Archivo de la categoría: Alcaldia

Ana Ermida pide seriedade e rigor en politica municipal e que non se trate entorpecer a quen traballa por Barreiros

Ana Ermida pide seriedade e rigor en politica municipal e que non se trate entorpecer a quen traballa por Barreiros

16-07-20

 Barreiros, 16 de xullo de 2020. A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, afea ao portavoz do PP e exalcalde de Barreiros durante 14 anos que se instale no macarrismo político e repita mecanicamente o discurso que lle marcan desde a dirección do partido, sen ser capaz de analizar a situación concreta de Barreiros.
Ermida amósase sorprendida polo comunicado de prensa enviado en nome de Alfonso Fuente no que dubida da defensa de Barreiros por parte do goberno municipal. A alcaldesa lémbralle ao portavoz da oposición e exalcalde que “tivo 14 anos para demostrar a súa preocupación e o seu traballo por Barreiros, que foi avaliado nas urnas hai un ano con un claro suspenso que o desaloxou do goberno.”
“Este repentino interese polo turismo e a hostelería non sabemos se se debe a que se decatou de como deixou o concello de Barreiros a nivel turístico ou a algún tipo de interese persoal para o que utiliza o seu cargo público”, sinala Ana Ermida.
A allcaldesa lémbralle a Fuente Parga que “ata as 00:00 horas de hoxe xoves, a Xunta de Galicia tiña prohibida a entrada de persoas a Barreiros, co que a causa de que non chegase xente é evidente”. En opinión da rexedora nacionalista, “tratar de relacionar a supresión de reservas con outras cuestións que non foran as medidas de restricción da mobilidade e a vacilación da Xunta à hora de adoptar medidas e trasladar a información é, ademais de demagóxico, absolutamente rastreiro”
A respecto do traballo realizado polo actual goberno na promoción turística a alcaldesa lembra desde o aglomerado da estrada provincial que dá acceso á praia de Arealonga a raíz das xestións municipais, pasando polas xestións realizadas en Fitur, ata a recuperación de tres Bandeiras Azuis; despois de que fose retiradas no 2016, entre outras cuestións por incumprir os criterios de socorrismo, cando a Xunta subvencionaba con 60.000€ a contratación de 20 socorristas.
A alcaldesa recoñece “a dificultade de xestionar un concello coa situación na que atopamos Barreiros e nun ano especialmente duro, onde nos atopamos ata boicots de servizos e contratacións.” Con todo, asegura que “o compromiso do goberno municipal no seu conxunto tense demostrado neste ano que só é Barreiros, cousa que quedou por demostrar nos 14 anos de goberno de Fuente Parga”

A Alcaldesa de Barreiros pídelle ao Sergas que garanta os servizos sanitarios no municipio e na comarca

A Alcaldesa de Barreiros pídelle ao Sergas que garanta os servizos sanitarios no municipio e na comarca

