CONDE DESTACA A EMPRESA DE BARREIROS MAMUT TECH COMO UN REFERENTE DE EMPRENDEMENTO INNOVADOR

O conselleiro de Economía e Industria visita a compañía mariñá dedicada ao deseño e fabricación de maquinaria adaptada ás necesidades dos clientes200515 Foto visita conselleiro Barreiros 1

CONDE DESTACA A EMPRESA DE BARREIROS MAMUT TECH COMO UN REFERENTE DE EMPRENDEMENTO INNOVADOR

Resalta a contribución desta peme á modernización tecnolóxica das explotacións agrícolas e gandeiras, permitindo incrementar a súa produtividade

Salienta que exemplos como Mamut Tech animan a “ver o peso da industria en Galicia dunha forma global” ao impulsar proxectos desde o rural

Sinala que esta liña de traballo se encadra na Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0, que persegue fixar tecido industrial en Galicia e incrementar o peso do PIB na industria

Barreiros (Lugo), 20 de maio de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou esta tarde a compañía de Barreiros Mamut Technology como un referente de emprendemento innovador, contribuíndo á fixación de tecido industrial no rural galego. Na súa visita a esta empresa nova dedicada ao deseño e fabricación de maquinaria agrícola, adaptada ás necesidades dos clientes para lograr o aumento da produtividade e asegurando a calidade final, Conde, que estivo acompañado polo alcalde de Barreiros, José Alfonso  Fuente Parga, resaltou a contribución de Mamut Tech á modernización tecnolóxica das explotacións agrícolas e gandeiras, que teñen unha especial importancia en Barreiros e en toda a comarca.200515 Foto visita conselleiro Barreiros 2

O conselleiro sinalou que este tipo de iniciativas permiten “facer máis industria en Galicia”, un proceso que responde aos obxectivos marcados pola Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0. Esta, explicou Conde, busca fixar tecido industrial na Comunidade, potenciando unha industria competitiva, intelixente, diferenciadora e xeradora de emprego. Esta folla de ruta, que pon o foco nas necesidades concretas das pequenas e medianas empresas, ten entre os seus obxectivos incrementar o peso da industria no PIB da comunidade ata acadar o 20% no ano 2020.

“Temos que traballar nesa dirección, e exemplos como Mamut Technology animan a ver o peso da industria en Galicia dunha forma global, contando no rural, en Barreiros, con proxectos industriais moi importantes”, subliñou Conde, quen resaltou o papel do polígono municipal no desenvolvemento da actividade empresarial. “Infraestruturas como esta permitan desenvolver este tipo de proxectos”, salientou.

Neste contexto, o conselleiro destacou a aposta que está a facer a Xunta por ofertar solo industrial a un prezo competitivo, obxectivo do programa de abaratamento de solo incluído na Axenda, que contempla rebaixas de ata o 50% no custo do metro cadrado e financiamento, a través do Igape, de ata o 40% do custo dos proxectos. O Barreiros é un dos parques empresariais beneficiados, o que ten permitido a venda de 11 parcelas de Xestur que suman máis de 8.000 metros cadrados.

SAÚDOS,

GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA