Oé, Oé, Oé!!!

O fútbol a escena

Por fin o fútbol a escena. O teatro español rompe as teas de araña, sae do seu ambiente balorento, salva absurdas desconfianzas e analiza os ouriños desta sociedade perplexa.

Desde o templo frívolo que é todo estadio de fútbol e a partir de tres personaxes que confunden o importante co secundario, Maxi Rodríguez pon toda a súa intuición crítica ao servizo dunha obra refrescante. O autor saca o teatro á rúa para reflexionar sobre o que nos está pasando. Se elixe o fútbol como escusa é porque sabe que a paixón ispe ao home, confésao, e se as súas conclusións son demoledoras é porque a actualidade non dá para máis.

Veranio, Toñito e Amancio son personaxes familiares, grotescos e tenros que chegan irremediablemente ao fondo das cousas. O tres queren escapar dunha realidade frustrante e enterran a súa amargura no fútbol, posiblemente porque xa non cren en nada, nin senten representados por ninguén. O fútbol que é un bo pretexto para escaparlle ao serio, convértese así en algo esencial para aqueles que empezan perdendo a esperanza e terminan perdendo o rumbo. Dentro desa lóxica perversa, a televisión, responsable dun triste proceso de idiotización, acaba sendo o único deus que lle dá sentido ás súas vidas.

“Oé, oé, oé!” convida o seu título a un xúbilo mentireiro; a obra enteira está salpicada dun humor que de entrada fai cóxegas pero de saída rabuña. Non hai moito tempo Vitorio Gassman declarou que “o teatro é como un partido, porque é liberatorio, fai suar e regala felicidade erótica”; desde o lado contrario eu sempre crin que todo partido é como unha obra de teatro na que ninguén sabe onde está o nó. Máis aínda, frases como “o futbolista é un actor sen libreto”, “cada gol pecha un acto” ou o “medo escénico” non son máis que intentos adolescentes de emparentar dous espectáculos que merecen entenderse. Maxi Rodríguez manda outra mensaxe de conciliación, nin sequera importa o fondo crítico.

A cultura descende ao mundo do fútbol para relacionarse co popular, para coñecer á xente corrente, para reflexionar sobre (e desde) nosa paixón máis cotiá. Por fin o fútbol sobe a escena: Oé, oé, oé!

Jorge Valdano.

barra
Esta nova obra do grupo barreirense reflexiona sobre a paixón futbolística como escusa para desviar a nosa atención da crise e demais problemas que nos afectan
O grupo de teatro do Colectivo Cultural Ollomao representa “Oé, Oé, Oé!!!” o venres 20 de marzo no Auditorio Gustavo Freire de Lugo

Máis de 400 persoas viron en maio do 2012 no auditorio lugués a súa primeira montaxe, “Os vellos non deben de namorarse”

Barreiros, 16 de marzo de 2015.Oé, Oé, Oé”, a obra de teatro escrita por Maxi Rodríguez, foi a escollida para ser a segunda peza que representará o grupo de teatro do Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo, despois do éxito acadado o pasado ano coa súa primeira obra “Os vellos non deben de namorarse”, que xuntou a máis de 400 persoas no Gustavo Freire e máis de 3.000 persoas no seu periplo escénico por toda Galiza.

Ollomao achega a Lugo “Oé, Oé, Oé” despois dunha xira con esta obra por varios concellos da Mariña durante o último ano. Esta montaxe tenta facer reflexionar ao espectador sobre a paixón futbolística como escusa para desviar a nosa atención da crise e demais problemas que nos afectan como sociedade.

Esta obra, estreada en Asturias no ano 1994 percorreu gran parte da xeografía española e foi traducida ao galego por Roberto Vidal Bolaño e representada polo grupo “Teatro do Aquí” no que supuxo un dos maiores éxitos de público do teatro galego. Tamén foi estreada con grande éxito en Portugal, distintos países iberoamericanos e, recentemente, en Grecia. Nesta ocasión, o grupo de teatro de Ollomao parte do orixinal de Maxi Rodríguez para traducilo, adaptalo e actualizalo. Como di Jorge Valdano no prólogo da obra;  “Oé, oé, oé!” convida co seu título a un xúbilo mentireiro; a obra enteira está salpicada dun humor que de entrada fai cóxegas pero de saída rabuña.

A entrada custará 3 euros

A representación no auditorio lugués será o venres 20 de marzo ás 8 da tarde. A entrada a este espectáculo tén un prezo de 3 €, recadación que o Colectivo Cultural Ollomao destina ao mantemento e cobertura dos gastos do grupo de teatro. As entradas estarán dispoñibles o mesmo día da función na taquilla do propio auditorio desde unha hora antes do comezo do espectáculo.

O grupo de teatro de Ollomao comezou a súa andaina a comezos do 2013 chegando a facer ata 12 funcións da súa primeira obra “Os vellos non deben de namorarse”. Un ano despois, o pavillón de San Miguel de Reinante, en Barreiros, volvía converterse nun auditorio para acoller a primeira representación de “Oé, Oé, Oé”, que chega agora a Lugo.

Noticias de Barreiros