CONCLUÍU EN SANTIAGO A PEREGRINACIÓN DUN GRUPO DE VECIÑOS E VECIÑAS DE BARREIROS QUE PERCORRERON O CAMIÑO PRIMITIVO

DESPOIS DE NOVE ETAPAS, REALIZADAS OS SÁBADOS, CONCLUÍU EN SANTIAGO A PEREGRINACIÓN DUN GRUPO DE VECIÑOS E VECIÑAS DE BARREIROS QUE PERCORRERON O CAMIÑO PRIMITIVO ENTRE FONSAGRADA E COMPOSTELA.

Barreiros, 22 de xuño de 2016. Concluíu a peregrinación a Compostela, que durante nove sábados realizaron un grupo de 45 veciños e veciñas de Barreiros. Neste 2016 elixiron o Camiño Primitivo desde Fonsagrada ata Santiago.

O concelleiro de Medio Ambiente, José Manuel Gómez Puente, explicou que “fixemos un total de 5 quilómetros, os que separan o Monte do Gozo da Catedral de Santiago. Aos 45 peregrinos que fixemos o Camiño uníronse familiares e outros veciños, en total 90 persoas, que realizamos xuntos este treito do Camiño”.

O edil barreirense sinalou que “foi un día de confraternización, de gozar do esforzo realizado. Os peregrinos entramos pola Porta Santa, abrazamos a imaxe do apóstolo Santiago, visitamos a súa tumba e asistimos á misa do peregrino, contemplando o maxestuoso botafumeiro”.

Gómez Puente engadiu que “o Concello de Barreiros para esta viaxe a Santiago, que tivo lugar o pasado sábado, participou con dous autobuses. Estamos moi contentos coa experiencia de facer un ano máis o Camiño de Santiago, e da relación de amizade e axuda que xurdiu durante este tempo entre os nosos camiñantes”. E lembrou que “o Concello desde o ano 2004 está a realizar de xeito periódico peregrinacións polos distintos Camiños de Santiago, ao seu paso pola provincia de Lugo”.

O concelleiro de Medio Ambiente agarda que “volvamos repetir máis peregrinacións xuntos, polo que xa animo a quen estea interesado a que se anoten xa nas oficinas de turismo do Concello de Barreiros”.

220616 Foto peregrinación Barreiros 2 220616 Foto peregrinación Barreiros 1