COMUNICADO DO CONCELLO DE BARREIROS AO RESPECTO DO USO E DISTRIBUCIÓN DE MÁSCARAS

COMUNICADO DO CONCELLO DE BARREIROS AO RESPECTO DO USO E DISTRIBUCIÓN DE MÁSCARAS

Fecha de publicación:
Martes, 21 Abril, 2020 – 19:00

Nos últimos días estamos asistindo a unha febre por conseguir calquera tipo de máscara que poida protexernos da COVID-19. Unha febre que se palpa na sociedade e que está collendo tintes de desesperación, a pesar de que -por agora- nin o Ministerio de Sanidade nin tampouco a OMS están recomendando o uso masivo de mascarillas entre a poboación.

A iso contribúen en certo modo as noticias que saen na televisión e nos xornais e unha certa indefinición ao respecto na comunicación que está facendo o goberno. Incluso estamos asistindo a unha sorte de carreira mediática entre algúns concellos e administracións por ver quen é capaz de repartir entre a poboación un maior número de máscaras.

Nun contexto de escaseza e de prezos astronómicos, esa teima por distribuír cubrebocas pode ter -está tendo- dúas consecuencias inmediatas: que se estea alimentando un estado xeral de ansiedade por conseguir máscaras e, ademais, que se estea contribuíndo a crear un falso sentimento de protección que faga descoidar o que si é importante, como por exemplo manter a distancia social de alomenos 2 metros, tusir contra panos desbotables, lavar ou desinfectar as mans con regularidade ao longo do día e non tocar a boca, os ollos ou o nariz.

Neste escenario, o Concello de Barreiros segue aplicando as recomendacións da FEGAMP e das autoridades sanitarias, na liña de non deixarse levar pola febre colectiva e de actuar de maneira coherente e responsable ata onde chegan as súas competencias.

Por esta razón, os envíos de material da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado estanse destinando á protección do persoal do SAF e dos servizos básicos -os lotes tampouco dan para máis- e optouse, como medida consecuente coa responsabilidade que debe tinguir calquera actuación municipal nestes intres, por non facer compras nin distribucións masivas de máscaras ante a imposibilidade de garantir a súa efectividade.

Unha postura que se adoptou desde o primeiro momento na consideración de que deben ser a Xunta e o Estado, como administracións competentes en materia sanitaria, quen articulen un sistema de abastecemento obxectivo, equitativo e por cauces oficiais que estea baseado en criterios científicos.

Por outra banda, en moitos casos dos que aparecen nas noticias da prensa, o que se están repartindo son máscaras hixiénicas ou de tipo cirúrxico deseñadas para un uso puntual dunhas poucas horas que despois deben tirarse. Porén, a realidade é que moitas persoas están reutilizándoas unha chea de veces sen decatarse -porque ninguén llelo explicou- de que a máscara xa perdeu as súas propiedades e que incluso pode ser o punto de entrada do virus se non se empregan correctamente ou se se fai durante máis tempo do debido.

Así as cousas, o Concello de Barreiros continúa aplicando os protocolos que, de momento, son os oficiais e que se centran en desinfectar espazos públicos e en protexer o persoal municipal con máscaras e outro equipamento de protección individual homologado que está chegando semanalmente por medio dos envíos do SERGAS. Un material que dá para ir cubrindo as necesidades diarias e co que se pretende tanto protexer ás traballadoras e traballadores como evitar que poidan ser un vector de posibles de contaxios ás persoas usuarias.

Desde o Goberno local considérase que non é prudente nin responsable que o Concello asuma o reparto de mascarillas por varios motivos:

• Nin a información da OMS nin a do Ministerio de Sanidade sinalan por agora a obriga de utilizar máscaras de forma xeralizada entre a poboación, e en ambos casos séguese insistindo en que as medidas máis efectivas para previr contaxios son o confinamento, a hixiene e a distancia social. De feito, a orde SND/354/2020 publicada nesta pasada fin de semana no BOE ao respecto das medidas excepcionais para garantir o acceso da poboación a produtos como as máscaras, as luvas e os xeles hidroalcólicos, volve insistir nas recomendacións para previr contaxios: “o distanciamento interpersoal de aproximadamente dous metros; a hixiene de mans con xabón, como medida máis sinxela e eficaz para previr a transmisión sendo a alternativa, se non se tivese acceso, usar solución hidroalcólica; a limpeza e desinfección dos obxectos de uso persoal como lentes, móbiles, teclados, rato, tarxetas, etc.; as medidas para adoptar nos domicilios e zonas comúns como son a adecuada ventilación, a limpeza diaria, utilizando auga e xabón para as superficies de contacto frecuente ou a utilización de luvas dun só uso nas zonas comúns das casas”. Este listado de recomendacións finaliza dicindo que o uso de máscaras só estaría recomendado “cando non se pode manter a distancia interpersoal”.

