Archivo de la categoría: Banderas Azúles

Na mañá de hoxe, foron entregadas por parte do delegado territorial da Xunta as bandeiras azuis para tres dos areais do noso Concello.

🏳️💙 Na mañá de hoxe, foron entregadas por parte do delegado territorial da Xunta as bandeiras azuis para tres dos areais do noso Concello.
👐🏻 O feito de contar con estes galardóns recoñece o esforzo feito para garantir os servizos e a conservación do medio ambiente nas praias, aínda que o seu izado estará condicionado pola posibilidade de contar con suficiente servizo de socorrismo; dificultade que se vén dando nos últimos anos.
🤝 A alcaldesa agradeceu o recoñecemento e asegurou que seguirán traballando para contar cos mellores servizos posibles, aínda coas limitacións existentes.

Barreiros non poderá izar as bandeiras azuis ante a escaseza de socorristas

Barreiros non poderá izar as bandeiras azuis ante a escaseza de socorristas

Barreiros, 14 de xullo de 2021. O Concello de Barreiros vén de trasladarlle a Adeac, o organismo que outorga as Bandeiras Azuis, a decisión de non proceder ao izado de ningunha das tres bandeiras azuis outorgadas ás praias de Acantilado-Remior, Coto e A Pasada; ante a imposibilidade de contar con persoal de socorrismo suficiente para garantir os mínimos considerados para o mantemento do emblema.
Na súa comunicación a Adeac, a rexedora manifesta que “consideramos que o emblema outorgado recoñece a calidade das praias e dos servizos existentes nas mesmas durante a tempada estival e pese a ter tratado de cumprir con todas as esixencias e realizar un importante esforzo para poder manter os servizos que deron lugar ao seu outorgamento, entendemos que a opción máis responsable de cara a non perxudicar o recoñecemento presente e futuro do noso municipio a nivel medioambiental e turístico é renunciar ao izado das mesmas nesta tempada, sen impedimento e coa esperanza de poder izalas en vindeiras tempadas. En todo caso, trasladámoslles a nosa intención de manter todos os servizos posibles dando cumprimento aos criterios Bandeira Azul, xa que consideramos que repercuten na boa imaxe dos areais e no benestar das persoas usuarias dos mesmos”.A alcaldesa explicou que “pese a abrir unha bolsa de socorrismo na primavera e mantela aberta aínda neste momento, só contamos con cinco persoas coa titulación suficiente para traballar no servizo nas praias de Galicia, o que imposibilita cumprir os criterios marcados en todo momento, xa que hai que ter en conta as libranzas do persoal ou posibles imprevistos.”

No que respecta ao persoal de prevención, o Concello apostou pola contratación doutro tipo de persoal, como vixiantes, técnicas sanitarias ou patróns de embarcacións para tentar garantir a seguridade, “pero esas persoas non poden considerarse socorristas e polo tanto, resúltanos imposible garantir en todo momento a cantidade necesaria de socorristas pedido por Bandeira Azul”.

Ana Ermida insiste na necesidade de afrontar esta problemática dun xeito global e na que a Xunta debe poñer os medios para solucionar unha situación que “cada ano é maior e que só se dá en Galicia, por unha serie de decisións en canto a titulación e ás condicións de temporalidade que impiden a profesionalización do socorrismo, condenado a unha tempada de verán cada vez máis curta.”

Banderas Azúles en las Playas de Barreiros

ℹ️🔵 Barreiros volve acadar tres Bandeiras Azuis nas súas praias.
📣 Por segundo ano consecutivo, Barreiros obtén o recoñecemento do galardón internacional en tres das súas praias:
⛱ Acantilado-Remior
⛱ Coto
⛱ A Pasada
💪🏻 A obtención destes galardóns só implica o recoñecemento do valor dos areais barreirenses e a necesidade de seguir a traballar na mellora dos servizos nas praias para recuperar a relevancia do noso concello, tamén, a nivel turístico.