06-07-20

 Barreiros, 6 de xullo de 2020. A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, trasladará ao conselleiro de sanidade nunha videoconferencia á que foi convocada para esta mañá, a solicitude de que Barreiros conte con persoal médico para persoas desprazadas. A primeira edil explicou que “nos veráns a poboación flotante de Barreiros multiplícase e deixar precisamente este verán a Barreiros sen persoal médico para atender á xente que vén de fóra parece que non cadra moito con esa idea de protexer aos de fóra nin aos da casa.”
“Sempre son necesarios os reforzos dos servizos sanitarios en verán, pero neste ano son innegociables e o SERGAS está apostando por diminuílos non dotando de persoal para desprazados, non cubrindo a pediatra nos seus permisos ou vacacións e mandando ao persoal de vacacións. Polo tanto, en pleno brote da COVID-19, coa comarca en situación de emerxencia sanitaria, a Xunta de Galicia lonxe de garantir os servizos sanitarios, redúceos.”
DESCARGA DE RESPONSABILIDADES DA XUNTA NAS ALCALDÍAS
Ana Ermida mostrouse tamén crítica coa decisión da Xunta “feita norma vía DOG extraordinario de onte domingo” de descargar nas alcaldías a responsabilidade de atallar a expansión do coronavirus, “cando a Xunta actuou irresponsablemente e sen ningún tipo de lealdade institucional cos municipios desde marzo”, asegura.
A alcaldesa incide en que o primeiro contacto que a Consellería tivo co Concello de Barreiros foi onte domingo, “convocando a unha reunión dun momento para outro, co fin de dar conta das medidas que se publicarían no DOG de pola tarde”
Durante toda a xestión da pandemia desde marzo “as alcaldías non tivemos ningunha comunicación, nin sequera nos facilitaron datos de persoas afectadas por concellos. E agora de repente, da noite para a mañá, aparecemos investidas de autoridade sanitaria e responsabilizadas de ter que atallar o coronavirus.”
COOPERACIÓN E LEALDADE RECÍPROCA
A alcaldesa sinala que “Barreiros poñerá todos os medios na cooperación e a lealdade institucional para loitar contra a expansión do virus; pero as responsabilidades deben ser asumidas por quen improvisa medidas e actúa tarde, cando o avance é xa incontrolable.”
“Non se aplicaron protocolos cando o brote era controlable e agora atopámonos con toda unha comarca pechada pola falta de valentía para tomar medidas pechando os lugares onde coñecían”, manifesta. “Dese xeito, evitaríase estar condenando a toda a comarca a perder o verán, coa incidencia que iso ten na economía local de todos os municipios”
A maiores, a alcaldesa afonda en que “a Xunta non pode pedir aos concellos que poñamos todo da nosa parte e descargar en nós a responsabilidade, cando desde os responsables da sanidade galega se están deixando centros de saúde sen persoal e reducindo os servizos sanitarios na comarca.”
“Nos poñeremos todos os medios. Pero esixímoslle á Xunta que poña os seus e garanta os servizos sanitarios funcionando en condicións óptimas para atender esta situación”, conclúe Ermida.

BARREIROS CONTRATARÁ PERSOAL TÉCNICO DEPORTIVO E DE TURISMO

BARREIROS CONTRATARÁ PERSOAL TÉCNICO DEPORTIVO E DE TURISMO

Barreiros, 30 de xuño de 2020. O Concello de Barreiros contratará, ao abeiro da subvención que lle corresponde do Plan Único de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo, dúas persoas técnicas para coordinar labores deportivas e turísticas no municipio.

Os postos que se convocarán nas vindeiras semanas serán por una duración de nove meses e coa contratación dese persoal pretenden “sentar as bases de proxectos de futuro tanto en materia deportiva como turística.”

O edil de dinamización sinala que “a COVID-19 veu modificar as vidas e tamén as dinámicas que se teñen que desenvolver nos concellos. Por iso, haberá que estruturar as actuacións que se leven a cabo nestas áreas para adaptalas ás restricións que poidan xurdir da situación de emerxencia sanitaria.”

O persoal de turismo traballará na elaboración e coordinación dun plan de dinamización turística no que se lle dará participación a todo o sector “para aproveitar sinerxias e potencialidades que existen no noso concello e que deben repercutir no beneficio xeral.”

No caso do persoal de deportes, explican que “se destinará a coordinar tanto as actividades deportivas de base en forma de escolas deportivas, como as actividades físicas para persoas adultas.” O Concello potenciará as disciplinas existentes e ofertará outras novidosas como o surf, en colaboración con entidades da zona.

Dani García sinala que farán un esforzo por priorizar o fomento de disciplinas ao aire libre, como poden ser o atletismo ou o ciclismo, onde ademais de fomentar a vida saudable, se fomenta o respecto e coidado do territorio.

O CONCELLO REXISTRARÁ VÍA TELEFÓNICA OU POR CORREO-E AS #SOLICITUDES PARA A REALIZACIÓN DE #FOGUEIRAS

La imagen puede contener: fuego y noche
Concello de Barreiros

1 h

O CONCELLO REXISTRARÁ VÍA TELEFÓNICA OU POR CORREO-E AS #SOLICITUDES PARA A REALIZACIÓN DE #FOGUEIRAS

➡️ Achégase a data de prender os foleóns de 🔥 #SanXoán e 🔥 #SanPedro neste 2020 polo que compre coñecer unha serie de normas.

1.- Non está permitida a realización de fogueiras en espazos ou vías públicas.

