DENUNCIA QUE LEVA AGARDANDO OITO MESES PARA RECIBIR FISIOTERAPIA POR UNHA ENFERMIDADE INVALIDANTE

DENUNCIA QUE LEVA AGARDANDO OITO MESES PARA RECIBIR FISIOTERAPIA POR UNHA ENFERMIDADE INVALIDANTE .

O paciente está diagnosticado de espondiloartrose lumbar, enfermidade dexenerativa e invalidante que afecta aos discos e ás vértebras e que produce importante dor e rixidez ,podendo tamén desencadear espolóns que pincen raíces nervosas e hernias de disco. Por iso é clave a instauración  precoz dun tratamento rehabilitador, orientado á eliminación da dor, á melloría da mobilidade e  para evitar rixideces .

Este usuario acude ao servizo de Rehabilitación do Hospital da Mariña donde é visto pola facultativa rehabilitadora , que prescribe fisioterapia en clínica concertada o día 26 de outubro de 2017. Oito meses despois desta prescripción ainda non foi chamado .  “Como pasaba o tempo e non me chamaban da clínica privada achegueime ata alí a preguntar canto tempo máis tiña que agardar, e cal sería a miña sorpresa cando me contestan que non recibiran a petición”- comenta o paciente abraiado.

Diante desta deixadez da administración o paciente contacta coa UMAR.

Por iste motivo decide acudir á  Unidade Móbil de Axuda coas Reclamacións (UMAR), que desde hai tres meses presta axuda a usuari@s, profesionais e colectivos , e decide poñer unha reclamación que lle redacta a devandita unidade  e que se presenta no rexistro o día 20 de xuño de 2018, con número de rexistro 2518.

A solución ao gran problema da Rehabilitación e Fisioterapia pasa pola contratación de profesionais e apertura dos ximnasios de Atención Primaria en quenda de tarde.

Desde a Plataforma Sanitaria reiteramos a nosa indignación pola inexcusable falta de previsión que mantén o SERGAS e as Xerencias , que cremos é  premeditada e froito dunha estratexia para desmantelar os servizos sanitarios públicos en aras dunha privatización da sanidade que avanza a “toda máquina.” A Plataforma Sanitaria  explicou por activa e por pasiva que o gran problema das excesivas agardas podería ter solución se hai vontade política para facelo . “ Esta solución ao gran problema da rehabilitación pasa por contratar en quendas de tarde fisioterapeutas que den uso aos ximnasios que xa están habilitados en quenda de mañá , ou mesmo dotar de persoal a outros coma o de Mondoñedo , que está pechado e os pacientes desa zona vense obrigad@s a desprazarse cara a Foz, ou  habilitar un espazo no centro de saúde de Burela e dotalo de material e profesionais para  poder implantar o servizo. Gran parte dos problemas de agardas excesivas teríanse solucionado se contratarán oito fisioterapeutas que permitiran abrir as instalacións en quenda de tarde e que reforzaran tamén as tardes no servizo de rehabilitación hospitalario, como ben lle dixemos ao deputado Vega- explica o portavoz da Plataforma,  Víctor Vila.

O colectivo en defensa da sanidade pública esixe aos responsables da política sanitaria que deixen dunha vez por todas de enganar á poboación e comecen a facer as dilixencias que sexan precisas para rematar con esta situación que comeza a ser xa un problema de saúde pública e cada día que pasa tensa máis a corda da insatisfacción d@s usuari@s. “ A xente xa non está disposta a aguantar máis nen tampouco vai tolerar máis contestacións subidas de tono por parte da dirección do hospital cando est@s deciden presentar unha queixa ou sobre todo cando acuden á Plataforma Sanitaria para que lles asesore ”- conclúen.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *