COMEZAN EN BARREIROS OS TRABALLOS DE LIMPEZA DO INTERIOR E EXTERIOR DOS COLECTORES DE LIXO

COMEZAN EN BARREIROS OS TRABALLOS DE LIMPEZA DO INTERIOR E EXTERIOR DOS COLECTORES DE LIXO

Barreiros, 11 de setembro de 2019. A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e o concelleiro de medio ambiente, Dámaso Ratoeira, supervisaron na mañá de hoxe o comezo dos traballos de limpeza dos colectores de lixo que se levarán a cabo nos vindeiros días.

O concelleiro de medio ambiente explica que “os traballos consistirán inicialmente nunha limpeza interior dos colectores amarelos e verdes para completala posteriormente con una limpeza do exterior, logrando unha maior duración dos mesmos e un estado máis agradable.”

Ana Ermida sinala que “esta medida, que é a primeira vez que se realiza no noso concello, é moi necesaria para garantir a boa imaxe do municipio e tamén a saúde pública, evitando malos cheiros e contribuíndo a ter un concello máis limpo e máis agradable.”

A limpeza iniciarase nos núcleos máis poboados, San Cosme e San Miguel, para ir ampliándose paulatinamente a todos os colectores do municipio.

Desde o goberno municipal lembran a necesidade de depositar os residuos no colector verde en bolsas pechadas, así como a prohibición de depositar residuos fóra dos colectores; xa que xenera unha moi mala imaxe e incrementa notablemente os custos de recollida, ao non poder realizarse de xeito planificado.

Dámaso Ratoeira sinala que o Concello ten en marcha un servizo de recollida de restos vexetais e de residuos voluminosos que se realizan a domicilio, previa anotación nas oficinas municipais, todos os martes e xoves respectivamente. A maiores, lembra que o punto limpo municipal está aberto os luns e xoves de 9 a 13 horas, de xeito que calquera persoa do municipio pode achegar os residuos para o seu depósito.