Carmen Veiga presenta a súa candidatura

IMG_5801

Carmen Veiga presenta a súa candidatura como alternativa “á desidia, falla de interese, amiguismo e clientelismo cos que goberna o Partido Popular en Barreiros”

23-04-15

Barreiros, 23 de abril de 2015.- A agrupación socialista de Barreiros presentou hoxe a candidatura que concorrerá aos comicios municipais do vindeiro 24 de maio e que está encabezada por Mª Carmen Veiga. No acto de presentación participaron tamén, a vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo –Lara Méndez-, o secretario de Política Municipal – Álvaro Santos- e o secretario de Organización de Barreiros – Benito Longarela-.

Veiga presenta a súa candidatura como alternativa “á desidia, falla de interese, amiguismo e clientelismo cos que goberna o Partido Popular e que levou ao concello a unha situación de débeda ata o ano 2032”. A alcaldable explicou ademais as carencias que está a sufrir a cidadanía do municipio pola falla de políticas efectivas do actual goberno e que está a condenar aos veciños e veciñas de Barreiros a carecer dos servizos máis elementais. A candidata socialista puxo como exemplo a falla de saneamento e depuradoras operantes, viais intransitables ou carencia de cunetas. Este déficit de servizos choca coas “altas taxas impostas polo concello, xa que subiron máis dun 47% e temos o IBI máis alto da provincia”.

Ante estes feitos, os socialistas de Barreiros indican que “os veciños e veciñas do municipio se merecen un goberno que se preocupe verdadeiramente por eles”. Por iso, os socialistas basearán o seu proxecto de xestión municipal na creación de emprego, transparencia honradez e seriedade.

Alternativa real e solvente
Neste senso, a vicepresidenta segunda da Deputación destacou a capacidade da candidatura socialista de Barreiros “para sacar a este concello da parálise e o desastre económico aos que o ten sometido o goberno local do Partido Popular dende hai décadas”. “Os socialistas somos unha alternativa clara, real e solvente na que os barreirenses e todos os veciños da Mariña poden confiar”.

“Así o demostramos na Deputación. A Mariña pasou a ser protagonista da nosa acción política, mentres que para o PP estaba totalmente esquecida”, subliñou Méndez, engadindo neste senso “que fomos quen de desbloquear a posta en marcha dos parques de bombeiros, investimos 2,8 millóns nas residencias públicas de Trabada e Ribadeo, puxemos en marcha no Valadouro a primeira escola pública de horticultura de Galicia e impulsamos a promoción turística con todo tipo de iniciativas, ademais de garantir servizos sociais básicos, como a axuda no fogar ou a teleasistencia”.

“Mocidade e maiores a nosa prioridade”
O programa do PSOE inclúe a creación dun centro de día, a posta en marcha do saneamento integral do concello e un plan de emprego “que favoreza ás nosas empresas e aos nosos desempregados”. “ A nosa mocidade e os nosos maiores son as nosas prioridades”, indicou a alcaldable, quen anunciou ademais que “ faremos un plan turístico desestacionador, promoveremos o sector primario, poñeremos en valor o noso patrimonio con especial atención ao medio ambiente e faremos unha área específica para a muller e o emigrante”.

A lista do PSOE que levará a cabo estes proxectos tan necesarios para o municipio é a seguinte:

1.- María Carmen Veiga Rodríguez
2.- José Antonio Otero Ramos
3.- Ángeles López López
4.- Adrián Longarela Otero
5.- María Jesús Jover-Peralta Pane
6.- Jorge David Vázquez Grande
7.- José Terrón Cantíl
8.- Silvia Otero Moirón
9.- Manuel Dos Santos Fernandes Batista
10.- Josefa Posada Rocha
11.- Benito Longarela Geada

Suplentes:
1.- Modesto López Gutíerrez
2.- Miguel Angel Barrera Longarela