BARREIROS CONTINUA COA CAMPAÑA “EN NEGRO CONTRA AS VIOLENCIAS”

BARREIROS CONTINUA COA CAMPAÑA “EN NEGRO CONTRA AS VIOLENCIAS”

Esta fin de semana seguen os actos que o Concello de Barreiros ten programados para sensibilizar a veciñanza sobre a igualdade e violencia de xénero.

Barreiros, 30 de novembro de 2019. O Concello de Barreiros segue esta fin de semana cos actos que poñerán fin a campaña “En Negro Contra as Violencias” que se iniciou o 18 de novembro.

O sábado 30 de novembro, no partido que xoga o Celta Barreiros C.F. e o Guitiriz S.D. ás 16:00 horas no campo de fútbol O Cascabeiro, terá lugar un acto no que se representarán os sentidos do gusto e do olfacto, “Gustando da Igualdade!”.

Tamén o sábado 30, durante o partido que terá lugar no pavillón municipal ás 18:30 horas entre o Praias de Barreiros F.S. e o I.E.S. Coruño, haberá un acto simbólico representando o sentido do oído, “Ergue a túa Voz!”.

O domingo, día 1 de decembro, ás 19:00 horas no centro sociocultural Manuel Díaz Sampedro, haberá teatro de títeres. Títeres que foron elaborados nos obradoiros interxeracionais organizados polas concellerías de igualdade e de dinamización do Concello de Barreiros, os cales se levaron a cabo durante os meses de outubro de novembro. Representarán a obra “Pepuka e o monstro que levou o seu sorriso”.

Ao finalizar a obra de títeres, coñecerase o fallo do xurado sobre o certame de debuxo, “Di non á violencia”, organizado pola concellería de igualdade e no que participou o alumnado de primaria dos colexios de San Cosme e de San Miguel. O xurado estará formado por Paloma Díaz, educadora social, Encarna Santos de Educando en Familia e Lucía Vila, profesora licenciada en Belas Artes.