2.- Autorízanse a realización de fogueiras exclusivamente por particulares e en lugares privados, coas seguintes normas de seguridade:👉 https://bit.ly/2YG0BuZ

3.- A realización das fogueiras debe notificarse telefonicamente ☎️ 982.124.002 ou por medio de correo electrónico 📧 [email protected] indicando:
☑️nome e apelidos,
☑️dni
☑️lugar da fogueira.
⚠️Dita notificación deberá facerse como máis tarde o día anterior á realización da fogueira, para que así o Concello poida comunicalo ao Distrito Forestal correspondente.

4.- A persoa organizadora que comunique a realización será a responsable de que se cumpran as indicacións anteriores.

Carta do Delegado da Xunta á alcaldesa de Barreiros sobre o servizo de recuperaicón de libros de texto e material escolar

Carta do Delegado da Xunta á alcaldesa de Barreiros sobre o servizo de recuperaicón de libros de texto e material escolar

15-05-20

 Lugo, 15 de maio, 2020.
Dª ANA ERMIDA
ALCALDESA DE BARREIROS
Estimada alcaldesa,

Quero agradecerlle que se interese polo contido e alcance da iniciativa posta en marcha desde a Delegación territorial da Xunta en Lugo en apoio do alumnado de infantil e primaria da nosa provincia e, máis en concreto, a instancias do Posto de Mando Avanzado constituído tras a declaración da emerxencia sanitaria por covid-19

Debe saber que este servizo ten por obxecto resolver dun xeito práctico unha problemática que se nos trasladou desde as direccións dos colexios da provincia, entre elas Barreiros, que nos explicaban que hai alumnos que, como consecuencia das restricións de mobilidade e o peche dos centros educativos, non puideron recuperar os seus libros de texto e outro material escolar que deixaron nos colexios.

Por iso a Xunta, en colaboración cos centros escolares e cun grupo de voluntariado dos axentes da Consellería de Medio Ambiente puxémonos a disposición destes centros para facer efectiva a entrega domiciliaria deste material que facilitará o seguimento das clases a distancia e polo que nais, pais, profesorado e alumnado viñan interesándose.

Polo tanto, como observará este servizo é totalmente compatible e non supón unha duplicidade ou contradición coas iniciativas postas en marcha en diferentes concellos da provincia nos que, por vontade propia, quixeron colaborar co reparto e distribución de tarefas escolares entre os seus veciños, circunstancia que consideramos ademais positiva e perfectamente compatible coas competencias municipais.

Non debe esquecer que é unha práctica común nos concellos destinar recursos e esforzos a mellorar no seu termo municipal todo o relacionado coa educación, sen que esas iniciativas supoñan duplicar esforzos ou actuar en ámbitos impropios. De feito, a lexislación vixente, tanto a Lei de Base de Réxime Local como a Lei de Educación, recoñece ás Corporacións locais a súa capacidade para cooperar coa Xunta na prestación do servicio educativo e na realización de actividades e servicios complementarios, entre os que se pode incluír o iniciativa extraordinaria de impresión e reparto de tarefas.

Non se trata, polo tanto, como erroneamente interpreta, dun intento de poñerse medallas, senón de multiplicar os servizos que as administracións públicas realizan ante esta situación excepcional derivada da pandemia do covid-19 e dirixidas a facilitar a todas as familias da provincia, tamén ás de Barreiros, solucións á problemática descrita. Sería un enorme desacerto, na nosa opinión, aproveitar a posta en marcha deste novo servizo de reparto de libros de texto, para empregalo como escusa para deixar de prestar a iniciativa de distribución de tarefas escolares que, por vontade propia, decidiron realizar, sen que exista inconveniente algún pola nosa parte para a súa continuidade.

Na confianza en que a devandita resposta resolva as dúbidas que nos trasladou, reciba un cordial saúdo.

Atentamente

José Manuel Balseiro

Delegado territorial da Xunta en Lugo

A ALCALDESA DE BARREIROS DIRÍXESE AO DELEGADO DA XUNTA PARA ACLARAR SE A XUNTA SE VAI ENCARGAR DO REPARTO DE TAREFAS ESCOLARES

A ALCALDESA DE BARREIROS DIRÍXESE AO DELEGADO DA XUNTA PARA ACLARAR SE A XUNTA SE VAI ENCARGAR DO REPARTO DE TAREFAS ESCOLARES.

