DIANTE DA MAGNITUDE DO BROTE DE COVID19, A PLATAFORMA SANITARIA ESIXE AO SERGAS E AO GOBERNO DA XUNTA QUE PROTEXAN A SAÚDE DE MARIÑÁS E MARIÑAOS

DIANTE DA MAGNITUDE DO BROTE DE COVID19, A PLATAFORMA SANITARIA ESIXE AO SERGAS E AO GOBERNO DA XUNTA QUE PROTEXAN A SAÚDE DE MARIÑÁS E MARIÑAOS.

O colectivo sanitario acusa ao Sergas do escaso seguimento que está a facer dos casos positivos en contraposición a outras comunidades limítrofes.

A Mariña, 7 de xullo de 2020. Despois de varios días  nos que están a aumentar de forma moi importante, case que de xeito exponencial, o número de positivos para coronavirus ,documentándose hoxe 119 casos positivos e aproximadamente 1100 personas en illamento preventivo, a Plataforma Sanitaria da Mariña esixe ao SERGAS e ao goberno da  Xunta que poñan todos os medios  para protexer a saúde das veciñas e veciños da comarca, diante do que podería ser un brote epidémico de gran magnitude.

Os primeiros casos documentados do rebrote de covid19 datan de finais do mes de xuño e afectaban a oito persoas tras unha reunión familiar no concello de Xove. O que parecía un foco pequeño e ben localizado, comeza a dispersarse por varios puntos da comarca a unha velocidade demasiado elevada. Apareceron focos nun parque de bombeiros , en establecementos hosteleiros de dúas localidades, nun supermercado de Ribadeo, nun clube de futbol ou en empresas do sector pesqueiro. Por esta razón instamos aos responsables sanitarios do Sergas a que demostren – se é posible – a relación  e a causística entre os positivos das diversas localizacións, pois de non ser posible “ teríamos que falar dunha transmisión comunitaria e non un brote como nos queren facer crer desde o Sergas”-comentan .

Desde o colectivo sanitario acusan ao Sergas de improvisar , xa que levamos agardando desde hai catro meses por un protocolo de rebrotes inexistente ata hai uns días, en plena expansión dos casos activos e  de illados, poñendo deste xeito en perigo á poboación e desprotexéndoa. Do mesmo xeito  reprobamos a falta de medidas contundentes ante o aumento dos casos , actuándose tarde e mal. Ao noso entender, non se debeu agardar a que os contaxios adquiriran estas proporcións , podendo ter pechado e controlado moito antes os dous concellos cero. “ A medida de confinar a comarca, inevitable a estas alturas ,  por cinco días parécenos pouco acorde coa protección da saúde, tendo en conta os confinamentos mínimos de catorce días que se decretan nestes casos, e que non atenden a causas sanitarias” – lamentan desde a coordinación da Plataforma.

Escaso seguimento das persoas illadas con PCR positivo

En relación ás persoas que están illadas no seu domicilio e que deron positivo en PCR, a Plataforma Sanitaria denuncia o escaso seguimento que se lles está a facer , pasando varios días sen recibir una chamada telefónica dos servizos sanitarios para facerlles o seguimento de control sintomático ou da súa evolución.Chama a atención que uns poucos quilómetros máis aló, pasando a ponte dos Santos, xa na comunidade veciña, o seguimento que se lles fai ás persoas positivas é moi exhaustivo,  chegando incluso a chamalas dúas veces ao día, para preocuparse do seu estado de saúde, se xurdiran síntomas e preocupándose polas persoas; máis una vez que pasei a depender da comunidade galega cesaron as chamadas, tiven que chamar eu despois duns días sen contacto algún pola súa parte, foi despois de contactar eu cando recibín a súa chamada por primeira vez en varios días– lamenta una paciente.

Para o colectivo sanitario resulta vergonzoso que ante un brote tan importante na comarca o goberno da Xunta e o Sergas dean  as costas ás personas e continúen coa súa folla de ruta do que realmente lles interesa, o proceso electoral do vindeiro domingo. De feito o confinamento da comarca que decretaron o domingo pasado é obrigado pola magnitude do brote que amenazaba con“ írselle das mans”. Esiximos aos responsables sanitarios que atendan á poboación como se merece,” pois hai persoas confinadas nas súas casas e que son positivas , que comezan a ter síntomas , que teñen medo a un agravamento da súa situación e que se sinten abandonadas polo sistema– indica a coordinadora da plataforma.

Déficit de profesionais

Ante este rebrote na comarca tan virulento , dado que estamos nunha comarca que multiplica por tres a súa poboación durante os meses de verán,   engadido a que durante o confinamento adiáronse moitas consultas , consideramos que se debe reforzar o persoal sanitario no número e lugares onde sexa necesario. Desde este colectivo condenamos públicamente a decisión do Sergas de non substituir as e os profesionais de atención primaria , constatándose a falta de substitución da pediatra que atende os concellos de Cervo e Xove desde hai catro meses, así como varios profesionais facultativos de Viveiro e a ausencia de facultativo de desplazados no centro de saúde de Barreiros. Do mesmo xeito rexeitamos as políticas sanitarias de “bloqueo informático” de camas no hospital da Mariña , nome que adoitan utilizar desde o Sergas para referirse ao peche encuberto de camas, que só conducen a agravar a precariedade tanto da asistencia como da contratación de persoal.

 

Para máis información chamar a a Montse Porteiro 615187637 ou a Víctor Vila  677343429