Archivo de la categoría: Política local

 O BNG explicou no Valadouro as súas propostas evitar a escandalosa suba do recibo da luz

 O BNG explicou no Valadouro as súas propostas evitar a escandalosa suba do recibo da luz

A deputada do BNG Olalla Rodil e o alcalde nacionalista de Muras, Manuel Requeixo, xunto co tenente alcalde do Valadouro, Eduardo Chao informaron á veciñanza das iniciativas ao respecto.

A Mariña, 1 de novembro 2018. Dentro da campaña que o BNG vén desenvolvendo desde o pasado mes contra a escandalosa suba do recibo da luz, os nacionalistas celebraron  unha xuntanza coa veciñanza do Valadouro para falar desto que resulta ser unha auténtica estafa, nun país coma Galiza, productor de electricidade.

O Concello de Muras, un exemplo a imitar

O alcalde nacionalista de Muras, Manuel Requeixo, expuxo o modelo desenvolvido no seu concello, donde as veciñas e veciños benficianse dos rendimentos dos parques eólicos instalados alí, grazas a que o concello estableceu unha ordenanza para devolver aos veciños o importe do recibo da luz. Eduardo Chao, tenente alcalde do Valadouro puxo como referencia  o exemplo do concello veciño de Muras, máxime  tendo en conta que no término municipal do Valadouro tamén hai instalados xeneradores eólicos.

Tarifa Elécrica Galega, para que a factura da luz sexa mais barata

Neste acto, que foi presentado por Ruth Rodríguez, do BNG no Valadouro, a deputada no Parlamento de Galiza, Olalla Rodil explicou as iniciativas que o BNG vén presentando non só agora, senón desde hai moitos anos, no parlamento e noutras institucións. “Nós producimos electricidade, e temos dereito a que esa riqueza reverta sobre o pobo galego, e non podemos permitir que

Galiza pase a ser o teritorio que pague a factura da luz mais cara do Estado”, afirmou.

As alternativas que propón o BNG para rematar con este espolio son, entre outras, a creación dunha tarifa eléctrica propia para Galiza que atendendo aos verdadeiros custos da produción, a factura da luz sexa mais barata que a actual en benficio de consumidor@s particulares e das nosas empresas. E tamén a baixada do IVE na factura eléctrica, baixándoo do actual 21% ao 4%.

Campaña do BNG por toda  A Mariña

A responsable comarcal do BNG, Ana Ermida, anuncia que esta campaña iniciada en Mondoñedo o 19 de outubro nas San Lucas, vai seguir desenvolvéndose nos meses de novembro e decembro na práctica totalidade dos concellos da comarca, con instalación de mesas para recollida de sinaturas contra a suba do recibo, difusión de dípticos informativos e tamén con actos públicos coma este que vén de celebrarse no Valadouro,  e así mesmo  presentando mocións nos concellos.

 

O CONCELLO DE BARREIROS DESTINA ARREDOR DO 10% DO ORZAMENTO A PAGAR FACTURAS DUN ÚNICO GRUPO DE EMPRESAS DO MESMO TITULAR

O CONCELLO DE BARREIROS DESTINA ARREDOR DO 10% DO ORZAMENTO A PAGAR FACTURAS DUN ÚNICO GRUPO DE EMPRESAS DO MESMO TITULAR

Facturas por traballos no alumeado, instalacións en festas, pintado ou reparacións de edificios diversos ou transporte preséntanse sistematicamente por un mesmo grupo de empresas; ás que deben sumarse os contratos de mantemento do alumeado e de abastecemento de auga dos que resultaron adxudicatarios.

Barreiros, 31 de outubro de 2018. O Bloque Nacionalista Galego vén de comprobar que o goberno de Barreiros encarga sistematicamente traballos a un mesmo grupo de empresas cuxa titularidade é coincidente e para os que se destinan arredor de 400.000 euros anuais. Esta cantidade obtense sumando facturas de conceptos tan diversos como pintado de igrexas, reparacións en edificios, instalacións eléctricas en festas, reparacións no servizo de augas ou traballos de poda; aos que se engaden os contratos de mantemento de alumeado eléctrico e o recentemente privatizado servizo de mantemento do abastecemento de auga.

