ESTE SÁBADO, 27 DE XUÑO, TERÁ LUGAR O VII ENCONTRO NO EIDO DOURADO

ESTE SÁBADO, 27 DE XUÑO, TERÁ LUGAR O VII ENCONTRO NO EIDO DOURADO. NO ACTO DARANSE CITA A MÚSICA, A POESÍA E O TEATRO CON ARTISTAS COMO LUCÍA ALDAO E MARÍA LADO, PACO PESTANA, MINI E MERO, FALÚA OU OS QUINQUILLÁNS, ENTRE OUTROS.

Barreiros, 25 de xuño de 2015. O VII Encontro no Eido Dourado terá lugar este sábado, 27 de xuño. No acto, co que arrincará a nova tempada deste espazo dedicado ao arte, daranse cita a música, a poesía e o teatro. O evento estará conducido por Comba Campoy, segundo explicou hai uns días o artista barreirense Celso Dourado.

Dourado indicou que “este sétimo Encontro no Eido Dourado, que dará comezo ás 8 da tarde deste sábado vai ter como cabeceiro a poesía alternativa e musicada feita en galego. Neste apartado dalgunha maneira a voz cantante levarana Lucía Aldao e María Lado, dúas poetisas que musican poesía e a verdade é que fan un espectáculo realmente marabilloso. Serán acompañadas por Paco Pestana, no seu apartado de poeta, e tamén por O Leo Arremecághona. Isto cerrará o apartado da poesía alternativa”.

Celso Dourado seguiu a relatar que “despois na música estará con nós Falúa, que é un grupo que acompaña a unha voz solista, que é a de Sara de Sousa, unha fermosa voz a cabalo entre Galicia e Portugal que levará a batuta da parte musicada. Tamén estarán, como nós, os vellos amigos Mini e Mero; e presentarannos o seu novo disco, que está tendo tanta fama a nivel incluso de Madrid, Vadzim Yukhnevich e Abraham Cupeiro, co seu proxecto Compromiscuo. E xa remataremos con teatro: estarán Os Quinquilláns, un grupo cunha longa traxectoria no panorama da escena en Galicia; Pepe Penabade e Manuel Lourenzo, o dramaturgo por excelencia do noso país, que terá unha breve intervención neste sétimo encontro”.

Dourado lembrou que “os encontros no Eido Dourado, como arranque de tempada, sempre os facemos o último sábado do mes de xuño e son abertos a todo o público”.