O delegado anunciou onte o reparto de material de educación en Barreiros que o Concello leva realizando desde o inicio do terceiro trimestre.

Barreiros, 14 de maio de 2020. A alcaldesa de Barreiros vén de dirixir unha carta ao delegado da Xunta en Lugo para pedirlle que aclare se o Concello debe deixar de realizar o servizo de reparto de tarefas escolares que leva realizando nesta situación na que o alumnado non asisten aos centros escolares.

Desde a alcaldía barreirense explícanlle ao delegado que “desde que se puxo en marcha o servizo de impresión e reparto das tarefas escolares, o persoal municipal imprimiu e repartiu 3106 impresións correspondentes aos CEIP’s de San Cosme e San Miguel, ademais dos libros de fichas de cuarto, quinto e sexto de educación infantil do CEIP de San Miguel. Isto supuxo achegar os recursos educativos a máis de 80 familias do municipio, que puideron contar cos recursos dependentes de educación grazas ao dispositivo organizado desde o Concello de Barreiros.”

Ana Ermida tamén sinala no seu escrito que “o feito de ter que destinar medios propios a realizar tarefas alleas ás competencias municipais, ademais do importante esforzo organizativo, supón un considerable esforzo económico e humano.” Polo que “á vista de que a Xunta de Galicia conta con medios suficientes e os pon a disposición da comunidade educativa”, solicítalle saber se debemos deixar de prestar dito servizo para evitar duplicidades e con ánimo de non interferir nas competencias propias da Administración autonómica, como é a educación.

A misiva finaliza manifestando que  “é vontade deste Concello axudar ás veciñas e veciños tentando poñer á súa disposición mesmo os medios que non se acheguen por outras administracións, sempre que a situación local o permita. Mais non consideramos oportuna a duplicidade de recursos destinados a un mesmo fin, podendo atender outras necesidades da poboación que poidan xurdir e ser atendidas dun xeito máis eficiente. Con esta idea se leva traballando desde o goberno municipal desde o comezo do mandato e, máis se cabe, na crise sanitaria na que aínda nos atopamos inmersos como País. Primando sempre o interese xeral e as necesidades da poboación e fuxindo de carreiras de méritos estériles que só serven para desatender á poboación e colgar medallas a quen ten a obriga de xestionar a situación; polo que a coordinación dos servizos que se prestan entre administracións debera ser prioritaria entre quen ostentamos a responsabilidade de xestionar os recursos públicos.”

Permisos de queimas de restos agrícolas nos terreos rústicos a partir do vindeiro luns, 11 de maio

Fecha de publicación:
Jueves, 7 Mayo, 2020 – 12:52

No día de onte a Xunta de Galicia publicaba no DOGA (6 de maio) una serie de acordos adoptados no seo do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria que buscan aclarar ou desenvolver a normativa estatal sobre o proceso de desescalada.

Para ver toda a información pódese acceder dende aquí DOGA (6 de maio) para unha lectura pormenorizada, nós resumimos uns puntos que nos parecen de maior interese para a veciñanza.

– Permisos de queimas de restos agrícolas nos terreos rústicos.

A partir do vindeiro luns, 11 de maio, poderanse solicitar permisos de queima dende o teléfono 012 ou por internet dende so seguinte enlace: https://queimasweb.xunta.gal/queimasweb/. Non dirixíndose ao Concello

– Restablecemento da actividade de pesca fluvial.

Na Comunidade Autónoma de Galicia queda restablecida a actividade da pesca fluvial en calquera das súas modalidades, federada e non federada, sempre sometida ás mesmas restricións da mobilidade que están en vigor e á normativa específica da pesca. En Barreiros, por ser municipio con menos de 5.000 habitantes, a actividade física e o deporte están autorizados  sen franxas horarias, aínda que a súa práctica só pode desenvolverse unha vez ao día e sempre sen saír dos límites municipais.