Segundo se pode comprobar nos datos publicados polo propio Concello en cumprimento da Lei de contratos, que obriga a publicar as adxudicacións directas con independencia do importe; só nos meses de abril, maio e xuño ese grupo, ben sexa como persoa física ou xurídica, recibiu pagos por importe de 109.190,26 euros. A esas facturas, que non se apoian en ningún contrato con procedemento aberto, hai que sumar as cantidades relativas aos contratos de mantemento do alumeado (que ten un orzamento anual de 153.500 euros) e o recentemente adxudicado contrato de mantemento do abastecemento de auga (que supón un custo para dous anos de 217.800 euros).

A portavoz nacionalista no concello, Ana Ermida, sinala que se dan “situacións tan curiosas como que en só dous días do mes de abril esas empresas facturan ao Concello de Barreiros 55.863,97 euros; correspondentes a facturas dunha mesma denominación social do 3 de abril por importe total de 20.185,43 euros e 35.678,54 euros, do 4 de abril, doutro provedor do mesmo grupo.” “E mesmo- asegura- dúas das facturas de distintos días correspondían ao traslado dun pantalán e traballos no mesmo, sen estar aínda aprobada e autorizada a súa colocación.”

A formación nacionalista asegura que “co importe dos dous contratos, segundo o previsto nos orzamentos, supoñen anualmente un gasto de máis de 262.000 euros. Só sumando as facturas xa presentadas neste ano e esa cantidade, obtense un total de 371.590,23 euros.”

“Tendo en conta que o Concello de Barreiros presenta un orzamento de 4,4 millóns que na realidade quedan en arredor de 3,7 millóns reais, o gasto que supoñen pode superar anualmente o 10% do orzamento municipal”, manifestan.

Desde o BNG cualifican esta situación como “anormal, porque un Concello coma Barreiros non pode permitirse gastar unha porcentaxe tan importante do seu orzamento nun mesmo grupo de empresas, provocando de facto un monopolio na prestación de servizos municipais e mesmo creando confusión na poboación á hora de discernir a relación das persoas empregadas nesas empresas e o Concello de Barreiros.”

O BNG INICIA ENCONTROS POR SECTORES PARA RECOLLER PROPOSTAS PARA O CONCELLO  DE BARREIROS

O BNG INICIA ENCONTROS POR SECTORES PARA RECOLLER PROPOSTAS PARA O CONCELLO  DE BARREIROS

As reunións xuntarán a mocidade; ao sector agrogandeiro; ao sector turístico; a  persoas e entidades con interese no deporte, cultura e ocio e aos axentes nos aproveitamentos do monte.

Barreiros, 29 de outubro de 2018. O Bloque Nacionalista Galego en Barreiros continúa escoitando á veciñanza para recoller as necesidades e as propostas que demanden, neste caso, distintos sectores que teñen presenza no municipio.

A portavoz municipal do BNG e candidata á alcaldía nas vindeiras municipais, Ana Ermida, explica que estes encontros “están pensados para facer un programa electoral realista, partindo da situación existente no concello; pero ambicioso e o máis adaptado posible ás demandas sociais.”

Cara o final do verán, o BNG percorreu as distintas parroquias para pulsar as necesidades territoriais e, nesta ocasión, pretenden facer o mesmo pero por sectores. “É unha experiencia enriquecedora que nos aporta unha visión máis real das necesidades e as demandas da xente. Tamén nos permite explicar de ti a ti a nosa visión sobre a situación municipal e as ideas e propostas nas que traballamos; polo que se produce unha retroalimentación que beneficia ao conxunto das veciñas e veciños.”

Deste xeito, convocan para o vindeiro 1 de novembro, ás 19 horas á mocidade barreirense no centro sociocultural de San Cosme; onde, dun xeito distendido, compartirán as ideas que lles propoñan e tratarán de priorizar actuacións a poñer en marcha desde o Concello.

A seguinte cita será o 5 de novembro, ás 20:30 horas tamén no centro sociocultural, para persoas e entidades que desenvolvan actividade en materia de ocio, deporte ou cultura.

Citarán para o 8 de novembro aos axentes implicados nos distintos usos do monte, desta vez no teleclub de Vilamartín Grande, ás 20:30 horas. O día 13, será a quenda do sector turístico, ás 17 horas no centro sociocultural e finalizarán a rolda o día 16, ás 16 horas no mesmo lugar, co sector agrogandeiro.

