Con Voz de Muller 8-M, un novo ciclo de concertos en feminino da Deputación que chegará a Barreiros

Lugo, 2 de marzo de 2022. A Deputación de Lugo lanza esta fin de semana o ciclo de concertos Con Voz de Muller 8-M, unha nova iniciativa organizada por primeira vez este ano pola institución, que pretende achegar aos concellos da provincia música en feminino con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemora cada 8 de marzo. A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro García, explica que serán gratuítos para facilitar a participación cidadá e incide en que o obxectivo é “sensibilizar, romper estereotipos e favorecer a visibilización e o empoderamento das mulleres a través da música de mulleres con voz propia que cantan e expresan os nosos dereitos a través da música, como o fan os catro grupos que eliximos para esta primeira edición deste ciclo de concertos”.
Loureiro pon o foco en que “cada vez máis temos máis voces no noso panorama musical mulleres que fan música con linguaxe propia, que lle poñen letra á nosa realidade e reivindicacións, que falan das diferentes formas de querer, e que son o exemplo de como xuntas somos máis e mellores”. Con esta filosofía a Deputación programou para este venres, 4 de marzo, en Vilalba, o concerto de Laura LaMontagne & PicoAmperio; para o sábado, 5 de marzo, o de Uxía na Fonsagrada e o de De Vacas en Taboada; e para o domingo, día 6, o de Habelas Hainas en Barreiros.

Nas súas palabras, a Deputada de Muller e Igualdade recalca que dende a Deputación “pensamos en actividades e horarios para un público familiar e xente nova”. “Cremos que pode ser interesante que os nosos pequenos e pequenas veñan, porque a música é expresión, liberdade e emoción, e a música serve para conmover e remover conciencias”, indica. Subliña Loureiro que neste mundo, o da música, as mulleres seguen véndose obrigadas a loitar contra a invisibilización e o machismo que sofren, como traballadoras, tanto detrás como sobre o escenario, polo que temos que “proxectalas, escoitalas e sentilas”.

Programa ciclo Con voz de muller 8-M

Vilalba – Concerto de Laura LaMontagne & PicoAmperio
Data: Venres, 4 de marzo ás 20.00 horas
Lugar: Auditorio Carmen Estévez

A Fonsagrada – Concerto de Uxía
Data: Sábado, 5 de marzo, ás 20.00 horas
Lugar: Salón de Actos dos Chaos

Taboada – Concerto de De Vacas
Data: Sábado, 5 de marzo, ás 19.00 horas
Lugar: Salón de Actos dos Chaos

Barreiros- Concerto de Habelas Hainas
Data: Domingo, 6 de marzo, ás 19.00 horas
Lugar: Centro Sociocultural Manuel Díaz Sampedro

Artistas
Laura LaMontagne & PicoAmperio. Laura LaMontagne comeza o seu proxecto con PicoAmperio (DJ e produtor) en xullo de 2019 entre Santiago de Compostela e Lugo. Viñan de experiencias moi dispares. Pedro (Teo, 1995) participou do colectivo ‘Hip Hop Ateneu’ e dos grupos Pura Mestura e Furnier. Mentres que Laura (Lugo, 1993) experimentou nos recitais de poesía de Compostela, en concertos en solitario e noutros proxectos previos dos que formou parte. Melodías suaves, bucles vocais, percusións marcadas e atmosferas rascadas son elementos esenciais da súa particular expresión artística. Na súa proposta mesturan música medieval galaico-portuguesa, ambiente hip hop e poesía, poñendo especial atención nas obras de Martín Códax, Airas Nunes, Rosalía de Castro e Luz Fandiño. Unha listaxe á que en 2021 se suma a poeta Xela Arias, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas.

Uxía, natural de Mos, é considerada unha das maiores embaixadoras da música galega. Nos seus máis de 30 anos de carreira artística renovou a música tradicional galega conectándoa coas culturas atlánticas, mesturando alalás con morna, fado ou ritmos brasileiros. Dende a súa estrea con Foliada en 1986, o seu repertorio foi medrando ata ter publicados 12 discos polos que recibiu importantes recoñecementos, que a levaron a viaxar por todo o mundo chegando a países como o Brasil, Portugal, Cabo Verde ou Guinea-Bisáu, cantando con artistas como João Afonso, Dulce Pontes, António Zambujo, Rui Veloso ou Tito Paris.

