pero tamén contribuír ao seu aproveitamento turístico.

Vázquez Mourelle mostrouse convencida de que o turismo é unha actividade absolutamente sustentable e que incrementará os beneficios xerados para os veciños do Concello de Ribadeo, para toda A Mariña e para toda Galicia. Salientou que para facer do turismo unha actividade responsable é fundamental a colaboración na tarefa de sensibilización e información aos cidadáns.

Por último, Vázquez Mourelle destacou que grazas a estas reunións tamén se escoitan as inquedanzas e propostas e establecer un diálogo que permita cada os consensos necesarios para garantir que este Monumento Natural sexa unha oportunidade turística, social e cultural, ademais dunha oportunidade para a economía local de Ribadeo e da súa contorna máis próximas; ao tempo que se compatibiliza a preservación dos valores ambientais que motivaron a súa declaración como Monumento Natural co uso público do lugar.

Reserva de visitas á praia de As Catedrais
ASCATEDRAIS.XUNTA.ES