Desde o BNG sinalan que os encontros se desenvolverán nun ambiente informal e que están abertos a calquera persoa que poida ter interese nos temas que se tratarán, con independencia de que desenvolva actividade concreta nese ámbito ou non. É por iso polo que convidan a achegarse a participar a toda a poboación, porque “cantas máis persoas participen, máis real será a diagnose que realicemos e máis achegadas ás necesidades veciñais serán as propostas que se poidan facer.”

O ALCALDE DE BARREIROS DEIXOU O CONCELLO ABANDONADO, PRODUCÍNDOSE UNHA SITUACIÓN ESPERPÉNTICA DERIVADA DUNHA FUGA DE AUGA

O ALCALDE DE BARREIROS DEIXOU O CONCELLO ABANDONADO, PRODUCÍNDOSE UNHA SITUACIÓN ESPERPÉNTICA DERIVADA DUNHA FUGA DE AUGA.

O descoñecemento do goberno municipal da rede municipal de abastecemento impide unha solución áxil dunha fuga de auga, pese a participar a empresa adxudicataria do novo servizo de mantemento, ao non localizarse a fuga nin a chave para pechar o abastecemento.

Barreiros, 4  de outubro de 2018. “No día de onte, mentres en Remior se producía unha fuga de auga que deixaba sen subministro a practicamente todo San Cosme, o alcalde de Barreiros estaba ausente e, novamente, sen deixar delegación en ninguén do equipo de goberno”, asegura a portavoz municipal do BNG, Ana Ermida.

“O acontecido onte demostra que este goberno municipal ten na cabeza calquera cousa, menos as necesidades de Barreiros”, continúa. “En calquera concello normal, unha fuga na traída da auga arránxase con certa axilidade e, desde logo, de ser de gravidade mantense informada á poboación e tómanse as medidas para evitar situacións coma as de onte.”

“O que aconteceu en Barreiros foi que se produciu unha fuga nunhas tubaxes con moita antigüidade e que non teñen as condicións para soportar o subministro actual de auga. Pero a todo isto, sumouse o descoñecemento por parte do goberno municipal de como actuar neste caso; derivado da improvisación e da falta de planificación”, aseguran desde o BNG.

“Non é normal que durante horas se estea furando ata dar atopado a fuga e tampouco saber onde se atopa a chave para pechar o abastecemento, intentando así evitar a perda de auga dos depósitos. E é moito menos normal que pase isto cando se vén de licitar un contrato de mantemento da rede de subministro por 242.000 euros no que se supón se debera valorar previamente o estado da actual rede, a situación, a extensión, etc.”, relata Ana Ermida.

“Está claro que o goberno municipal, co alcalde como máximo responsable, desatenden as súas funcións ao sacar un contrato no que nin sequera especifican as características da rede da que se saca. Sácano dun xeito opaco e sen garantir que as empresas que liciten coñezan, a priori, as necesidades da rede. De feito, nas obras de onte participou a empresa adxudicataria deste servizo e todo parece indicar que aínda non ten detectadas as eivas na rede, a xulgar polo tempo transcorrido”, manifestan.

Desde o BNG queren recoñecer a labor de servizo público ao ex-traballador municipal que acudiu á axuda das labores para localizar os puntos conflictivos e que permitiu o desenlace da situación, preto de 20 horas despois de terse iniciado.

O alcalde ausente e sen ninguén ao frente do Concello.

Novamente, como xa acontecera ao inicio do verán, o alcalde atópase fóra de Barreiros e non deixou delegadas as funcións da alcaldía en ningunha persoa do equipo de goberno. “Isto amosa a falta de confianza e de equipo do goberno, xa que non é normal que o alcalde marche toda a semana e non quede unha persoa responsabilizada e con competencias para resolver calquera cuestión que poida producirse. No día de onte, estaba presencialmente na fuga o tenente alcalde, pero nin sequera tería por que estar, xa que se estaba responsabilizando dunha situación que lle correspondía a un alcalde que se atopa de descanso”, manifestan desde o BNG.

O BNG SOLICITA AS CIFRAS DE VISITAS E OCUPACIÓN TURÍSTICA DO CONCELLO DE BARREIROS E ANUNCIA UN ENCONTRO SECTORIAL SOBRE TURISMO PARA RECOLLER DEMANDAS E PROPOSTAS

O BNG SOLICITA AS CIFRAS DE VISITAS E OCUPACIÓN TURÍSTICA DO CONCELLO DE BARREIROS E ANUNCIA UN ENCONTRO SECTORIAL SOBRE TURISMO PARA RECOLLER DEMANDAS E PROPOSTAS

A formación nacionalista dirixiu un escrito á asociación local de hostelería para trasladarlles a súa disposición para traballar no desenvolvemento turístico de Barreiros e anunciarlles un encontro sectorial.

