FUENTE PARGA DESMINTE AS ACUSACIÓNS REALIZADAS POLO BNG

FUENTE PARGA DESMINTE AS ACUSACIÓNS REALIZADAS POLO BNG NAS QUE ASEGURA QUE O CONCELLO TEN UNHA DÉBEDA DE 5,5 MILLÓNS DE EUROS. O ALCALDE ASEGURA QUE OS VECIÑOS E AS VECIÑAS QUEREN UN GOBERNO SERIO, RESPONSABLE E QUE SAQUE A BARREIROS ADIANTE.

Barreiros, 19 de maio de 2015. O alcalde, Alfonso Fuente, desminte as acusacións realizadas polo BNG nos mitins destes días. O rexedor di que é falso que o Concello teña unha débeda de 5,5 millóns de euros e subliña que Barreiros non se merece unha oposición desa talla política. Para Alfonso Fuente en campaña non todo vale e engade que o que queren os veciños e as veciñas de Barreiros é un goberno serio, responsable, que non minta e que faga cousas no seu pobo.

O rexedor considera que “chegamos a un extremo onde hai xente que pensa que en campaña electoral vale todo e eu son dos que digo non é así. Hai que ser serios e responsables, sobre todo diante dos veciños, porque aínda que sexamos representantes políticos tamén somos veciños. Digo isto porque hoxe volvemos ver como o Bloque Nacionalista Galego cifra en 5,5 millóns de euros a débeda do Concello de Barreiros. Ata a propia secretaria interventora do Concello se sorprendía, porque iso é mentira e xa tivemos que desmentir isto en varias ocasións, pero seguen na mesma, dicindo que o Concello debe isto, que está endebedado. Pero o Concello ten un préstamo de menos da metade do que din, concretamente de 2,5 millóns de euros. É unha débeda que vai ir pagando como calquera veciño que saca un préstamo. O Concello para facer fronte a infraestruturas, a mellora da rede de saneamento de abastecemento, fixo investimentos que se costearon cun préstamo”.

Fuente Parga sorpréndese “cando din que os votantes do Partido Popular no 2011 están avergonzados do seu alcalde. Que non lle preocupe isto ao BNG, porque aos veciños e veciñas de Barreiros o que lles preocupa é ter unha oposición que minte. Iso si lles preocupa moito, porque estes días cando estamos a visitar aos veciños e lles rebatemos con papeis o que eles vociferan nos mitins, como se soe dicir papeis calan bocas, entón a xente decátase das mentiras que andan contando nos mitins. E iso é moi triste, porque eu creo que Barreiros non se merece unha oposición desta talla, unha oposición á que parece que lle vale todo, pero en política non vale todo”.

O alcalde barreirense cre que “os veciños e veciñas de Barreiros o que queren é un goberno serio, responsable, que non lles minta e que vaia facendo as cousas e sacando Barreiros adiante, como viñemos facendo estes anos: mantendo os servizos e non prometendo, como está a facer a señora Ana Ermida, e poñendo como exemplo Concellos onde goberna o Bloque, anda dicindo que vai facer unhas cousas que logo resulta que nos municipios onde goberna o BNG non as fai. Nin presupostos participativos, nin colaboración con asociacións, nin nada diso se fai nos Concellos onde goberna o Bloque. Polo tanto os veciños e veciñas de Barreiros non poden crer a esta señora, porque nos pon como exemplo Concellos onde non fan o que eles din que van facer en Barreiros. Polo tanto non ten credibilidade e iso é o que lamento”.

Alfonso Fuente Parga engadiu: “neste momento, como representante de todos os veciños e veciñas ata o día 24, evidentemente teño que defender os intereses de todos os veciños e o que non podemos consentir é unha oposición que está mentindo, aínda que sexa en campaña electoral, porque non vale todo”.