Barreiros celebrará este domingo a proba máis orixinal: a Carreira Popular das Praias

Apúntate: Barreiros celebrará este domingo a proba máis orixinal: a Carreira Popular das Praias

LA VOZVIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Será ca marea baixa e este ano como novidade tamén se inclúe unha andaina

11 abr 2022 . Actualizado a las 19:10 h.

Barreiros celebrará este domingo, día 17, a Carreira Popular das Praias, unha proba singular e orixinal, que ademais é moi participativa, que ten que coincidir coa baixamar.

Este pasado domingo tivo lugar na praia de Altar a presentación da VIII Carreira Popular das Praias que está organizada pola asociación cultural e deportiva Praias de Comado xunto co Concello de Barreiros e a Secretaría Xeral para o deporte da Xunta de Galicia.

A proba terá lugar este vindeiro domingo 17 de abril a partir das 11 para as categorías infantís e ás 11:30 darase a saída para a categoría absoluta. Este ano, como novidade, tamén se presentou a andaina de 9 kilómetros que percorrerá pola area mollada todo o litoral barreirense aproveitando a baixamar.

A zona de carreira estará ubicada, como en anteriores edicións, na zona da praia de Altar, lugar no que os participantes, tanto da carreira absoluta coma da andaina, collerán os buses que os trasladarán a zona de saída (praia de Arealonga).

Desde o Concello de Barreiros lembran que esta proba está incluída no circuíto de carreiras locais quee dende a área de Dinamización e Participación Veciñal se puxo en marcha este 2022 incluíndo as 6 carreiras populares que se celebran en Barreiros durante todo o ano. Hai premios e agasallos para quen participe polo menos en catro destas carreiras que se organizan no concello de Barreiros.

Toda a información e inscricións sobre esta orixinal Carreira Popular das Praias e as probas restantes que se promoven tamén en Barreiros, pode encontrarse na web https://maiskmsbarreiros.gal.