Barreiros, 6 de setembro de 2018. O Bloque Nacionalista Galego en Barreiros vén de presentar un escrito no que solicita que, por parte do goberno municipal, se lles faciliten os datos relativos ás visitas e estancias turísticas que houbo en Barreiros en tempada estival, así como unha valoración política da mesma en termos sociais e económicos.

Segundo explica a portavoz municipal, Ana Ermida, “tendo finalizado a tempada estival, considerada tempada alta en canto a visitas e estancias turísticas, a maioría de concellos da zona fixeron públicas as cifras obtidas nas oficinas de información turística; supondo un estudo inicial moi valioso á hora de enfocar a promoción turística que se planifique no referido aos  de mercado que poidan valorarse.”

Neste sentido, desde o BNG, aseguran que “tendo en conta que o Concello de Barreiros conta actualmente con unha única oficina de información turística, situada no propio concello e con horario de oficina laboral, atendida en acumulación por unha funcionaria municipal, entendemos que é obriga do goberno municipal facer un seguimento dos datos que se poidan obter, así como de elaborar una estratexia turística que ten que pasar, obviamente, por coñecer a realidade na que nos movemos; tanto cos datos “oficiais” que poidan obterse nas oficinas municipais, como cos “extraoficiais” que se extraian dunha continua relación co sector turístico barreirense.

Para o BNG non é de recibo que “o Concello de Barreiros non realizara ningunha valoración da tempada estival no relativo ao dinamismo e á importancia económica do sector turístico; fronte ás feitas públicas por concellos tan dispares e distantes coma Ribadeo, Mondoñedo, Foz,  Burela ou Alfoz”. Por esta razón, solicitan que semlles faciliten por escrito as cifras de visitas, con detalle do tipo de turismo, tempo de estancia, orixe, etc. obtidas na oficina de información turística municipal. Así como unha  valoración relativa á incidencia e capacidade dinamizadora e económica da tempada estival, así como das posibles valoracións ou achegas do sector turístico, amplamente entendido.” Piden tamén que “se dea conta destas cuestións, así como da estratexia turística seguida e as accións previstas por parte do goberno municipal.”

Misiva á asociación de hostelería e encontro sectorial.

O BNG tamén aproveitou a ocasión para dirixirse oficialmente á recentemente constituída asociación local de hostelería para darlle conta do escrito presentado pola formación nacionalista; así como para poñerse formalmente “á súa disposición para traballar no desenvolvemento turístico de Barreiros e xuntar sinerxias de cara a unha estratexia global de promoción turística que redunde positivamente na totalidade do municipio”, explica Ana Ermida.

Neste sentido, desde a formación nacionalista anunciaron que cara ao mes de outubro continuarán coas asembleas de recollida de propostas, demandas e achegas que lles permitirán gozar dun maior coñecemento das necesidades sociais para elaborar o programa das municipais do vindeiro ano. “Nesta ocasión queremos realizar tamén asembleas con formato sectorial, co fin de tratar temas específicos que teñen un peso social e/ ou económico suficiente en Barreiros e que deben ser pedra angular da acción de calquera goberno municipal; como poden ser os sectores agrogandeiro, turístico, forestal, deportivo ou cultural, entre outros”, afirma Ana Ermida.

Nas vindeiras semanas anunciarán as datas concretas destes actos que estarán pensados nun formato aberto para que calquera persoa con interese nun tema concreto, con independenza de pertencer a algún colectivo ou non, poida participar nos mesmos

O BNG SOLICITA EXPLICACIÓNS EN PLENO SOBRE OS SERVIZOS QUE SE PRESTAN EN BARREIROS

O BNG SOLICITA EXPLICACIÓNS EN PLENO SOBRE OS SERVIZOS QUE SE PRESTAN EN BARREIROS, OS INVESTIMENTOS E O CONTROL SOBRE OS SERVIZOS CONTRATADOS.

A formación nacionalista rexistrou a solicitude acompañado de máis de 150 sinaturas de veciñas e veciños.

