Archivo de la categoría: Ollomao

OLLOMAO ESTREA A SÚA ÚLTIMA PRODUCIÓN ESTA FIN DE SEMANA EN SAN MIGUEL DE REINANTE

OLLOMAO ESTREA A SÚA ÚLTIMA PRODUCIÓN ESTA FIN DE SEMANA EN SAN MIGUEL DE REINANTE

“O DOCUMENTO”, UNHA CREACIÓN DO GRUPO A PARTIR DO CONTO HOMÓNIMO DE ÁNXEL FOLE, É O TÍTULO DESTA NOVA PROPOSTA DO GRUPO BARREIRENSE.

Despois do éxito da súa última produción, Enciclopedia Álvarez, da que xa se levan realizado máis de 30 representacións e que aínda sigue mantendo en cartel, o grupo de teatro do Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros presenta unha proposta completamente novidosa e que supón un xiro de 180 graos a respecto da obra anterior.

Se na Enciclopedia o texto era a base fundamental na que se sustentaba a obra, neste caso, o texto é só un pretexto que lles permite aos actores e actrices do grupo explorar novas formas teatrais como o clown ou a comedia dell´arte e a partir de aí crear personaxes, que non son puramente clowns nin personaxes da comedia, pero que si teñen algo da súa impronta, aínda que acaben convertidos en personaxes do noso teatro popular

Manueliño atopa unha carta de amor no mandil da súa moza Sabeliña. Desesperado polos celos non atopa outra saída que non sexa o suicidio. Para iso subirase ao cimo dun freixo no que pretende colgarse. Pero aí empeza un incesante ir e vir de personaxes ao redor da árbore que intentarán facerlle desistir do seu empeño

A partir deste sinxelo fío argumental sucédese un desfile de personaxes atemporais no que se mesturan desde tipos dos máis comúns e característicos da nosa terra con arquetipos universais.

O Documento é sobre todo un xogo. E como en case todos os xogos o espazo e o tempo perden importancia. Os personaxes deambulan por unha fraga que non é unha fraga, nun tempo que non é o presente, nin tampouco o pasado… se cadra é o futuro… quen sabe!

O Documento é un xogo porque pretende que todos nos volvamos un pouco nenas e nenos e desfrutemos das cousas sinxelas, sen artificios. Un xogo que fai

que volvamos rirnos do cura que se desmaia porque descobre que a súa “amada” está namorada doutro,… do capitán ao que non lle gusta o exército ou da notaria sabichona que non é capaz de traer un vaso de auga.

E todo isto nun escenario case baleiro que pretende simbolizar o estado no que están a quedar as nosas fragas. Porque: “Señoras e señores, isto é unha fraga; cousas do teatro”

As funcións terán lugar nos Colexios Vellos de San Miguel o venres 20 ás dez da noite, o sábado 21 ás oito e o domingo 22 ás seis da tarde. As entradas, que xa se poden adquirir contactando con algún dos membros da directiva de Ollomao ou dos integrantes do grupo de teatro, teñen un prezo de 4 €. A este respecto, desde a Directiva de Ollomao recordan que as entradas reservadas estarán a dispor de quen fixo a reserva ata media hora antes do inicio da función na billeteira do teatro, na que tamén se contará, como mínimo, co cupo establecido legalmente para a venda directa en taquilla. De non retiralas nese prazo, poranse á venda. Tamén indican que cada entrada só é válida para o día e hora que figura na mesma e que os menores pagan entrada sempre e cando ocupen asento.

“O Documento” Colectivo Cultural Ollomao

🎭 Achégase o Nadal e con el as habituais voltas. E, claro, no noso caso a volta dunha nova obra de #teatro. Chámase “O Documento” e, por suposto, imos contarvos un pouco de que vai:

“Manueliño atopa unha carta de amor no mandil da súa moza Sabeliña. Desesperado polos celos non atopa outra saída que…”

Non pensariades que iamos facer un spoiler, non? 😃
Para coñecer o desenlace nada mellor que vivilo na estrea desta nova peza que terá lugar nos 📍Colexios Vellos de San Miguel nas seguintes datas:

📆Venres, 20 de decembro, ás 22:00h.
📆Sábado, 21 de decembro, ás 20:00h.
📆Domingo, 22 de decembro, ás 18:00h.

🎟Prezo da entrada: 4€.