– Restablecemento do procedemento de admisión de alumnado do 2º ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

  • Solicitude: do 11 ao 18 de maio
  • Documentación acreditativa dos criterios de baremación: ata o 26 de maio
  • Listaxes provisionais: antes do 9 de xuño (Alegacións durante 3 dias hábiles trala publicación)
  • Listaxes definitivas: até o 26 de xuño
  • Matrículas en infantil e primaria: do 1 ao 10 de xullo
  • Matrícula ordinaria en ESO e Bacharelato: do 1 ao 10 de xullo. Prazo extraordinario: do 1 ao 10 de setembro

COMUNICADO DO CONCELLO DE BARREIROS AO RESPECTO DO USO E DISTRIBUCIÓN DE MÁSCARAS

COMUNICADO DO CONCELLO DE BARREIROS AO RESPECTO DO USO E DISTRIBUCIÓN DE MÁSCARAS

Fecha de publicación:
Martes, 21 Abril, 2020 – 19:00

Nos últimos días estamos asistindo a unha febre por conseguir calquera tipo de máscara que poida protexernos da COVID-19. Unha febre que se palpa na sociedade e que está collendo tintes de desesperación, a pesar de que -por agora- nin o Ministerio de Sanidade nin tampouco a OMS están recomendando o uso masivo de mascarillas entre a poboación.

A iso contribúen en certo modo as noticias que saen na televisión e nos xornais e unha certa indefinición ao respecto na comunicación que está facendo o goberno. Incluso estamos asistindo a unha sorte de carreira mediática entre algúns concellos e administracións por ver quen é capaz de repartir entre a poboación un maior número de máscaras.

Nun contexto de escaseza e de prezos astronómicos, esa teima por distribuír cubrebocas pode ter -está tendo- dúas consecuencias inmediatas: que se estea alimentando un estado xeral de ansiedade por conseguir máscaras e, ademais, que se estea contribuíndo a crear un falso sentimento de protección que faga descoidar o que si é importante, como por exemplo manter a distancia social de alomenos 2 metros, tusir contra panos desbotables, lavar ou desinfectar as mans con regularidade ao longo do día e non tocar a boca, os ollos ou o nariz.

Neste escenario, o Concello de Barreiros segue aplicando as recomendacións da FEGAMP e das autoridades sanitarias, na liña de non deixarse levar pola febre colectiva e de actuar de maneira coherente e responsable ata onde chegan as súas competencias.

Por esta razón, os envíos de material da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado estanse destinando á protección do persoal do SAF e dos servizos básicos -os lotes tampouco dan para máis- e optouse, como medida consecuente coa responsabilidade que debe tinguir calquera actuación municipal nestes intres, por non facer compras nin distribucións masivas de máscaras ante a imposibilidade de garantir a súa efectividade.

Unha postura que se adoptou desde o primeiro momento na consideración de que deben ser a Xunta e o Estado, como administracións competentes en materia sanitaria, quen articulen un sistema de abastecemento obxectivo, equitativo e por cauces oficiais que estea baseado en criterios científicos.

Por outra banda, en moitos casos dos que aparecen nas noticias da prensa, o que se están repartindo son máscaras hixiénicas ou de tipo cirúrxico deseñadas para un uso puntual dunhas poucas horas que despois deben tirarse. Porén, a realidade é que moitas persoas están reutilizándoas unha chea de veces sen decatarse -porque ninguén llelo explicou- de que a máscara xa perdeu as súas propiedades e que incluso pode ser o punto de entrada do virus se non se empregan correctamente ou se se fai durante máis tempo do debido.

Así as cousas, o Concello de Barreiros continúa aplicando os protocolos que, de momento, son os oficiais e que se centran en desinfectar espazos públicos e en protexer o persoal municipal con máscaras e outro equipamento de protección individual homologado que está chegando semanalmente por medio dos envíos do SERGAS. Un material que dá para ir cubrindo as necesidades diarias e co que se pretende tanto protexer ás traballadoras e traballadores como evitar que poidan ser un vector de posibles de contaxios ás persoas usuarias.