• Nun contexto como o actual en que existen dificultades a nivel mundial para conseguir máscaras e outro material sanitario, todos os lotes que se distribúan no Estado deberían contar con suficientes garantías de homologación e seguir un protocolo de reparto marcado polas autoridades sanitarias de forma unificada e coherente. O Concello de Barreiros xa lle enviou á Xunta de Galicia hai varios días unha solicitude para que, como administración competente na materia, coordine co Estado a distribución deste tipo de equipamento en Galicia. Esa petición céntrase en tres cuestións fundamentais: que as máscaras cheguen a quen realmente o necesita -que é distinto de que cadaquén pense que o necesita-, como son grupos de risco (maiores de 60 anos, persoas con diabete, doenzas coronarias ou respiratorias, persoas inmunodeprimidas ou persoas en tratamento contra o cancro), que ese reparto se concentre en farmacias ou nos centros de saúde como xeito de asegurar un reparto obxectivo e, por último, que haxa dispoñibilidade deses produtos a prezos asequibles e taxados, algo que o Estado regulará nestes días a través do BOE despois de publicar as condicións de certificación e identificación que deberán reunir as máscaras que se comercialicen.

• Os concellos, como administracións máis achegadas á veciñanza, deben cumprir todas as medidas de contención do virus ata onde chegan as súas competencias, que son: o mantemento do funcionamento administrativo e dos distintos servizos adaptándose ás actuais circunstancias, a prevención de contaxios entre o persoal municipal e as persoas usuarias dos servizos públicos e a desinfección de equipamento e mobiliario urbano, ademais do reforzo na atención aos colectivos máis vulnerables que puidesen ver empeorada a súa situación como consecuencia dos efectos da crise sanitaria. Entre eses cometidos non se encontraría o reparto masivo de mascarillas ou cubrebocas, ante a imposibilidade de ofrecer eses elementos de protección con totais garantías sobre a súa efectividade, cos avais de homologación preceptivos e en número suficiente para cubrir as necesidades obxectivas da poboación municipal que, por outra banda, o Concello nin pode nin debe establecer.

• Consideramos que calquera Administración local debe actuar sempre con coherencia e responsabilidade, e máis nunha situación como a actual en que non se debe fomentar o pánico colectivo nin tampouco un estado xeral de ansiedade por conseguir certos produtos de hixiene e protección. Por esa razón o Concello sempre estará ao que ditaminen as autoridades sanitarias, sen emprender pola súa conta ningún tipo de medida que vaia en contra dos protocolos e recomendacións que hai en vigor nestes momentos, nos que se indica que o uso de mascarillas só é importante en persoas que teñan síntomas -tose, febre, falta de aire- ou infectadas con coronavirus. Na información para a cidadanía facilitada polo Ministerio de Sanidade mesmo se chega a indicar o seguinte: “Se coidas dunha persoa con infección ou sospeita de infección por coronavirus, a unha distancia menor a 1 metro, o pacente deberá levar unha mascarilla cirúrxica”.

Alén destes motivos, ben é certo que nas últimas semanas houbo un grande movemento solidario entre distintos colectivos para producir e achegarlle á poboación máscaras e pantallas plásticas de fabricación caseira que non contan con certificación oficial, o que non significa que non ofrezan certos niveis de protección.

No caso de Barreiros, hai uns días recibimos 50 pantallas de protección doadas que foron distribuídas polo Concello entre o persoal municipal, o do Centro de Saúde e a Garda Civil e seguimos contando coa solidariedade da veciñanza que segue a fabricar cubrebocas caseiros . Desde o Concello quéreselles expresar a todas elas o agradecemento por dedicar tempo e esforzo ao ben común nunhas circunstancias tan difíciles.

Do mesmo xeito que o Concello non pode nin debe asumir un reparto unilateral de máscaras, tampouco sería lícito nin entendible que retivese ese material solidario e, por este motivo, está a canalizar a súa distribución entregándoo nos establecementos comerciais que continúan abertos -farmacias, supermercados e tendas de alimentación, etc- coa finalidade de que fagan uso del no caso de non dispor doutro equipamento individual e que o repartan de balde entre a súa clientela até esgotar as existencias, acompañado dunha folla informativa sobre a consideración de dito material como caseiro, non homologado nin de protección, e achegando instruccións para o seu uso.