Curso de volei infantil de balde, organizado polo Colectivo Cultural Ollomao

Curso de volei infantil de balde, organizado polo 

Colectivo Cultural Ollomao

O curso, que se desenvolverá en horario de mañá, entre o 5 e o 9 de agosto, será impartido por Guillermo Avendaño, xogador do Emevé de Lugo e adestrador nas categorías inferiores do club.

O vindeiro luns, día 5 de agosto, dará comezo na praia da Pasada de San Miguel de Reinante o curso infantil de volei-praia que o Colectivo Cultural Ollomao ofrece, de forma gratuíta, para nenos e nenas de idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. Serán 5 sesións de dúas horas de duración, desde as 11,30 até as 13,30, e poderase asistir a calquera delas, independentemente de ter participado ou non nas anteriores. Así, o curso como tal darase por rematado o venres 9 de agosto e terá como broche final a disputa, nesa mesma fin de semana, do I Torneo Infantil Praia da Pasada (sábado 10) e do XVI Torneo (sénior) Praia da Pasada (domingo 11), ambos abertos á participación de calquera persoa interesada.

O volei-praia ten sido, nos últimos 30 anos, unha actividade representativa da praia da Pasada, exercendo como axente dinamizador e cohesionadorinterxeracional, se ben recentemente a súa práctica ten disminuido, sendo un reducido número de persoas as que aínda continúan coa práctica habitual desta disciplina. Do interese dese grupo de xente por recuperar o valor que outrora tivo este deporte na praia da Pasada nace este proxecto, que Ollomao leva adiante, coa coordinación de Roberto Casas e baixo a dirección técnica de GuillermoAvendaño, xogador do Club Voleibol Emevé de Lugo, co que ven de acadar o ascenso á Superliga 1, máxima categoría do voleibol a nivel estatal.

O COLECTIVO CULTURAL OLLOMAO PRESENTA EN CASTROPOL A SÚA “ENCICLOPEDIA ÁLVAREZ”

Barreiros, 23 de xaneiro de 2019.

O COLECTIVO CULTURAL OLLOMAO PRESENTA EN CASTROPOL A SÚA “ENCICLOPEDIA ÁLVAREZ”

A REPRESENTACIÓN TERÁ LUGAR O VINDEIRO SÁBADO 26 DE XANEIRO ÁS 20:30 h NA CASA DA CULTURA (ANTIGO CASINO)

Despois de máis de vinte representacións por toda a xeografía galega e do occidente asturiano, en moitas das cales houbo que colocar o cartel de “non hai entradas” (Betanzos, Vedra, Vegadeo, Rinlo,…), pódese considerar esta produción como un dos éxitos indiscutibles do teatro afeccionado galego desta tempada. Este espectáculo foi galardoado co premio Conde Santo á Mellor obra e co premio Lourenzo ao Mellor Actor Protagonista no I Certame de teatro afeccionado de Lourenzá (no que tamén estivo nominada á mellor posta en escena e á mellor actriz protagonista) e cos premios á Mellor Montaxe e Mellor Actriz Protagonista nos XXI Encuentros Teatrales de Vegadeo (Asturias).  Foi tamén seleccionada para participar no IX Encontro de teatro afeccionado de Betanzos 2018, no Festival Teatrofilia de Vedra e na Mostra Internacional de teatro amador Estenarúa de Ferrol.

Agora, e  despois de todo este percorrido a Enciclopedia de Ollomao chega a Castropol

Enciclopedia Álvarez” é a historia do día a día de catro nenas e catro nenos sometidos á absurda e ilóxica “des-educación” da escola franquista. Os problemas de matemáticas aos que “lles faltan datos” ou están “mal planteados”, as preguntas de catecismo que se contestan de determinada maneira “porque lo pone el libro”, as clases de ximnasia impartidas por mutilados de guerra, as de “hogar” para as nenas a cargo de mulleres da Sección Femenina ou a visita do inspector da Falange, entre outras, poñen sobre o escenario algunhas das incoherencias máis notorias daquel sistema. Unha historia contada con humor, porque desde o humor é máis agradable exercer a sempre necesaria memoria histórica. Unha historia que nos axuda a comprender o absurdo dun sistema educativo autoritario e irracional. Un absurdo incrementado polo paso do tempo, pero que durante máis de corenta anos foi un dogma imposto pola forza. Unha historia que “nos fai pensar mentres escachamos coa risa” en palabra dun dos espectadores asistentes á estrea.

