BARREIROS GASTA ARREDOR DE 150.000 EUROS EN EMPRESAS EXTERNAS PARA XESTIÓN DA AUGA

BARREIROS GASTA ARREDOR DE 150.000 EUROS EN EMPRESAS EXTERNAS PARA XESTIÓN DA AUGA.

Durante o 2016 un mesmo empresario facturou máis de 41.000 euros por traballos e materiais para a rede de auga.

A empresa Aqualia cobra cada dous meses pola xestión dos recibos uns 15.000 euros.

Barreiros, 3 de febreiro de 2016. “Certo que o servizo de augas non está privatizado oficialmente, pero gastar 150.000€ anuais en empresas alleas ao Concello para este servizo, achégaselle bastante”. Con esta afirmación a portavoz municipal do BNG, Ana Ermida, insiste na mala xestión do diñeiro público que están facendo Alfonso Fuente e o goberno do PP en Barreiros.

“Non se pode presumir de non ter servizos privatizados cando, de facto, os traballos os están realizando persoas alleas ao concello”, afirma. “E tampouco nos vale que se pretenda culpabilizar da situación ao cadro de persoal municipal, que estarán de baixa cando o precisan e terán os dereitos que lles corresponden. Se o goberno municipal é incapaz de xestionar os servizos co persoal que ten, a responsabilidade é de quen ten que organizar e é incapaz, non das traballadoras e traballadores”, insiste Ana Ermida.

O grupo municipal do BNG puido verificar que no ano 2016 se lle estiveron pagando facturas mensualmente a un empresario autónomo alleo ao Concello por un importe de 2.420€, ademais de facturas soltas por compra de material. “Non entendemos como se pode facturar todos os meses o mesmo por traballos na rede de abastecemento de auga cando non se ten relación laboral co concello, salvo que esteñamos nun deses casos de infracción da legalidade laboral e teñamos diante o caso dun falso autónomo. Pero ademais, tampouco comprendemos a razón pola que se compra material a través desta persoa, en lugar de facelo directamente o Concello, que ten capacidade para iso”, sinalan desde o grupo municipal nacionalista.

As facturas emitidas por este profesional, de fóra de Barreiros, ao longo do 2016 suman un total de 41.866,80 euros. A esto hai que sumar as que presenta a empresa Aqualia, que se encarga da lectura de contadores e xestión dos recibos. Por estes conceptos, as concelleiras e concelleiros nacionalistas tiveron coñecemento das facturas correspondentes a 4 meses (marzo, abril, maio e xuño), que ascendían a un total de 28.448,09 euros. Facendo unha simple multiplicación, podemos ver que saen anualmente máis de 85.000 euros por este servizo.

Desde o grupo municipal do BNG lamentan que “todo este diñeiro que se está a pagar a empresas alleas non sirva sequera para ter un servizo adecuado ao prezo que pagan os veciños e veciñas no seu recibo que foi aumentando nos últimos anos, quizáis como consecuencia destes gastos e, sen embargo, seguen sufrindo cortes de auga e unha calidade que dista moito de ser óptima.”

A limpeza das praias, un novo servizo privatizado.

Desde o BNG recordan ademais que o verán pasado, Alfonso Fuente e o Partido Popular contrataron unha empresa para realizar a limpeza dos areais barreirenses. Por este servizo, pagoúselle a unha empresa a cantidade de 28.050€ por tres meses.

A portavoz municipal do BNG insiste en que “o goberno de Alfonso Fuente quedará no recordo das veciñas e dos veciños por ser o goberno que máis cartos tivo entre as súas mans e o que máis mal os xestionou para o interese xeral e o  ben común. A situación municipal, cunha débeda recoñecida de 2,5 millóns de euros e empresas privadas facendo traballos que sempre se fixeron con persoal do concello, só son unha mostra de como se xestionan aquí os cartos de todas e todos”, conclúen.