Archivo de la categoría: Alcaldia

A ALCALDESA DE BARREIROS VÉN DE DIRIXIRSE ÁS CONSELLERÍAS DE MEDIO AMBIENTE, TURISMO, SANIDADE E INFRAESTRUTURAS PARA TRASLADARLLES A PROBLEMÁTICA DA DEPURACIÓN NA ZONA DE SAN MIGUEL E REINANTE E SOLICITAR A  IMPLICACIÓN DA ADMINISTRACIÓN GALEGA NO SEU FINANZAMENTO

A ALCALDESA DE BARREIROS VÉN DE DIRIXIRSE ÁS CONSELLERÍAS DE MEDIO AMBIENTE, TURISMO, SANIDADE E INFRAESTRUTURAS PARA TRASLADARLLES A PROBLEMÁTICA DA DEPURACIÓN NA ZONA DE SAN MIGUEL E REINANTE E SOLICITAR A  IMPLICACIÓN DA ADMINISTRACIÓN GALEGA NO SEU FINANZAMENTO.

Barreiros, 22 de agosto de 2019. O goberno municipal de Barreiros manifesta que o seu interese “é tratar de solucionar un problema moi importante que leva anos existindo e que empeora co tempo; como é a depuración de augas residuais que se leva a cabo nas zonas de San Miguel de Reinante e Santiago de Reinante. Este problema, que se coñece e se ten determinado hai anos, podería solucionarse coa construción dunha nova estación depuradora en San Miguel que daría solución a ambas parroquias; tal e como se contempla no proxecto elaborado por Augas de Galicia. Dito proxecto, que este goberno considera fundamental executar, está orzamentado en máis de 3.300.000 euros; cantidade imposible de afrontar para esta administración local.

Ana Ermida explica na carta remitida aos departamentos da Xunta que “o concello de Barreiros ten un censo poboacional de menos de 3.000 habitantes, porén a súa poboación flotante multiplica esta cifra por máis do triplo nos meses de verán. Isto supón que os servizos que se precisan, deben estar dimensionados para atender dita demanda; o que require de investimentos importantes para poder levar a cabo ditas execucións.”

Segundo sinalan desde o goberno “a ubicación dos puntos de vertido actuais son en zonas moi próximas á praia, mesmo a lugares tan emblemáticos como a praias de Augas Santas/As Catedrais, e mesmo a Rede Natura, o que supón uns impactos tanto medioambiental como turístico negativos; a maiores dos evidentes de saúde pública que se detectan mesmo nas analíticas realizadas pola propia administración galega.”

Por esta razón, e considerando que a Xunta de Galicia ten competencia na cuestión e varias das súas consellerías poderían estar involucradas na resolución deste problema, o goberno municipal solicita unha xuntanza para abordar esta cuestión coas distintas Consellerías que poden estar implicadas.

A alcaldesa considera que “é imprescindible a colaboración entre administracións para afrontar investimentos desta importancia, en beneficio das veciñas e veciños de Barreiros, das persoas que visitan este municipio e do propio País, que precisa dunha imaxe moderna, avanzada e con servizos propios do século XXI.”

«Non é chegar e encher, ninguén cambia un concello nun día»

«Non é chegar e encher, ninguén cambia un concello nun día»La imagen puede contener: 1 persona, sonriendo, sentado, pantalla y oficina

BARREIROS / LA VOZ 

O luns día 17, o espertador de Ana Ermida (1983, Barreiros) soou ás 6.10, unha hora máis tarde do habitual nos últimos dous anos, cando se viña erguendo ás 5.10 para viaxar ao Concello de San Sadurniño para traballar na área de Secretaría e Intervención. Pero aquel día uns minutos fóronlle suficientes para chegar ao seu novo emprego, para entrar no consistorio lucense de Barreiros e facer historia como a primeira alcaldesa do municipio.

Ana Ermida é nacionalista, pero non de berce, nin tampouco da canteira de estudantes de Santiago, onde se licenciou en Dereito. Coma Celso Emilio Ferreiro, que falaba galego porque si, porque lle gustaba e lle petaba, ela ingresou en Galiza Nova con 16 anos. Un impulso, unha convicción -«penso que o noso país está necesitado de xente que loite e que o defenda, e non podemos facer outra cousa», di-, que se reforzou co tempo. Fai catro anos gravou no seu ombreiro dereito unha tatuaxe de Rosie a Remachadora, a figura icónica nos Estados Unidos e da loita laboral das mulleres. Pero cun acento galego: á Rosie remangada engadiulle unha estrela roxa de cinco puntas e un verso de Rosalía: «A estrela que brila», do poema Negra Sombra, que tamén está na lápida de súa nai.

Ana Ermida repetiu como candidata e gañou. Certo é que o trunfo do BNG en Barreiros víase vir, cun PP en caída polo estigma do urbanismo desaforado. «Podías intuílo, pero había que gañar. E, con todo, costa crelo», sinala. Así, o BNG, co apoio dunha concelleira socialista, rachou con catro décadas de goberno de centro dereita.

Tras a celebración chegou o primeiro día de traballo: «Entrei cunha sensación de preguntar: por onde imos empezar?». Son moitas as expectativas xeradas, e Ana Ermida sábeo, pero fala con prudencia, lonxe de estridencias. Que non se espere unha revolución en Barreiros: «Non é chegar e encher.Ninguén cambia un concello nun día». Vén de traballar da Administración e sabe que «unha cousa é o desexable e outra o que se pode facer. Hai compromisos que cumprir, cousas que funcionan ben e outras que revisar». E sobre o urbanismo, engade: «O mal está feito e hai que ir pouco a pouco, planificando de novo».

Pero algo xa se move en Barreiros. Ermida baixou o soldo que lle correspondía de 40.000 a 29.000 euros. Un xesto, un paso, di, nun obxectivo: «Mudar a imaxe e recuperar o orgullo de ser de Barreiros, que nos últimos anos perdeuse».