FUENTE PARGA ASEGURA QUE A FACTURA Á QUE ALUDE HOXE O BNG CORRESPONDE Á COMPRA DE CARAMELOS E DE AGASALLOS INSTITUCIONAIS

FUENTE PARGA ASEGURA QUE A FACTURA Á QUE ALUDE HOXE O BNG CORRESPONDE Á COMPRA DE CARAMELOS E DE AGASALLOS INSTITUCIONAIS. O REXEDOR CONSIDERA QUE HAI UNHA CLARA INTENCIÓN DE QUERER PERXUDICAR AO EQUIPO DE GOBERNO.

Barreiros, 28 de xullo de 2016. O alcalde, Alfonso Fuente, sae ao paso das acusacións realizadas hoxe polo BNG. O rexedor considera que esas manifestacións obedecen a un descoñecemento total por parte dos nacionalistas ou a unha clara intención de querer perxudicar ao equipo de goberno. Fuente Parga sinala que a factura á que alude o BNG corresponde á compra de caramelos e de agasallos institucionais.

O rexedor quixo acordarse “de algo que di moitas veces miña aboa, que é canto é o non saber, porque saír dicindo hoxe que o Concello de Barreiros gasta 5.000 euros en caramelos é un descoñecemento total, por non consultar a factura nin querer decatarse e intentar prexudicar ao equipo de goberno con notas falsas. Así de claro”.

Fuente Parga explicou que “a empresa, que se chama El Edén del Paladar, desde hai anos subministra todos aqueles artigos de regalo, de gratitude cara a xente que nos visita ou mesmo incluso para as asociacións ou nenos que organizan, por exemplo, torneos de fútbol sala cando veñen pedir trofeos dánselles. Cando os nenos dos nosos colexios visitan centros doutros concellos levan eses regalos institucionais, que son uns escudos do Concello de Barreiros; ou ben cando veñen nenos doutras zonas aquí, como se deu o caso duns de Carballo, entrégaselles uns obsequios do Concello de Barreiros, que son precisamente os que se pagan con estas facturas”.

O alcalde sinalou: “tamén teño que dicirlles aos do BNG, porque eu creo que non o descoñecen, sábeno perfectamente pero o que queren é prexudicar ao equipo de goberno intentando enganar aos veciños. Deben saber, e senón explícollo eu claramente, que os caramelos que se compran tamén son os que se dan nas cabalgatas de Reis, porque os organizadores veñen ao Concello a pedir os caramelos e dámoslles bolsas e bolsas de caramelos que van gravados co anagrama do Concello. Polo tanto non sei se queren acabar coas cabalgatas de Rei, como pasou noutros concellos, e tamén están en contra diso”.

Alfonso Fuente Parga dixo: “por iso quero aclarar este tema. O Concello si compra caramelos para as cabalgatas de Reis, non por ese importe que están a dicir, porque nesas facturas tamén van os regalos institucionais que o Concello compra para diversos eventos, como por exemplo no Festival do Emigrante, que se lles dá un obsequio aos grupos que veñen. Ao mellor queren que non se dean, que o Concello non llos entregue ás asociacións nin ás agrupacións de cabaleiros cando fan rutas ou aos das motos cando veñen a Barreiros e organizan algún evento ou aos que organizan as travesías de kaiak, que tamén piden no Concello que se lles dea algún regalo para usar como trofeo. Pois esa é a factura deses agasallos”.

O rexedor barreirense amósase sorprendido “porque está moi claro o que é, polo tanto saír dicindo que se gastan 5.000 euros en caramelos. Canto é o non saber e o querer prexudicar e difamar. Nós temos a conciencia moi tranquila, sabemos no que investimos para todos os veciños, porque evidentemente se o Concello non comprara unha partida de caramelos para dar nas cabalgatas terían que asumir ese gasto os organizadores deses actos, que xa bastante traballo fan organizando as cabalgatas. Igual que os que se ocupan doutros eventos, como torneos de fútbol sala ou o Festival do Emigrante. Calquera evento ou competición que se fai no noso municipio cando os organizadores se dirixen ao Concello a pedir algún obsequio dáselles; e precisamente son eses regalos os que se compraron e se pagaron, evidentemente, con esa factura. A empresa chámase El Edén del Paladar, pero unha parte moi pequena da factura é de caramelos e a outra corresponde a todos eses obsequios que se lles dan ás asociacións para que poidan entregar en eventos ou para que sirvan de trofeos en competicións”.