Desde o Goberno local considérase que non é prudente nin responsable que o Concello asuma o reparto de mascarillas por varios motivos:

• Nin a información da OMS nin a do Ministerio de Sanidade sinalan por agora a obriga de utilizar máscaras de forma xeralizada entre a poboación, e en ambos casos séguese insistindo en que as medidas máis efectivas para previr contaxios son o confinamento, a hixiene e a distancia social. De feito, a orde SND/354/2020 publicada nesta pasada fin de semana no BOE ao respecto das medidas excepcionais para garantir o acceso da poboación a produtos como as máscaras, as luvas e os xeles hidroalcólicos, volve insistir nas recomendacións para previr contaxios: “o distanciamento interpersoal de aproximadamente dous metros; a hixiene de mans con xabón, como medida máis sinxela e eficaz para previr a transmisión sendo a alternativa, se non se tivese acceso, usar solución hidroalcólica; a limpeza e desinfección dos obxectos de uso persoal como lentes, móbiles, teclados, rato, tarxetas, etc.; as medidas para adoptar nos domicilios e zonas comúns como son a adecuada ventilación, a limpeza diaria, utilizando auga e xabón para as superficies de contacto frecuente ou a utilización de luvas dun só uso nas zonas comúns das casas”. Este listado de recomendacións finaliza dicindo que o uso de máscaras só estaría recomendado “cando non se pode manter a distancia interpersoal”.

• Nun contexto como o actual en que existen dificultades a nivel mundial para conseguir máscaras e outro material sanitario, todos os lotes que se distribúan no Estado deberían contar con suficientes garantías de homologación e seguir un protocolo de reparto marcado polas autoridades sanitarias de forma unificada e coherente. O Concello de Barreiros xa lle enviou á Xunta de Galicia hai varios días unha solicitude para que, como administración competente na materia, coordine co Estado a distribución deste tipo de equipamento en Galicia. Esa petición céntrase en tres cuestións fundamentais: que as máscaras cheguen a quen realmente o necesita -que é distinto de que cadaquén pense que o necesita-, como son grupos de risco (maiores de 60 anos, persoas con diabete, doenzas coronarias ou respiratorias, persoas inmunodeprimidas ou persoas en tratamento contra o cancro), que ese reparto se concentre en farmacias ou nos centros de saúde como xeito de asegurar un reparto obxectivo e, por último, que haxa dispoñibilidade deses produtos a prezos asequibles e taxados, algo que o Estado regulará nestes días a través do BOE despois de publicar as condicións de certificación e identificación que deberán reunir as máscaras que se comercialicen.

• Os concellos, como administracións máis achegadas á veciñanza, deben cumprir todas as medidas de contención do virus ata onde chegan as súas competencias, que son: o mantemento do funcionamento administrativo e dos distintos servizos adaptándose ás actuais circunstancias, a prevención de contaxios entre o persoal municipal e as persoas usuarias dos servizos públicos e a desinfección de equipamento e mobiliario urbano, ademais do reforzo na atención aos colectivos máis vulnerables que puidesen ver empeorada a súa situación como consecuencia dos efectos da crise sanitaria. Entre eses cometidos non se encontraría o reparto masivo de mascarillas ou cubrebocas, ante a imposibilidade de ofrecer eses elementos de protección con totais garantías sobre a súa efectividade, cos avais de homologación preceptivos e en número suficiente para cubrir as necesidades obxectivas da poboación municipal que, por outra banda, o Concello nin pode nin debe establecer.

• Consideramos que calquera Administración local debe actuar sempre con coherencia e responsabilidade, e máis nunha situación como a actual en que non se debe fomentar o pánico colectivo nin tampouco un estado xeral de ansiedade por conseguir certos produtos de hixiene e protección. Por esa razón o Concello sempre estará ao que ditaminen as autoridades sanitarias, sen emprender pola súa conta ningún tipo de medida que vaia en contra dos protocolos e recomendacións que hai en vigor nestes momentos, nos que se indica que o uso de mascarillas só é importante en persoas que teñan síntomas -tose, febre, falta de aire- ou infectadas con coronavirus. Na información para a cidadanía facilitada polo Ministerio de Sanidade mesmo se chega a indicar o seguinte: “Se coidas dunha persoa con infección ou sospeita de infección por coronavirus, a unha distancia menor a 1 metro, o pacente deberá levar unha mascarilla cirúrxica”.

Alén destes motivos, ben é certo que nas últimas semanas houbo un grande movemento solidario entre distintos colectivos para producir e achegarlle á poboación máscaras e pantallas plásticas de fabricación caseira que non contan con certificación oficial, o que non significa que non ofrezan certos niveis de protección.

