El BNG acusa al PP de Barreiros de prácticas mafiosas por un expediente a Ana Ermida

Ana Ermida, junto a Antonio Veiga, en un pleno en Barreiros.

O BNG DENUNCIA “ACTITUDES MAFIOSAS” DO ALCALDE DE BARREIROS, QUE INTENTA AMEDRENTAR AO BNG ABRÍNDOLLE UNHA INVESTIGACIÓN Á CABEZA DE LISTA DO BLOQUE POLO ARRANXO DA SÚA CASA HAI SEIS ANOS

O presidente dos promotores, Xabier Díaz, foi quen denunciou, en xaneiro do 2012,  á portavoz nacionalista e a outra ducia de persoas que no seu momento plantaron cara á desfeita urbanística do Concello de Barreiros

A candidata do Bloque, Ana Ermida, di que “non nos van calar, imos seguir denunciando a malia urbanística que hai instalada en Barreiros”

Barreiros, 23 de abril de 2015. O BNG denuncia “actitudes mafiosas” do alcalde de Barreiros, o popular Alfonso Fuente Parga, que tenta amedrentar ao BNG abríndolle unha investigación á súa cabeza de lista, Ana Ermida, por obras de arranxo da súa casa, acometidas con licenza municipal hai seis anos.

O alcalde de Barreiros leva a pleno este luns dar conta dunha resolución na que acorda iniciar unha investigación á portavoz municipal e cabeza de lista para as municipais de maio por obras realizadas na súa vivenda familiar no ano 2009, tendo obtido licenza no ano 2008. O Concello pide información sobre as obras tras ter recibido no ano 2012 unha denuncia do promotor urbanístico Xabier Díaz, un expediente que o PP tivo parado ata o 27 de marzo deste mesmo ano e que saca agora, ás portas das eleccións municipais, para tentar “desprestixiar e coaccionar ao BNG”.

“Queren utilizar esta cuestión para enlamar a campaña electoral. Están utilizando indecentemente o concello como arma electoral do Partido Popular, con actitudes propias da mafia, da mafia urbanística que veu de fóra e que está instalada en Barreiros e que conta co apoio e a colaboración do alcalde e do Partido Popular. É o mundo ao revés, o portavoz da Asociación de Promotores Inmobiliarios de Barreiros, Xabier Díaz, imputado por varias actuacións urbanísticas, un dos responsables da desfeita urbanística do Concello de Barreiros denunciando a quen denuncia esas irregularidades e á Xunta por ter paralizado no seu momento esa desfeita. O dito, é o mundo ao revés”, sentenza a cabeza de lista do Bloque.

“Atácannos, van a por nós porque molestamos. Porque denunciamos as ilegalidades urbanísticas, as cacicadas e o amiguismo do alcalde cos promotores, porque lles plantamos cara. Levámolo facendo as mulleres e homes do Bloque desde o ano 2007 e con isto non nos van calar. Somos os únicos que lles plantamos cara en Barreiros, os únicos que facemos oposición ás súas políticas no urbanismo e por iso van a por nós”, afirma Ana Ermida.

“Pensa o ladrón que todos son da súa condición”

A cabeza de lista do Bloque afirma estar “moi tranquila” e considera que a apertura desta investigación é “unha represalia política” por ter denunciado todos estes anos “as irregularidades urbanísticas que o Goberno municipal cometeu neste concello”. “Pensa o ladrón que todos son da súa condición. É un intento de enlamar e de querer igualarnos a todos, despois de que denunciaramos todas as ilegalidades que se teñen cometido en Barreiros. Pero non todos somos iguais: o BNG é honrado. E demos sobradas mostras de honradez e de firmeza en todos estes anos. Non temos nada que ocultar”, aseguran os nacionalistas.

“Atacan ao BNG e van a por nós porque molestamos”

“Na provincia de Ourense o PP ameazou e presionou á xente para que non fora nas candidaturas do Bloque. En Barreiros como non poden conseguir iso atácannos directamente a quen imos na candidatura e damos a cara. Pero estou segura de que os veciños e veciñas de Barreiros vanse rebelar diante do PP e das súas actitudes mafiosas, caciquís e antidemodráticas. E teñen a oportunidade de facelo votando ao BNG o día 24 de maio. O que queda claro que lles molesta que esteamos os do Bloque aí e que denunciemos as súas políticas”, conclúe Ana Ermida.

Para a formación nacionalista isto demostra que “o PP está nervioso en Barreiros, non lles dan as contas e por iso recorren á guerra sucia. Estas actuacións deixan en evidencia a súa actitude antidemocrática, con métodos dignos do máis puro franquismo para aniquilar ao rival político”, aseguran.