Foz, o concello da Mariña con máis bandeiras azuis (5). Barreiros recupéraa nas Pasadas

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2021. As praias galegas obtiveron este ano un total de 111 bandeiras azuis e, ademais, a Comunidade sitúase á cabeza de todo o Estado en número de sendeiros azuis, con 20. Así, Galicia sitúase entre as autonomías máis galardoadas pola Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac), cun global de 155 distintivos entre areais, portos deportivos, sendeiros azuis e centros azuis.

Con 111 bandeiras para as súas praias, catro máis que o ano anterior, a Comunidade acapara preto do 20% das outorgadas en toda España. En total, hai 34 municipios premiados, un máis que na pasada edición, dos cales 12 son da provincia de Pontevedra (58 praias), 14 da Coruña (35 praias) e 8 de Lugo (18 praias). Salienta o feito de que o areal do Lago das Pontes (As Pontes) recibe por primeira vez este galardón.

En canto ás bandeiras para portos deportivos, son un total de 11 (6 en Pontevedra, 6 na Coruña e 1 en Lugo); os centros azuis galardoados son 13 (6 en Pontevedra, 4 na Coruña e 3 en Lugo); e a vintena de sendeiros distribúense entre os 9 de Pontevedra —que en total, ao ser algún unha rede, son 18 rutas—, os 6 da Coruña e os 5 de Lugo.

Nesta edición, Sanxenxo volve repetir o concello tanto de Galicia como do conxunto do Estado con máis bandeiras azuis nas súas praias, con 17, ademais de sumar distincións para tres portos deportivos, unha rede de sendeiros e un centro. Na provincia de Pontevedra, destacan tamén a cidade de Vigo, que suma 10 areais e unha rede de sendeiros; Cangas do Morrazo (7 praias, un porto e un sendeiro); Marín (5 praias, dous centros e unha rede de sendeiros); e Baiona (6 praias e un porto), que nesta edición recupera o distintivo para os areais de Barbeira, Concheira, Os Frades, Ladeira, Ribeira e Santa Marta.

Na provincia da Coruña, o municipio de Arteixo é o que máis bandeiras azuis obtén para as súas praias, un total de 7; seguido da cidade da Coruña (5 areais, ademais dun porto e un sendeiro); e Oleiros (5 areais e tamén un sendeiro).

Polo que respecta á provincia de Lugo, Foz volve ser o concello con máis praias galardoadas, con 5: A Rapadoira, Areoura, As Polas, Llas e Peizás; mentres que Barreiros recupera a bandeira azul para o areal das Pasadas, ademais de continuar con bandeira nas de Acantilado-Remior e Coto.

Criterios de excelencia
Os criterios esixidos para a obtención de bandeiras azuis en praias e portos están relacionados coa calidade das augas, que ten que ser excelente, a seguridade, a completa dotación de servizos, a accesibilidade, a atinada xestión ambiental e a sustentabilidade dos areais e das dársenas. Pola súa parte, os centros e sendeiros azuis deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de ocio.

O municipio que queira optar a estas distincións debe presentar un dossier xustificativo da súa proposta, así como, ao ano seguinte, unha memoria de actividade, xunto coa súa candidatura, que acredite o mantemento da súa condición en anos sucesivos.

A Xunta felicita a todos os concellos galardoados con estes distintivos polo recoñecemento que supoñen á calidade e aos servizos das súas praias, portos, sendeiros e centros. Así mesmo, tamén cómpre subliñar o esforzo realizado o ano pasado polos municipios para acadar os estándares de seguridade esixidos neste tipo de espazos por mor da covid, reforzando así a imaxe de Galicia como destino turístico seguro.

Neste sentido, hai que lembrar que debido á pandemia moitos concellos costeiros adoptaron solucións tecnolóxicas ou mesmo contrataron persoal de vixilancia para controlar o aforo nas praias durante o verán, ao tempo que reforzaron as medidas de hixiene e limpeza de acordo coas recomendacións das autoridades sanitarias.