BARREIROS PERDE AS BANDEIRAS AZUIS DE TODAS AS PRAIAS

BARREIROS PERDE AS BANDEIRAS AZUIS DE TODAS AS PRAIAS.

En catro delas a retirada vén motivada por problemas no servizo de salvamento e socorrismo.

O BNG pide a dimisión do alcalde e o concelleiro de medio ambiente como responsables da xestión dos areais.

Barreiros, 1 de agosto de 2016. Segundo se pode comprobar na páxina web de Adeac, o organismo que concede as Bandeiras Azuis, o concello de Barreiros vén de perder definitivamente todos os galardóns das súas praias. “Era algo que se estaba vendo vir nos últimos anos e, especialmente, neste ano cando, a incompetencia e a deixadez se fixo aínda máis palpable”, afirman desde o grupo municipal do BNG.

É a primeira vez que Barreiros non ten Bandeiras Azuis nas súas praias desde que se comezou a outorgar este galardón. Este concello logrou ser un referente turístico chegando a ter oito bandeiras, sendo o segundo de Galiza con máis bandeiras, e agora retíranlle todo recoñecemento como consecuencia da deixadez e a desidia dun goberno municipal que só se preocupa de saír nas fotos con Feijoo na recollida e o día do izado e nen sequera ese día se cumpren as condicións para ter bandeira en todas as praias”, asegura a portavoz municipal, Ana Ermida. “Non sabemos se Feijoo ten tantas ganas de sair na foto co alcalde de Barreiros aprobando a súa xestión no concello”, ironizan desde a formación nacionalista.

Problemas medioambientais e no servizo de salvamento e socorrismo.

Para o BNG “ten especial gravidade que a retirada das bandeiras veña motivada maioritariamente por incumplimentos en materia de socorrismo e problemas medioambientais, xa que non é exclusivamente que se retiren as bandeiras; senón que se pode estar xogando coa seguridade e a saúde das persoas usuarias”, sinalan desde o BNG.

É incrible que a día un de agosto alguén teña a pouca vergoña de saír na prensa anunciando a colocación de wc nalgunhas praias, como se se puidera presumir dunha gran xestión tendo os areais sen os servizos máis básicos a metade da temporada de verán”, afirma desde a formación frontista.

Todos os problemas expostos pola ADEAC no seu informe no que se advertía da posibilidade da retirada definitiva das bandeiras serían subsanables se houbera intención de facelo, pero a deixadez é tan absoluta que nós”, explica Ana Ermida, “a día de hoxe non sabemos nen sequera se contestarían ao informe, a pesar de telo preguntado no pleno.”

Asunción de responsabilidades e dimisión de alcalde e concelleiro de medioambiente.

Para o BNG “a situación é tan grave que require de asunción de responsabilidades de quen, en todos estes anos, non só non foron quen de arranxar a situación, senón que destrozaron todo o traballo e a xestión que había feitos”.

A formación nacionalista pide as dimisións do alcalde, como responsable directo de toda a xestión, e do concelleiro de medioambiente. “Á vista está que non son capaces para desenvolver os seus postos, que están manchando a imaxe de Barreiros e que están deixando o noso concello nunha situación gravísima e vergoñenta. A sensación é de absoluta deixadez e desatención de todo. Parece coma se este concello non fora o seu e non lles importase”.

As veciñas e veciños de Barreiros non merecemos que nos represente quen, desde os sillóns de goberno, está manchando o nome deste concello desde todos os puntos de vista. Non merecemos un goberno prepotente que non atende nin escoita a quen o advirte para buscar solucións”, aseguran desde o BNG.

Esta é a última mostra de a onde nos leva o Partido Popular con Alfonso Fuente á cabeza. Desgraciadamente para o noso concello, seguramente non sexa a derradeira”, lamenta Ana Ermida.