FUENTE PARGA ESTÁ CENTRADO EN POTENCIAR O POLÍGONO INDUSTRIAL DE BARREIROS

FUENTE PARGA ESTÁ CENTRADO EN POTENCIAR O POLÍGONO INDUSTRIAL DE BARREIROS, DE AÍ A XUNTANZA QUE MANTIVO HAI UNS DÍAS EN MADRID CON AZKAMSA SL. O ALCALDE NON ENTENDE AS CRÍTICAS EFECTUADAS POLO BNG AO QUE VE NERVIOSO ANTE A VINDEIRA CITA ELECTORAL.

Barreiros, 11 de maio de 2015. O alcalde, Alfonso Fuente, está centrado en potenciar o polígono industrial de Barreiros, de aí a xuntanza que mantivo en Madrid coa empresa Azkamsa SL hai uns días. Fuente Parga non entende as críticas do BNG ao que ve nervioso ante a vindeira cita electoral.

O rexedor dixo que “despois de ver a nota do Bloque Nacionalista Galego que recollen hoxe algúns medios eu creo que quen está nervioso é precisamente o BNG, porque se ben en anteriores épocas electorais criticaban que o Concello de Barreiros contrataba desproporcionadamente á xente, agora xa non din iso senón que ofrece postos de traballo”.

Fuente Parga sinalou que “os postos de traballo ofrécense cando sae unha convocatoria de emprego, pero calquera desculpa lles vale para poder cargar contra o alcalde de Barreiros. E estamos a ver estes días como continuamente se fala de Alfonso Fuente, alcalde de Barreiros, polo que parece que a oposición poucos argumentos ten en Barreiros pois o único que fai é cargar continuamente contra o alcalde. E o alcalde o que fai é xestionar todos os días o Concello. De feito é certo que me despracei a Madrid para ter esta reunión non só con esta empresa vasca senón con outras firmas tamén, pero desta sae o nome precisamente porque son os máis interesados en implantarse en Barreiros. Ao resto trasladóuselles o prezo do solo que ten Xestur en Barreiros, a situación, as conexións coa autovía…”.

O alcalde dixo: “somos tamén conscientes de que hai que seguir traballando para que Fomento execute xa a obra do corredor cara a San Cibrao, porque iso tamén é importante para o noso polígono industrial. E todo isto, potenciar que se constrúan naves e que se ocupe o polígono, ven motivado precisamente pola decisión que tomou a Xunta de Galicia, a través de Xestur, de baixar o prezo das parcelas no polígono nun 50 por cento. Non fai falla máis que ver como si se van facendo naves, porque un polígono non se enche dun día para outro senón que pouco a pouco se van sumando novas naves, vanse creando novos negocios e iso é o que está pasando no de Barreiros. E nosoutros o que intentamos é acelerar iso e ir potenciar o noso polígono”.

Para o alcalde barreirense “agora mesmo unha das materias pendentes que temos é o emprego e queremos que se creen postos de traballo no sector privado. Iso é o que estamos potenciando e no que estamos traballando. Creo que é a función que ten que facer un alcalde dentro das competencias que ten”.

A Alfonso Fuente Parga as declaracións do BNG “paréceme fóra de ton por un nerviosismo total ante unha convocatoria electoral. Eu sigo todos os días no despacho da alcaldía traballando ata pasar o día 24 e así continuarei ata que haxa, se ten que haber, cambio de alcalde. Dedícome todos os días a traballar polos veciños e veciñas e non estou pensando en que o día 24 de maio hai eleccións, porque eu creo que o traballo non é só duns meses, non é ir polas casas estes dous meses a presentarse, como están a facer os meus opositores. Eu creo que é un traballo de catro anos e no meu caso de 10 anos, que creo que está aí”.

E engadiu: “cando se fomentaba que se construíran vivendas tamén era crear postos de traballo, porque para construír esas vivendas tamén fixeron falta moitos empregos, dos que non se acordaron os do BNG cando paralizaron toda a actividade da construción. Porque recordamos como enviaron aquela carta á Xunta de Galicia pedindo que se paralizara o sector da construción e iso é destruír emprego. Somos conscientes de que agora a construción de vivendas está paralizada, pero hai que potenciar o polígono, diso non cabe ningunha dúbida”.

Alfonso Fuente tamén manifestou que “o que lle estamos a indicar á xente que está buscando traballo é que se anoten para participar no obradoiro de xardinería e carpintería que impartirán os Concellos de Trabada, Lourenzá e Barreiros. Para iso o que teñen que facer é acudir á oficina de emprego”.