Barreiros renova os carteis de información turística

Puede ser una imagen de al aire libre

Barreiros, 2 de xuño, 2022. O Concello de Barreiros segue a traballar na mellora da súa imaxe e posicionamento turístico, mediante a restauración estética e actualización dos contidos dos paneis turísticos situados en puntos estratéxicos do territorio municipal tales como as praias de Arealonga e Altar, o Santo Estevo do Ermo, ou o Camiño de Santiago, entre outros.

A alcaldesa, Ana Ermida explica que, “deste xeito, ademais da substancial mellora da imaxe conseguida, xa que estes paneis estaban bastante deteriorados, aproveitouse para ofrecer información útil e gráfica sobre os recursos imprescindibles e oferta turística do concello. Así, os e as visitantes, practicamente nun só golpe de vista, poden facerse unha idea global de todo o potencial turístico de Barreiros. Por outra banda, remiten tanto aos servizos presenciais de información turística como ás ferramentas online para que os e as viaxeiras poidan ampliar información se o desexan”.

A colocación dos paneis foi posible grazas á colaboración entre o persoal de turismo e o de obras, que se encargaron dos contidos e da colocación, respectivamente.

Neste senso, o Concello tamén está a traballar na mellora de sinais e paneis puntuais tanto no Camiño de Santiago como no Santo Estevo do Ermo atendendo así ás demandas dos e das visitantes e á lóxica e necesaria actualización da imaxe e da información proporcionada. Melloras que en breve estarán finalizadas.

Ermida subliñou que “estes traballos únense tanto ao recente reacondicionamento e sinalización do novo trazado da Ruta Lagoa de Pallares cuxa información está dispoñible na web municipal entre outras plataformas a nivel xeodestino, como á planificación de novidades de cara ao verán que, agardan, redunden nunha imaxe turística actualizada e no posicionamento de Barreiros como destino para visitar en calquera época do ano aproveitando a súa riqueza natural e cultural”.