No caso de Barreiros, hai uns días recibimos 50 pantallas de protección doadas que foron distribuídas polo Concello entre o persoal municipal, o do Centro de Saúde e a Garda Civil e seguimos contando coa solidariedade da veciñanza que segue a fabricar cubrebocas caseiros . Desde o Concello quéreselles expresar a todas elas o agradecemento por dedicar tempo e esforzo ao ben común nunhas circunstancias tan difíciles.

Do mesmo xeito que o Concello non pode nin debe asumir un reparto unilateral de máscaras, tampouco sería lícito nin entendible que retivese ese material solidario e, por este motivo, está a canalizar a súa distribución entregándoo nos establecementos comerciais que continúan abertos -farmacias, supermercados e tendas de alimentación, etc- coa finalidade de que fagan uso del no caso de non dispor doutro equipamento individual e que o repartan de balde entre a súa clientela até esgotar as existencias, acompañado dunha folla informativa sobre a consideración de dito material como caseiro, non homologado nin de protección, e achegando instruccións para o seu uso.

BARREIROS PON EN MARCHA UN CURSO A DISTANCIA DE DEBUXO E PINTURA IMPARTIDO POLO ACUARELISTA JUAN RAMÓN ALVES

BARREIROS PON EN MARCHA UN CURSO A DISTANCIA DE DEBUXO E PINTURA IMPARTIDO POLO ACUARELISTA JUAN RAMÓN ALVES

O acuarelista leonés, con segunda residencia en Barreiros, ofreceu a súa colaboración ao Concello para dar clases mediante a rede social facebook a pequenos e maiores.

Barreiros, 15 de abril de 2020. O Concello de Barreiros pon en marcha un curso a distancia de debuxo e pintura dirixido ás nenas e nenos, mais tamén para persoas adultas, que será impartido polo acuarelista leonés Juan Ramón Alves.

A iniciativa partiu do propio artista, que ten vivenda en Barreiros, e que xa no verán pasado mostrara a súa obra no centro sociocultural barreirense. A proposta foi moi ben acollida polo executivo local, ao tratarse “dunha iniciativa de aprendizaxe e entretemento que nos fai chegar unha persoa con un alto coñecemento da técnica e que se presta a compartilo gratuitamente co conxunto da veciñanza.”

“É un luxo poder contar coa colaboración totalmente desinteresada dunha persoa do nivel de Juan Ramón Alves para achegar as técnicas de debuxo e pintura ás veciñas e veciños”, sinala a alcaldesa. Para Ana Ermida, este tipo de propostas como a ofrecida por Alves “demostran que nas situacións máis adversas sae o mellor das persoas que están dispostas a aportar tempo e coñecemento aos demais para axudar a levar mellor estes momentos”, agradece.

“Pinteando en Barreiros”, o grupo de facebook para aprender.

Para a posta en marcha do curso cóntase con un grupo de facebook chamado “Pinteando en Barreiros”, xestionado polo propio artista e persoal municipal, no que se compartirán as leccións e indicacións.

Aquelas persoas que teñan interese no curso, deberán trasladalo por mensaxe privada ou comentario na páxina de facebook do Concello de Barreiros ou solicitando a inclusión no grupo.

No grupo, o artista proporcionará contidos e actividades para ensinar as técnicas de debuxo e pintura e compartirá ensinanzas mediante documentos e titoriais para acompañar ás persoas que participen.

Haberá distintas publicacións dirixidas ás nenas e nenos e tamén a persoas adultas para que o grupo sexa dinámico e adaptado ás circunstancias de cada quen.

“Non se trata dun curso no que se busquen cualificacións finais, nen moito menos. Do que se trata é de que as persoas que poidan ter interese e lles apeteza practicar estas técnicas conten con un acompañamento profesional e as poidan desenvolver do mellor xeito posible, contribuíndo a ocupar o tempo libre e fomentando a capacidade artística da xente”, explican desde o goberno municipal.

Desde a institución municipal animan ás veciñas e veciños a participar nesta experiencia e compartir as súas aprendizaxes nas redes sociais baixo o cancelo #PinteandoEnBarreiros.