CONTINÚA O BARREIROS CONVÍDATE, CON 5 ACTUACIÓNS PARA REMATAR O MES DE AGOSTO

CONTINÚA O BARREIROS CONVÍDATE, CON 5 ACTUACIÓNS PARA REMATAR O MES DE AGOSTO

Música nas prazas e cine ó aire libre en 5 ubicacións diferentes.

Barreiros, 21 de agosto de 2020. A programación cultural organizada polo Concello de Barreiros, como mostra da aposta pola reactivación cultural do municipio, visita neste final de mes cinco localizacións diferentes (Celeiro, San Cosme, San Bartolo, San Xusto e Vilamartín Grande) co obxectivo de “achegar, pouco a pouco, os actos culturais a cada recuncho do concello” segundo o concelleiro de dinamización e participación veciñal, Dani García. “Tivemos unha boa acollida das primeiras 3 actividades con moita participación e moito respecto polas normas de hixiene polo que lle agradecemos á xente a comprensión das circunstancias peculiares nas que se desenvolve a programación e invitámola a seguir disfrutando dela” apunta o concelleiro.

As vindeiras actuacións serán as do grupo Tumba e Dálle en Celeiro de Mariñaos (sábado 22, 20:30h ), a Banda de música de Foz na pista de San Bartolo (domingo 23, 20:30h) mentres que Charo Pita actuará na praza do Concello co seu espectáculo “a familia papaventos” dirixida ó público infantil (luns 24, 19:30h). Para o mércores 26 a cita será co cine ao aire libre coa proxección do fime “O que arde” en San Xusto (22h) e cerrará o mesde Agosto a actuación de Tumba e Dálle en Vilamartín Grande (sábado 29, 20:30h).

Esta serie de actividades enmárcanse dentro do programa Barreiros Convídate financiado con abeiro ao plan único da Deputación de Lugo, ademais da aportación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero con cargo ao que se organiza a actividade “a familia papaventos” de Charo Pita.

Unha programación cultural adaptada á nova normalidade

As áreas de dinamización e participación veciñal e de igualdade do Concello de Barreiros realizaron esta programación de xeito transversal adaptando a oferta cultural do municipio ás normativas vixentes co fin de achegar as actividades culturais e educativas a todo o concello.