BARREIROS INICIA A EXECUCIÓN FORZOSA PARA A LIMPEZA DE FINCAS A QUEN DESATENDEU OS REQUIRIMENTOS FEITOS DESDE O CONCELLO

BARREIROS INICIA A EXECUCIÓN FORZOSA PARA A LIMPEZA DE FINCAS A QUEN DESATENDEU OS REQUIRIMENTOS FEITOS DESDE O CONCELLO

Data de publicación:
venres, 12 Marzo, 2021 – 14:26

O Concello vén de iniciar procedemento de execución forzosa de limpeza de 23 fincas coa imposición de multas de 1.000 euros a cada propietario.

Outros 13 propietarios serán notificados mediante anuncio do BOE ao non recepcionar as notificacións enviadas desde o Concello.

Barreiros, 12 de marzo de 2021. A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, vén de decretar o inicio da execución forzosa para a limpeza de 23 fincas que foron notificadas polo Concello e cuxas propiedades desatenderon os requirimentos, pese a telos recibido. Ao mesmo tempo, 13 fincas cuxos propietarios son descoñecidos ou non recolleron a notificación, serán notificados a través da publicación no BOE, que se prevé para o 18 deste mes.

En ambos casos, establécese un prazo de 15 días para a realización das labores e, en caso de non realizalas, as multas de 1.000 euros serán efectivas transcorrido dito prazo; reiterándose trimestralmente e podendo chegar aos 10.000 euros.

Paralelamente, poderán iniciarse os correspondentes expedientes sancionadores, cuxas sancións se sumarán ás multas coercitivas.

Igualmente, o Concello poderá realizar as labores necesarias para o adecentamento das fincas, pasándolle o custe á propiedade.

Ana Ermida explica que o goberno municipal leva desde o inicio do mandato procurando unha mellora da imaxe do municipio e a colaboración dos propietarios de fincas en estado de abandono para o seu mantemento. A alcaldesa manifestou que en moitos casos conseguiuse que se atendese aos requirimentos feitos e, “precisamente por iso, por igualdade e xustiza para aquelas persoas que manteñen as súas fincas en bo estado por un ben común como é a boa imaxe e a salubridade da veciñanza, temos o firme convencemento de seguir adiante cos expedientes de limpeza de fincas.”

A rexedora manifestou que “unha parte destas parcelas pertencen a empresas ou entidades bancarias que no seu momento as adquiriron e que non realizan as oportunas labores de mantemento, polo que non podemos permitir que haxa veciñas e veciños que cumpran escrupulosamente coas súas obrigas e outras que non o respecten.”

No caso das parcelas cuxa propiedade se descoñece ou non recibe as notificacións, serán notificadas por medio dunha publicación no BOE, tal e como prevé a lei, para posteriormente continuar co expediente, podendo mesmo o Concello asumir as tarefas. A dificultade para localizar as persoas propietarias destes inmobles á hora de que asuman os gastos, podería abrir a porta mesmo á expropiación das parcelas.

Ana Ermida informou igualmente de que nos vindeiros días o Concello iniciará tamén expedientes de execución forzosa para a retirada de plantacións forestais que incumpren a lei de incendios.