 

Ollomao abre unha convocatoria para que bares de Barreiros acollan unha das representacións do “Teatro nos bares”

Ollomao abre unha convocatoria para que bares de
Barreiros acollan unha das representacións do “Teatro nos
bares”
É a terceira edición dunha actividade exitosa e innovadora na zona: microteatro en bares. Trátase dun
circuito de pequenas representacións teatrais de breve duración, ben monólogos, ben pequenas obras de
teatro de poucos participantes, que terán lugar a carón do mostrador dos bares e cafeterías barreirenses.
Tras dúas edicións nas cales todos os establecementes de hostalería de Barreiros tiveron a oportunidade
de acoller algunha actividade de Ollomao, o colectivo barreirense lanza nesta ocasión unha convocatoria
para que sexan os propios establecementos quen soliciten contar cunha destas representacións. O límite
máximo está en dez locais, e o criterio para a selección é a orde de inscrición. Tras completar o número
máximo xerarase unha lista de agarda por se se dera algunha baixa.
Os requisitos para que un establecemento de hostalería poida participar son que estea ubicado en
calquera das parroquias de Barreiros e que conte cun espazo de bar ou cafetería. Esta actividade é
gratuíta para os establecementos, os que se desexan participan deben comprometerse a apagar a
televisión ou música do local durante a representación e colaborar na difusión da actividade. Tamén se
pide que se reserve un pequeno espazo no local para a actuación, aínda que non se contará con
decorados nin elementos de gran volume.
Todos os bares interesados en inscribirse poden facelo escribindo a
[email protected]; ou por Whatsapp no número 650542932. Calquera dúbida pode
ser tamén consultada por estas canles, antes do 16 de decembro ás 23:59h.
Tras o peche desta convocatoria, Ollomao lanzará unha segunda para que calquera persoa ou grupo
poida presentarse para participar cunha actuación nesta nova edición do “Teatro nos Bares”.

Ollomao completa o aforo nas tres funcións consecutivas da estrea da obra “Enciclopedia Álvarez”

Ollomao completa o aforo nas tres funcións consecutivas da estrea da obra “Enciclopedia Álvarez”La imagen puede contener: 1 persona, en el escenario, sentado e interior

Máis de 450 entradas vendidas para a que é a cuarta produción para escenario do grupo de teatro barreirense.La imagen puede contener: 14 personas, personas sonriendo, interior

Esta fin de semana tivo lugar a estrea da obra de teatro “Enciclopedia Álvarez” do Grupo de Teatro Ollomao. Tres funcións en tres días consecutivos que de novo acadaron as mellores expectativas de aforo completo. A peza é unha creación do propio grupo  baseada en textos de “El Florido Pensil”, de Andrés Sopeña Monsalve, “Enciclopedia Álvarez”, revistas da Sección Femenina (“Teresa”, “Medina”,…) e libros escolares desa época.

Esta nova produción procura ser unha pequena mostra do que era o sistema educativo durante a etapa franquista, contado dende o prisma daquelas e aqueles adultos nos tempos de hoxe e a inocencia de cando eran aínda pupilos. Un retorno á aula das nenas e á aula dos nenos, que ofrece un momento divertido á persoa espectadora mais convida tamén á reflexión sobre o feminismo, a lingua, a autoridade ou a relixión. En palabras dalgunhas críticas “fai pensar, aínda que sexa chorando de risa”

A “Enciclopedia Álvarez” é a cuarta peza do Grupo de Teatro Ollomao para escenario, que se estreou no ano 2013 coa superprodución “Os vellos non deben de namorarse” que en 12 representacións superou as 3.000 persoas espectadoras. Ademais, Ollomao innovou co “Teatro nos bares”, actividade da cal se levaron a cabo xa 2 edicións. A peza recén estreada está tamén concibida coa finalidade de ser levada a outras localidades, ao igual que acontece con “Oé, oé, oé” que tres anos despois segue aínda en cartel.

Para o Colectivo Cultural Ollomao, a aceptación deste tipo de eventos son mostra de que tan necesarias seguen a ser as diferentes manifestacións culturais e sociais, especialmente como ferramenta para a pedagoxía e dinamización sociais, e máis aínda nalgúns núcleos rurais menos achegados a este tipo de oferta. Así pois, é por iso tamén que o tipo de pezas interpretadas dende o colectivo barreirense procuran, aínda sendo teatro afeccionado e popular, escapar do costumismo e ofrecer un “teatro con mensaxe e contido”.

“OLLOMAO” ESTREA A SÚA NOVA PRODUCIÓN EN BARREIROS

“OLLOMAO” ESTREA A SÚA NOVA PRODUCIÓN EN BARREIROS

“ENCICLOPEDIA ÁLVAREZ” REPRESENTARASE POR PRIMEIRA VEZ NOS COLEXIOS VELLOS DE SAN MIGUEL OS DÍAS 3, 4 e 5 DE NOVEMBRO

O venres 3 de novembro ás dez da noite o grupo de teatro do Colectivo Cultural Ollomao porá en escena a súa nova obra no salón de actos dos Colexios Vellos de San Miguel de Reinante. O sábado 4 haberá unha nova función ás oito da tarde e o domingo 5 unha terceira oportunidade ás seis da tarde. Con esta variedade de horarios procúrase que todas as persoas que o desexen poidan ter oportunidade de achegarse para participar nalgunha das representacións.

A “Enciclopedia Álvarez” é sen dúbida, o libro que con máis claridade identificamos coa escola da época franquista. Un compendio de saberes reunidos nun ÚNICO volume como símbolo daquela escola centrada na transmisión do pensamento “único”, da ideoloxía “única”, da lingua “única”, da relixión “única”,…

A nosa “Enciclopedia Álvarez” é a historia do día a día de catro nenas e catro nenos sometidos á absurda e ilóxica “des-educación” da escola franquista. Unha historia contada con humor, porque desde o humor é máis agradable exercer a sempre necesaria memoria histórica. Unha historia que nos axuda a comprender o absurdo dun sistema educativo autoritario e irracional. Un absurdo incrementado polo paso do tempo, pero que durante máis de corenta anos foi un dogma imposto pola forza.

A nova educación imposta polo franquismo debía borrar todos os aspectos de renovación e avance educativos. Fronte á idea republicana de “formación de cidadáns libres e iguais” agora tratarase de “formar leais e entregados súbditos” da nova España que se estaba construíndo. A escola debía inculcar unha serie de valores que se poden resumir nun exaltado patriotismo españolista e na obediencia a Franco e ás autoridades.

A ditadura volve separar nenas e nenos, cambia de novo os planos de estudos, reintroduce a Relixión como materia obrigatoria e introduce “Formación del Espíritu Nacional” e “Enseñanzas del Hogar”, esta última só para as nenas, e ambas as dúas impartidas por militantes de Falanxe. Así, o ensino quedaba totalmente controlado.

Pasouse, por dicilo de forma moi plástica, a unha “escola que tiña púlpitos en lugar de tarimas, reclinatorios no canto de pupitres e encíclicas por libros de texto”.

Ao mesmo tempo, como afirma o profesor Antón Costa Rico, “O profesorado era agora, “á forza”, un colectivo medoñento, autocensurado, autorreprimido, pasivo, resignado e submiso. Un colectivo ao que se chega, en moitos casos, de forma irregular como ex combatentes falanxistas ou mulleres da Sección Femenina”.

 “Enciclopedia Álvarez” é unha invitación ao sorriso. Un achegamento a estas historias desde os ollos inocentes dos nenos e nenas protagonistas da obra. Nenos e nenas que as lembran desde a súa posición actual de adultos e baixo o prisma do paso do tempo que todo o suaviza. Unha invitación ao sorriso, sobre todo porque nos fala dun pasado “aparentemente” afastado da nosa realidade actual.

As entradas, que xa están á venda en establecementos do concello de Barreiros ata o 31 de outubro, teñen un prezo de 3 €. Desde Ollomao recordan que o aforo está limitado a 150 persoas por función, polo que se debe adquirir a entrada para o día que se desexa asistir. Igualmente, haberá tamén venda en taquilla, que se abrirá media hora antes de cada función.

Para máis información sobre este eventou ou consultar a posibilidade de cambios de día sobre as entradas, está dispoñible o número de teléfono  635 50 13 56 (Ramón Casas Oroza).