Barreiros, 30 de agosto de 2018. O BNG vén de rexistrar en Barreiros un escrito, acompañado de sinaturas recollidas fundamentalmente na zona de praia, no que se pide que no vindeiro pleno “se dea conta detallada das actuacións, investimentos e xustificacións das mesmas realizadas nos servizos municipais; así como o sistema de control que se ten establecido desde o goberno municipal para garantir o funcionamento dos servizos públicos.”

A portavoz municipal, Ana Ermida, explicou que desde o BNG quixeron “facer de altofalantes das demandas veciñais e, neste caso, tamén das de aquelas perosas que teñen establecida a súa residencia temporal no noso concello desde hai moitos anos e que nos trasladaron a súa preocupación e malestar pola deriva na situación do Concello de Barreiros.”

Desde o BNG explican que “estas persoas que teñen a súa segunda residencia en Barreiros tamén contribúen dalgún xeito ás arcas municipais e téñense convertido, dun xeito ou outro, en parte da base social barreirense.”

“Puidemos constatar que o malestar é cada vez maior tamén na zona da praia, polo que tampouco podemos obviar as demandas que se realizan que, en moitos casos, son coincidentes coas que realizan as veciñas e veciños que residen permanentemente en Barreiros. Por iso realizamos unha recollida de sinaturas simbólica, de só un par de días, para acompañar e reforzar unhas peticións que son practicamente unánimes en todo o concello de Barreiros”, aseguran.

“O que queremos é recibir algunha explicación sobre as razón para que Barreiros camiñe cara atrás en todos os sentidos, por que cada vez temos menos e peores servizos e, por riba, máis caros. Queremos que no pleno de setembro se faga un exercicio de análise para comezar a traballar xa nas medidas necesarias para que Barreiros recupere o bo nome”, asegura Ana Ermida.

Desde o BNG manifestan o seu apoio ás reivindicacións veciñais relativas tanto á zona de praia coma ao interior e póñense a disposición da veciñanza, “despois de ter recollidas numerosas demandas nas reunións” que realizaron durante o mes de agosto e que “servirán de base para elaborar o programa electoral para as eleccións municipais do ano que vén”, sinalan.

 O BNG CONSTATA O MALESTAR TAMÉN DOS RESIDENTES TURÍSTICOS EN BARREIROS

 O BNG CONSTATA O MALESTAR TAMÉN DOS RESIDENTES TURÍSTICOS EN BARREIROS

A formación nacionalista presentará un escrito coas principais demandas relativas á zona turística e aos servizos municipais promovido polos residentes costeiros do municipio, que poderán recoller copias para asinar o xoves ás 13 horas na pista do San Bartolo.

 

Barreiros, 23 de agosto de 2018. O BNG celebrou na noitiña do martes unha asemblea na pista do San Bartolo con unha importante afluencia, principalmente, de persoas que teñen a súa segunda residencia en Barreiros; aínda que tamén asistiron residentes habituais na zona costeira.

Na asemblea constatouse que “existe un malestar xeralizado pola situación que está a producirse en Barreiros, con unha constante degradación e unha falta de atención e de investimentos que non garanten servizos mínimos nin unha calidade de vida acorde cos impostos que se pagan”, explicou a portavoz municipal, Ana Ermida.

Segundo explican desde o BNG “o que se pode observar é que neste momento nin sequera existe no goberno municipal esa preocupación que houbo nalgún tempo de ser referente turístico. E a realidade é que xa nin a zona de praia está ben atendida. O que está pasando coa situación dos paseos marítimos, das praias ou coa perda das Bandeiras Azuis é unha mostra de que se deixou de traballar ata nese fomento turístico no que ata hai uns anos se apostaba todo.”

O BNG tamén dá voz aos visitantes de Barreiros.

Unha das conclusións que se acadaron na reunión foi a elaboración dun escrito no que se plasmen as principais queixas e demandas da veciñanza para presentalo, en colaboración co BNG, no Concello de Barreiros e forza explicacións e unha contestación ao respecto por parte do goberno municipal. Neste sentido, hoxe mesmo, xoves 23 ás 13 horas, no campo da festa do San Bartolo, poderán recollerse copias do escrito para que sexa asinado por aquelas persoas que o desexen e rexistralo formalmente na vindeira semana.

O BNG explica que “como exercicio da representación veciñal que ostentamos na corporación, entendemos que forma parte da mesma dar sustento ás reclamacións, queixas e propostas que poidan realizar as persoas que viven en Barreiros e mesmo, tendo en conta a composición social deste concello, as daquelas que se teñen convertido en “moradoras temporais ou secundarias“, contribuíndo en certo xeito ás arcas públicas municipais.”

Desde o BNG concordan en “que ao longo destes anos estase a comprobar unha continua degradación na calidade de vida das persoas que moran en Barreiros, permanente ou temporalmente, que é socialmente recoñecida e que se nos ten trasladado, especialmente nos últimos meses, en numerosas ocasións. Tras ter organizado asembleas en todas as parroquias e en lugares de poboación con entidade suficiente, puidemos constatar o malestar xeral pola falta de atención, de investimentos e a carencia nos servizos que se prestan desde o concello.”

Por iso, explica Ana Ermida, “como grupo municipal subscribimos e trasladamos o noso apoio ás reivindicacións e demandas realizadas pola veciñanza no que respecta á falta de atención, investimentos, iniciativas e as carencias nas prestacións dos servizos municipais; polo que queremos actuar como canle para a presentación e o seu oportuno tratamento, do escrito que asinen as veciñas e veciños de Barreiros.”

O GOBERNO DE BARREIROS PRIVATIZA O SERVIZO DE MANTEMENTO E REPARACIÓN DO ABASTECEMENTO DE AUGA

O GOBERNO DE BARREIROS PRIVATIZA O SERVIZO DE MANTEMENTO E REPARACIÓN DO ABASTECEMENTO DE AUGA

O contrato farase por dous anos, prorrogables ata 5, e sácase con un prezo de 242.000 euros.

Barreiros, 6 de agosto de 2018. O goberno de Barreiros, no seu afán de privatizar os servizos municipais, vén de sacar a concurso o servizo de mantemento e reparación da rede de abastecemento de auga , instalación de contadores e conexións, con un prezo de 242.000 euros para dous anos.

Desde o Bloque Nacionalista Galego consideran que esta nova privatización “vén a confirmar que o goberno municipal o único interese que ten é en que cada vez haxa máis servizos prestados por empresas privadas, sen importar se se prestan mellor ou peor ou que iso supoña maior gasto para o Concello.”

Estamos a falar de máis de 120.000 euros anuais que, ben xestionados, en persoal municipal dan para contar con unha brigada municipal importante e que podería realizara eses traballos. “O servizo de mantemento e reparación do abastecemento de auga prestouse con persoal municipal ata que hai uns anos comezaron a encargarse traballos a persoal alleo ao Concello. Iso non redundou nun mellor funcionamento, senón ao contrario, o abastecemento de auga empeorou e o custe foi considerablemente superior”, asegura a portavoz municipal do BNG, Ana Ermida.

“Ao Partido Popular, con Alfonso Fuente á fronte, o único que lle interesa é que en Barreiros traballen empresas privadas e para iso, non lles importa baixar a calidade dun servizo durante un tempo para crear unha falsa necesidade e despois vender a esperanza de que con empresas privadas poida funcionar mellor”, aseguran desde o BNG.

A formación nacionalista asegura que “se no Concello de Barreiros existise planificación dos traballos e do persoal por parte do equipo de goberno, que é quen ten a obriga de facelo, poderían prestarse moitos máis servizos públicos e facerse os traballos dun xeito moitísimo máis eficiente.”

“O que funciona agora mesmo é grazas ao esforzo e á implicación do persoal municipal e ao seu propio coñecemento das necesidades, xa que desde o goberno municipal non existe ningún tipo de planificación nin organización que garanta que os traballos se realicen dun xeito óptimo”, afirma Ana Ermida.

O BNG continúa con reunións veciñais

Nesta semana, o BNG en Barreiros continúa coas asembleas veciñais que comezaron o pasado venres, de cara a recoller as demandas da veciñanza e comezar a traballar nas propostas para as eleccións municipais do 2019. Despois de estar o venres en Vilamartín Grande e San Cosme, hoxe luns estarán en Cabarcos – no centro social, ás 16 horas- e nas escolas de Celeiro, ás 21 horas.

O mércores será o turno das parroquias de Vilamar e Benquerencia e o xoves, de Reinante e San Xusto. O vindeiro luns, reuniranse coa veciñanza de San Miguel e A Rilleira. Os horarios das reunións están previstos para as 16 e as 21 horas.