De Vacas é unha formación galega composta polas voces de Faia Díaz, Inés Salvado e Paula Romero. Presentan un espectáculo fresco, reivindicativo, con harmonías cálidas e guitarra, unidas ao son do matraquillo cando é preciso, luces e coidada posta en escena. Seguen amosando a súa querencia polas autoras galegas como Marta Sánchez, Rosalía de Castro ou Enrique Igrexas, e profundizan nas temáticas de corte social. As grandes referencias da adolescencia latexan ao fondo, consideran que son unha fonte inesgotable de creación que queren seguir explorando.

Habelas Hainas é un grupo de mulleres que é un exemplo do novo trad e folk galego, onde as mulleres van ocupando, cada vez máis, o protagonismo. O grupo nace en 2010 cando Arantza Alfaia, Patricia Gamallo, Jara Ortiz e Sandra Tamayo, cada unha delas cunha longa traxectoria no mundo da música tradicional, cruzan os seus camiños. Cantan dende unha óptica feminista e socialmente comprometida cun son enérxico e orixinal onde soa o tamboril, o bombo, darbuka, caixón flamenco, o bombo, a pandeireta , a gaita, a guitarra, o acordeón, os crótalos árabes e o pandeiro.

30 reportaxes, 30 mulleres da provincia
A Deputación de Lugo continúa este ano coa campaña audiovisual que iniciou no 2021 de difusión de pequenas reportaxes elaboradas polo Servizo de Audiovisuais onde se conta a historia e vivencias persoais de mulleres en primeira persoa que residen na provincia de Lugo e traballan en profesións diversas. Ata o momento fixéronse 30 reportaxes, 30 historias doutras tantas mulleres que cada día traballan no territorio da provincia en profesións nas que, aínda hoxe, predominan os homes.

Coñécense diferentes ópticas, roles e experiencias co obxectivo de visibilizar as situacións de desigualdade que se dan no día a día e, á vez, poñer en valor os numerosos logros diarios que consegue cada unha delas nas múltiples tarefas que asumen a maiores da súa profesión.

O ciclo visualiza a vida e o traballo de xornalistas, arquitectas, gandeiras, condutoras de autobús, empresarias do sector da construción, redeiras, maxistradas ou mulleres que viven do deporte, entre moitas outras. Estas reportaxes pódense ver na conta de YouTube do Servizo Audiovisuais e nas redes sociais Facebook e Twitter deste servizo da Deputación.

Centros de maiores
A Deputación de Lugo prepara ademais nos seus 7 centros de atención a maiores un conxunto de actividades co gallo deste 8 de marzo co fin de traballar coas persoas maiores as desigualdades que sofren as mulleres no seu día a día e nas diferentes profesións que teñen.

En cada unha das sete residencias provinciais –situadas en Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Castroverde e Meira– terán a súa propia programación, escollendo actividades e accións concretas como relatorios, cine, conversas e debates adaptados á realidade de cada unha das residencias.

Declaración institucional e xornada A Forza das Mulleres Rurais
Estas actividades conmemorativas do 8M dan continuidade a outras iniciativas promovidas pola Deputación para celebrar esta data e seguir defendendo a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. Así, o Pleno da Deputación de Lugo aprobou a semana pasada unha Declaración Institucional con motivo do 8M, no que a institución reafirma o seu compromiso cos valores do feminismo, esenciais para acadar unha sociedade xusta, e incidindo en que “a igualdade, plena e efectiva, é un obxectivo social irrenunciable e unha necesidade para consolidar a calidade dos sistemas democráticos”.

Así mesmo, a institución provincial coorganizou xunto á Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR) a xornada A Forza das Mulleres Rurais, un encontro que se celebrou a semana pasada no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) e que reuniu a unhas 300 mulleres. Contou coa presenza da Vicepresidenta Terceira do Goberno de España e Ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera.