Archivo de la categoría: Deportes

O Ceip San Cosme de Barreiros colabora coa XI Carreira

Quilómetros de Solidariedade polos dereitos das crianzas de Malí

Como complemento ás actividades organizadas polo Día de la Paz (30 xaneiro) os alumnos do Ceip San Cosme celebraron este martes unha carreira solidaria, en beneficio da ONG Save the Children.

Os alumnos deron tantas voltas ó xardín como financiaron as suás familias. Os cartos recadados, coa carreira e outras donacións, van para os nenos que padecen fame na rexión do Sahel. O proxecto de Save the Children nace para apoiar a construción de escolas e canalizacións de auga en Mali.

Ademais da carreira os alumnos do Ceip elaboraron estes días uns murais sobre a vida e as carencias en dito país africano.

A actividade estivo organizada polo equipo docente do Ceip San Cosme de Barreiros.

O Praias de Barreiros FS só coñece a victoria na Liga Provincial de Lugo

O conxunto barreirense chega ó ecuador da competición como líder destacado. Acadou a victoria nos oito encontros que disputou na Liga Provincial masculina de Lugo. Que serían dez si se tenen en conta os dous enfrontamentos ante o Ribeiras do Neira que a federación resolveu con dous 3-0, tras deixar a competición o conxunto de Baralla.

Ningún dos cinco equipos que compiten na Liga Provincial conseguiu puntuar ante o Praias de Barreiros, que se mostrou moi serio dende a primeira xornada ligueira. Os números dos barreirenses falan por sí mesmos: oito encontros e oito victorias, 49 goles a favor e tan só 15 en contra.

Finalizada a primeira das dúas partes da Liga, o Praias de Barreiros é o lider destacado e por diante terá de novo outro calendario (a ida e volta). Iniciará a segunda parte da competición o próximo sábado recibindo no Pavillón Municipal ó Cubelas FS a partir das 19:30 horas.

Os resultados da primeira parte da competición foron os seguintes:

Praias de Barreiros 5-0 Cubelas

Samos 1-7 Praias de Barreiros

Praias de Barreiros 7-1 Talleres Vilaboa

Peña Españolista de Sarria 1-7 Praias de Barreiros

Praias de Barreiros 3-0 Riberas do Neira

Cubelas 2-7 Praias de Barreiros

Praias de Barreiros 5-3 Samos

Talleres Vilaboa 3-5 Praias de Barreiros

Praias de Barreiros 6-4 Peña Españolista de Sarria

Riberas do Neira 0-3 Praias de Barreiros

Cartel_cubelas

XII Memorial Eduardo Fernández Villamarín (Rábade)

O Praias de Barreiros estivo presente nunha máis das carreiras populares da provincia, neste caso en Rábade, no Memorial Eduardo Fernandez Villamarín. Nunha carreira que gaiñaron dous destacados atletas da comunidade, Alejandro Fernández e María Jesús Gestido.
Mostramos os resultados dos atletas do clube.

Programa de ximnasia no rural ‘Mo-Vémonos’

Máis de 500 persoas de 26 asociacións da Mariña participan no programa de ximnasia no rural ‘Mo-Vémonos’ da Vicepresidencia da Deputación

Barreiros, 16 de xaneiro de 2015. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, visitou esta tarde no centro social de San Cosme, en Barreiros, a un grupo de usuarios e usuarias do programa de ximnasia no rural impulsado pola institución provincial e no que participan máis de 500 persoas na comarca da Mariña, pertencentes a 26 asociacións de 12 concellos da comarca.

Antonio Veiga felicitou aos participantes na clase de hoxe, na súa maioría persoas maiores pertencentes á Asociación de Mulleres Rurais de Barreiros, por “mantérense activos” e por “facer cousas en común”. Neste sentido, destacou a doble finalidade coa que naceu o programa Mo-vémonos, unha iniciativa que promove a área de Benestar Social e Deporte da institución provincial co obxectivo de achegar a práctica de exercicio físico a toda a poboación, ao tempo que se fomenta a interrelación persoal e social da cidadanía. O vicepresidente da Deputación animou aos participantes nas clases a seguir facendo exercicio porque, dixo “o deporte non só é para á xente nova e significa tamén estar coidando a saúde”, afirmou.

Un total de 26 asociacións da comarca da Mariña participan neste programa de ximnasia impulsado pola Vicepresidencia da Deputación. Entre as asociacións mariñás participantes no programa Mo-vémonos atópanse colectivos de persoas maiores, como a Unión Democrática de Pensionistas Val de Miranda da Pontenova; asociacións de carácter social como a Confederación Galega de Minusválidos da Mariña, a asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, ASPANANE, a asociación Camiña de Burela ou a asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Viveiro; e asociacións de veciños de distintas parroquias da Pontenova, Barreiros, Cervo, Mondoñedo, Lourenzá, Riotorto e Trabada.

“Un motivo para xuntarse e verse os veciños”
Antonio Veiga destacou a importancia destas sesións de ximnasia en canto “se converten nun motivo para reunirse, un motivo de encontro social, creando vida nas parroquias que cada vez están menos poboadas e presentan unha alta taxa de avellentamento na poboación, e que de non ser por iniciativas como a que este venres presentamos, terían como único punto de reunión a misa dos domingos”.

“Con este programa cubrimos unha demanda existente por parte das asociacións da provincia: achegar a todas as parroquias do rural servizos dos que unha persoa que vive na cidade ou nunha vila grande dispón”, explicou o vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga. Os dous grupos beneficiarios deste programa son persoas maiores de concellos pequenos do rural e colectivos sociais de toda a provincia. “A posta en marcha deste servizo é a expresión das principais liñas de traballo da Vicepresidencia da Deputación durante estes últimos anos, nos que tentamos que todo o noso traballo vaia dirixido a mellorar o benestar das persoas que viven no rural, aos que a Xunta lles afasta cada vez máis os servizos, e dos colectivos en risco de exclusión, para os que outras administracións, nomeadamente a Xunta de Galiza, seguen a reducir o seu apoio económico”, dixo.

Unha actividade totalmente gratuíta
Baixo o lema Ximnasia no rural, deporte para todos e todas, a Vicepresidencia da Deputación puxo en marcha este programa o pasado mes de setembro, e que leva ximnasia dúas veces por semana a un cento de asociacións e colectivos sociais de toda a provincia de Lugo, favorecendo a actividade física e a interrelación social de máis de 2.000 persoas en toda a provincia. O programa deu comezo o 15 de setembro e rematará no mes de xuño e dispón de dúas liñas diferenciadas de actuación. A primeira vai dirixida a asociacións de capacidades diferentes e a colectivos que traballan con persoas en risco de exclusión social. A segunda liña vai dirixida a asociacións do medio rural, e nela poden participar entidades sen ánimo de lucro de concellos de menos de 5.000 habitantes. A actividade consiste en levar de xeito totalmente gratuíto un monitor o local social da asociación. Búscase chegar a localidades que pola pouca poboación, ou avellentamento ou a súa dispersión non dispoñen de medios para realizar actividades sociais, ofrecendo unha actividade física non competitiva coa que se busca a integración social e unha mellora da saúde.

A actividade é 100% gratuíta e está sufragada na súa totalidade pola Vicepresidencia da Deputación e para as cales desprázase un monitor dous días a semana ao domicilio social da entidade ou lugar de celebración que ela elixa, recortando os custos de desprazamento dos usuarios. O orzamento que destina a institución provincial para pór en marcha o programa no conxunto da provincia ascende a 185.760 euros.

Encontros de carácter comarcal
Para favorecer a interrelación entre os participantes das distintas asociacións incluídas no Mo-Vemonos, celebraránse distintos encontros e xornadas de convivencia a nivel comarcal, como o que se celebrou en Mondoñedo o pasado 20 de decembro e no que participaron préto de 300 usuarios e usuarias do programa Mo-Vémonos chegados de toda a comarca da Mariña. Este tipo de encontros inclúen clases de ximnasia e outras disciplinas, así como actividades culturais.

ASOCIACIÓNS DA COMARCA DA MARIÑA PARTICIPANTES NO PROGRAMA MO-VÉMONOS
San Xulián de Vilaboa (A PONTENOVA)
UDP Val de Miranda (A PONTENOVA)
Asoc. O Cazcallal de Vilamar (BARREIROS)
Asoc. A Parrala da Rilleira (BARREIROS)
Asoc. Irmandade San Caetano Celeiro de Mariñaos (BARREIROS)
Asociación de Mulleres Rurais de Barreiros (BARREIROS)
Asociación Camiña (BURELA)
Asoc. De Axuda ó enfermo mental “A Mariña” (BURELA)
Fundación Eu Son (BURELA)
AFAN Burela (BURELA)
A. Veciños Burgo de Trasbar (CERVO)
AA.VV. San Román de Vilaestrofe (CERVO)
A. Asistencial Virxe do Carme de Foz (FOZ)
Asociación Veciños O Refuxio de San Xorxe (LOURENZÁ)
Centro San Pablo e San Lázaro (MONDOÑEDO)
Escola do Carmen (MONDOÑEDO)
As. Veciños o Castelo de Oirán (MONDOÑEDO)
Ana Belén Durán Martínez (MONDOÑEDO)
A.V. San Andrés de Masma (MONDOÑEDO)
Irmáns Vilar Ponte (OUROL)
COGAMI A Mariña (RIBADEO)
Asociación Arrincadeira (RIOTORTO)
Asociación Pobo de Miranda (RIOTORTO)
Asociación Os tres Pés (TRABADA)
ASPANANE (VIVEIRO)
AFAVI (VIVEIRO)

 

Praias de Barreiros desprazarase o próximo sábado a Lugo

O equipo de fútbol sala do Praias de Barreiros desprazarase o próximo sábado a Lugo para enfrontarse ó Talleres Vilaboa. O encontro terá lugar no pavillón de “O Palomar” (ó carón do estadio Anxo Carro) ás 20:00 horas.

Os interesados en viaxar co equipo no autobús poden reservar a súa praza poñéndose en contacto cos membros da directiva. A saída está prevista para as 17:00 dende a parada de autobús do centro de San Miguel.