Charla que celebraremos este xoves, centrada no sector forestal

A xestión e posibilidades que ofrecen os nosos montes para o desenvolvemento rural, tema da charla universitaria deste próximo xoves, da man do Colectivo Cultural Ollomao.

O luns na Dulceria en San Miguel

Barreiros, 24 de marzo. Este xoves ás 20:30h., o bar “Lozano” de Celeiro de Mariñaos acollerá unha sesión informativa adicada ao sector forestal.

O Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros organizou para este pasado luns unha charla adicada ao sector lácteo galego, na cal Antonio Oca e Francisco Sineiro falaron do pasado e futuro da PAC e do panorama que presenta o sector gandeiro nun futuro libre de cotas lácteas. Na sesión tomaron parte preto de medio cento de persoas, na súa maioría gandeiros que participaron de maneira activa nun coloquio final. A cita tivo lugar no bar “A Dulcería” de San Miguel de Reinante, formando parte do ciclo de charlas a realizar en bares do concello coa finalidade de contribuir á dinamización da hostalería de Barreiros.

A segunda sesión adicada ao sector agroforestal galego está citada para este xoves, 26 de marzo. Terá lugar no bar “Lozano” en Celeiro de Mariñaos ás 8 e media da tarde. Para esta ocasión, Ollomao convidou a Mar Pérez Fra, profesora da USC e a Mariam Ferreira Golpe, técnica forestal, a falar das posibilidades que ofrecen os montes galegos de cara a ser aproveitados como recurso para o desenvolvemento rural. Na sesión, ademais dunha parte introductoria na cal se expoñerán cifras da superficie de monte desaproveitado e perdas económicas que iso conleva, daranse a coñecer experiencias de éxito, mostra de qué alternativas ofrece o sector forestal e de qué xeito serven para o asentamento territorial e o futuro do rural galego.

Ao igual que nas charlas anteriores, a asistencia é libre e de balde, aberta a todas as persoas interesadas, e non sendo preciso apuntarse por adiantado.