Fuente Parga comparte co alcalde de Ribadeo a preocupación pola conservación da praia das Catedrais

Fuente Parga comparte co alcalde de Ribadeo a preocupación pola conservación da praia das Catedrais, pero considera que non se debe crear unha guerra de lindes

Barreiros, 17 de xuño de 2015.- O alcalde de Barreiros e presidente da Mancomunidade de Muncipios de A Mariña, Alfonso Fuente Parga, asegura compartir co alcalde de Ribadeo a preocupación pola conservación da praia das Catedrais, pero non entende a a agresividade amosada polo nacionalista o pasado luns. O rexedor de Barreiros di que os concellos máis beneficiados pola aplicación do plan da Xunta deben ser os máis próximos: Ribadeo e Barreiros e que o que alí se faga debe ser para beneficio de todos os ribadenses, de todos os mariñáns e de todos os galegos, porque os impostos de todos os galegos son os que permiten actuar nese marco. Alfonso Fuente considera que non se debe caer en guerras de lindes, e di entender perfectamente que os hoteis e comercios doutros puntos da comarca se queiran beneficiar do tirón da praia das Catedrais.

O rexedor dixo que “este plan que se formula para protexer unha zona que, como ben dixo o alcalde de Ribadeo no seu día hai que protexela, hai moitos visitantes, e estou plenamente de acordo con el en que non pode cargárselle a un só Concello, como é o de Ribadeo, todo o que supón controlar esas masas de xente; e valoro positivamente este plan. Hai que protexer, alguén o ten que facer por encima do Concello de Ribadeo e eu creo que o traballo que se ven desenvolvendo e que vai continuar, porque a min cónstame que se vai facer máis labor e máis investimento na zona das Catedrais”.

Para Fuente Parga “é moi importante porque, tamén utilizando o que no seu día o alcalde de Ribadeo dixo, que esa era a galiña dos ovos de ouro, creo que precisamente son para toda a Mariña lucense, para toda a provincia de Lugo e incluso diría máis, para todo Galicia. E o que non pode quedarse é só no concello de Ribadeo. Xeograficamente está situada no concello de Ribadeo, pero desde o momento en que hai unha intervención da Xunta de Galicia con recursos que son de todos os galegos evidentemente ten que ser para beneficio de todos os galegos”.

O alcalde barreirense preguntábase este mércores pola tarde “¿Cales van ser os máis beneficiados destas actuacións e desta protección? O concello de Ribadeo e o de Barreiros, que son os máis próximos. Iso é indubidable, que van ser os concellos máis beneficiados desta actuación da Xunta que outros, como poden ser os de Riotorto, A Pontenova, Ourol ou O Vicedo, falando da Mariña lucense. Pero non cabe dúbida de que hai que pensar máis alá das fronteiras dun concello; é dicir non podemos cerrarnos a que isto sexa como está pasando, coa agresividade que está mostrando o alcalde de Ribadeo con esta situación. Entendo as críticas de Acisa, que está facendo un traballo importante e eu creo que Acisa ten que seguir nesa liña de intentar que todos aqueles visitantes da praia das Catedrais se dirixan a Ribadeo, pero tamén é lícito que as asociacións de comerciantes de Foz, de Viveiro ou de Burela intenten que os visitantes desta zona vaian cara ás súas tendas”.

Alfonso Fuente dixo: “non cabe dúbida de que isto move moita xente para a Mariña, que concretamente veñen a un punto do concello de Ribadeo, pero moven moito na Mariña. E eu creo que non podemos caer en guerras de lindes, cando ao visitante non lle importa para nada en que concello está, senón que vai ir a aquelas tendas, a aqueles restaurantes, a aqueles hoteis onde mellor os traten, independentemente de se é nun concello ou noutro. Eu creo que debemos pensar máis alá dos límites do noso concello e polo tanto non entendo para nada esta agresividade do alcalde de Ribadeo, que o outro día me deixaba un pouco sorprendido cando se dirixía cara á miña persoa, pero tamén á delegada da Xunta, á conselleira e á directora xeral cunha agresividade desmesurada e fóra de calquera representante que debe ter o Concello de Ribadeo. Eu sei que Fernando non é así, que puido ter un momento malo, pero pídolle ao Concello de Ribadeo, e concretamente ao seu alcalde, que recapacite, que pense máis alá das fronteiras, porque eu estou seguro de que el non quere que se poña un muro na estrada que ven cara Barreiros nin na que sae cara a Trabada e pecharse só no concello de Ribadeo”.

O alcalde de Barreiros entende que “él mire o mellor para o seu concello evidentemente, por iso é o seu alcalde e por iso os seus veciños acaban de dicirlle que queren que siga de alcalde; iso é indubidable pero evidentemente tamén ten que pensar que cando hai unha actuación dun ente autonómico, como é a Xunta de Galicia, debemos, como concellos, colaborar con esa administración, poñer a disposición os medios que temos, e consensuar ese plan que ademais, neste caso, é un plan que ven pedido dende o propio Concello”.

E engadiu: “non entendo para nada esa agresividade nin esa forma de actuar neste momento do alcalde de Ribadeo. Eu creo que estaríamos encantados calquera alcalde de calquera concello da Mariña de ter unha praia das Catedrais en cada un dos municipios, porque iso suporía unha riqueza para A Mariña lucense, para a provincia de Lugo e para Galicia impresionante. Sabemos que Ribadeo vai ser o máis beneficiado, sen dúbida, pero tamén cremos que debe ser un aliciente para A Mariña. E sobre todo dende o momento en que se están investindo cartos dende a Xunta de Galicia, que son de todos os galegos, non só dos de Ribadeo nin dos de Barreiros nin dos da Mariña lucense; son de todos e creo que é para beneficio de todos”.

Finalmente Fuente Parga comentou que “a preservación dun espazo natural, e aí coincido plenamente co alcalde de Ribadeo, hai que facela. Non se pode seguir tendo esa masa de xente descontrolada nunha zona, por temas medioambientais primeiro, pero tamén por Protección Civil. Entendo que un concello para ter que asumir o custe de todos eses movementos de turistas sobre as rochas ten que asumir axuda; e iso, como alcalde que son, entendo perfectamente que ten que pedir axuda. E a Xunta ten a obriga de colaborar. E tampouco quero botar fóra desta actuación á Deputación Provincial, que tamén está para amparo dos concellos e tamén debe colaborar. E creo que xa houbo algunha reunión e a Deputación ten que mostrar a súa disposición a potenciar un punto de interese turístico tan importante como As Catedrais, que está dentro da provincia de Lugo”.