

Na noite do xoves tívose coñecemento extraoficial dun caso positivo en Covid 19 que asiste á aula de 0-1 da escola infantil municipal.
De inmediato activouse o protocolo sanitario e desde o Concello de Barreiros, en contacto co SERGAS, decretouse o peche de dita aula e ordenouse a corentena das nenas e nenos do mesmo, así como das súas coidadoras; por ser todas elas persoas contacto directo con positivo.
O funcionamento da escola infantil en aulas burbulla implica que as crianzas de distintas aulas non teñen contacto entre elas, polo que as aulas de 1-2 e 2-3 poden seguir funcionando con normalidade, ao non existir contacto directo.
Segundo nos informaron desde o SERGAS, no día de onte xa se puxeron en contacto con todas as persoas contacto para realizarlles as probas oportunas e, deste xeito, determinar o alcance do contaxio e de ser preciso, adoptar novas medidas de control.
A información que poida afectar a persoas ou colectivos será oportunamente comunicada.
En todo caso, insistimos na necesidade de actuar con tranquilidade, mais coa responsabilidade que require unha situación de emerxencia sanitaria para a que aínda non existe solución médica. Lembrade: máscara, distancia, hixiene e redución do contacto social.