COMEZARON AS OBRAS DO NOVO DEPÓSITO DE AUGA DE SAN CAETANO, EN BARREIROS

COMEZARON AS OBRAS DO NOVO DEPÓSITO DE AUGA DE SAN CAETANO, EN BARREIROS. OS TRABALLOS FORON SUPERVISADOS POLO ALCALDE. O INVESTIMENTO ASCENDE A 1 MILLÓN DE EUROS E O PRAZO DE EXECUCIÓN É DE 6 A 7 MESES.

Barreiros, 25 de agosto de 2017. Deron comezo as obras do novo depósito de auga de San Caetano, en Barreiros. Estas obras xa foran adxudicadas hai un tempo pero empezaron hoxe tras contar con todas as autorizacións pertinentes. O investimento ascende a 1 millón de euros e o prazo de execución será de seis a sete meses, segundo anunciou esta mañá o alcalde.

Alfonso Fuente contou que “hoxe visitaba o inicio das obras do novo depósito cabeceira en San Caetano, en Celeiro de Mariñaos, que é o que dá servizo a toda a rede de augas. É unha obra que se ben xa fai meses foi adxudicada, non se iniciara dado que estábamos pendentes de autorizacións do Ministerio de Fomento, e polo tanto hoxe se daba inicio a eses traballos que van supoñer unha mellora importantísima na rede de abastecemento de auga”.

O rexedor dixo que “este verán houbo moitísimo consumo de auga, pero puidemos afrontalo sen ningún problema, sen cortes, pero con iso non podemos pensar que xa está todo solucionado, senón que hai que seguir mellorando e polo tanto imos aumentar ese depósito cabeceira, mellorar a depuradora e todo de cara aos vindeiros anos que se prevé un aumento importante de visitantes no noso concello”.

O alcalde de Barreiros sinalou que “as obras é posible que duren seis ou sete meses dado que é un investimento importante porque estamos a falar de preto de 1 millón de euros”.

Fuente Parga advirte que “nalgún momento pode haber cortes como xa pasaba hoxe que tocaron un tubo que abastece á zona de Cabarcos e A Rigueira, foi reparado en menos dunha hora, pero dado o calibre das obras nalgún momento, sobre todo dentro dun par de meses, xa iremos avisando dos cortes que poidan producirse sempre que se poida e non sexa unha rotura inesperada ou fortuíta”.

O rexedor engadiu que “se vai intentar facer a obra, tendo en conta que falamos de facer un novo depósito pegado ao depósito que dá servizo a toda a rede, e de facer unha nova depuradora que vai ubicada no mesmo sitio onde está a outra funcionando, nalgún momento pode haber algún día que haxa que facer eses axustes ou eses cambios que poidan supoñer algún problema no abastecemento”.

O alcalde de Barreiros lembrou que “estas obras son financiadas con cargo ao convenio asinado no seu día cos promotores”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *