BARREIROS CONTINÚA COA PROGRAMACIÓN DE ACTOS CULTURAIS E ADICA O MES DE NOVEMBRO Á LOITA CONTRA AS VIOLENCIAS.

💜 BARREIROS CONTINÚA COA PROGRAMACIÓN DE ACTOS CULTURAIS E ADICA O MES DE NOVEMBRO Á LOITA CONTRA AS VIOLENCIAS.
Co nome xenérico “Barreiros feminino plural”, as áreas de igualdade e dinamización compaxinan actividades dirixidas ás crianzas e ás persoas adultas.
▶️Barreiros, 5 de novembro de 2021.O Concello de Barreiros, nunha clara aposta polo desenvolvemento dunha programación cultural integradora, transversal e interxeracional, ven de presentar as actividades que se levarán a cabo no mes de novembro.
Co nome xenérico de “Barreiros feminino plural”, as áreas de igualdade e dinamización tentarán achegar diversas actividades dirixidas tanto ás crianzas como ás persoas adultas, co obxectivo de visibilizar e desbotar da nosa sociedade todo tipo de violencias, nomeadamente a violencia machista.A concelleira de igualdade, Montse Porteiro reflectiu a necesidade de “comezar desde as idades máis temperás a inculcar condutas baseadas na tolerancia, na diversidade e no respecto a todas as persoas, desbotando da sociedade estereotipos patriarcais que impiden avanzar na igualdade real entre homes e mulleres.
A programación dará comezo o sábado 13 de novembro nos Colexios Vellos de San Miguel, onde a Asociación Axuda ao Enfermo Mental representará a obra de teatro contra o bullying “Éres Único”.
Continuaremos durante os seguintes sábados do mes con actos diversos, así o sábado 20 a pedagoga Estela Moreno representará no Centro Social de San Cosme o seu conto “Pepuka e o monstro que levou o seu sorriso“, dando así continuidade á representación con bonecas que fixeron as nosas nenas,nenos e persoas maiores antes da pandemia. Rematamos o sábado27 nas Escolas de Celeiro coa contacontos Raquel Queizás, que representará o conto “Somos iguais.Contos pola igualdade”. As tres actividades están dirixidas a todos os públicos,serán ás 18 horas e poderán acoller público ata completar aforos.
A Praza do Concello será quen acolla o acto institucional do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, o xoves 25 de novembro ás 12 horas. O Concello de Barreiros, por terceiro ano consecutivo, adhírese tamén á campaña “En Negro Contra As Violencias”. Desde as áreas de igualdade e dinamización agardan que a programación sexa do agrado de todas e todos, e que “o desfrute de actividades lúdicas e culturais vaia asociado ao rexeitamentoe erradicación da sociedade de calquera conduta violenta contra as mulleres”.