Venres 27 de outubro, ás 11:30h. terá lugar un foro de debate e opinións sobre a xestión e ordenación do territorio

Dende o Colectivo Cultural Ollomao informámosvos que este venres 27 de outubro, ás 11:30h. terá lugar un foro de debate e opinións sobre a xestión e ordenación do territorio, e como isto afecta no caso do concello de Barreiros.
Esta actividade é promovida por un grupo de alumnas e alumnos do Máster en Xestión Sostible da Terra e o Territorio, da USC do Campus de Lugo, e forma parte dos exercicios precisos para a superación dunha materia de dito Máster. O alumnado contactou con Ollomao para solicitar apoio na reserva dun espazo e difusión da actividade,
Así pois, a actividade consistirá nun encontro con veciñanza de Barreiros para coñecer de primeira man o seu sentir e parecer sobre a cuestión a tratar (xestión e ordenación do territorio), facendo especial fincapé en como isto se estima que poida afectar de cara ao futuro, e como isto importa en canto ao desenvolvemento e aproveitamento dos recursos locais.
A actividade estará dirixida polas alumnas e alumnos que promoven a actividade que estarán acompañados por un profesor de dito Máster.
Así pois, dende Ollomao convidámosvos a tomar parte neste encontro que é aberto a todas as persoas que desexen participar. Lembramos, terá lugar este venres 27 de outubro ás 11:30h. e será na Sala 1 do Centro Sociocultural de San Cosme de Barreiros. Igualmente, podedes difundir esta información entre as persoas que consideredes interesadas.
Calquera dúbida ou consulta pode ser dirixida a este mesmo enderezo electrónico.
Un saúdo.

Rematan as xornadas de teatro de Ollomao en Barreiros

Rematan as xornadas de teatro de Ollomao en Barreiros

Esta fin de semana represéntanse as dúas últimas obras

As Xornadas de Teatro organizadas polo Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros chegan ao seu final na vindeira fin de semana. Dúas novas propostas darán remate a esta actividade, que desde o Colectivo cualifican como moi satisfactoria, tanto desde o punto de vista da calidade das propostas presentadas como da afluencia de público a todas e cada unha delas.

O sábado 25, ás sete da tarde e no Centro Social de Vilamar será o grupo O BATÁN de Cangas de Foz o que, coa dirección de Mª Paz Rodríguez Silva, porá en escena “BICOS DE VINAGRE”, unha obra ORIXINAL DE Francisco Piñeiro na que se aborda o tema dos problemas de familia. “Como consecuencia da desestruturación da familia tradicional, os fillos utilízanse como parapetos tras dos cales algún pais e nais agochan moitos dos seus defectos, dando como consecuencia unha educación carente de valores éticos e sociais. Compre revisar certas condutas familiares que prexudican sempre ao mais débil: OS FILLOS”

O domingo 26 será  o grupo anfitrión o que poña o peche a estas xornadas. Neste caso a representación será tamén ás sete da tarde no Centro Social de O Canteiro en San Pedro de Benquerencia. Para esta ocasión o Grupo de Teatro de Ollomao preparou un espectáculo que titulou “DOUS CONTOS E … UNHA SORPRESA”. Trátase de retornar unha parte da súa última montaxe “Catro contos” ao seu ambiente orixinal e mostrarlle ao público dous deses contos tal e como se puideron ver na súa primeira versión cando formaban parte do proxecto “Teatro nos bares”. Ademais, como colofón, haberá unha pequena sorpresa que como tal non podemos desvelar.

As entradas, que poderán adquirirse nos propios locais desde media hora antes do inicio da función, terán un prezo de 2 euros

curtametraxe realizada por nenas e nenos do curso de teatro e audivosual O Colectivo Cultural Ollomao

Cartel_Na procura dun filmeOllomao presenta este domingo “Na procura dun filme”, a curtametraxe realizada por nenas e nenos do curso de teatro e audivosual O Colectivo Cultural Ollomao conta dende o ano 2013 cun obradoiro de teatro infantil, no cal toman parte nenas de nenos tanto de Barreiros como de outros municipios veciños. Neste ano, e como novidade, incorporouse a produción e interpretación audiovisual dirixida pola Lanterna Máxica, un proxecto educativo que combina as vontades do teatro, o cinema e a literatura. Durante os catro meses de duración deste obradoiro, as nenas e nenos participantes aprenderon a escribir textos literarios, deseñar as personaxes , interpretalas e realizar unha produción audiovisual.

Como produto final obtívose unha curtametraxe que leva por título “Na procura dun filme”, da cal o guión foi escrito polas propias nenas e nenos, sendo tamén quen participan como actrices e actores. Este domingo, 12 de xuño, ás 16:30h. a produción será presentada nas Escolas de Santiago de Reinante, contando coa asistencia tanto das nenas e nenos que participaron no obradoiro como do equipo da Lanterna Máxica encargado da elaboración do mesmo. A asistencia é libre e gratuita, e está aberta a público de todas as idades.