BARREIROS ACOLLE UN CAMPUS DE BALONCESTO NA PRIMEIRA QUINCENA DE XULLO

CampusBaloncestoBARREIROS ACOLLE UN CAMPUS DE BALONCESTO NA PRIMEIRA QUINCENA DE XULLO. OS PARTICIPANTES DEBERÁN TER ENTRE 8 E 18 ANOS. A INSCRICIÓN É GRATUÍTA E DEBERÁ EFECTUARSE AO LONGO DESTA SEMANA NO CONCELLO.

Barreiros, 13 de xuño de 2016. Barreiros acolle un campus de baloncesto en dúas quendas, que se desenvolverán do 2  ao 17 de xullo. Os participantes deberán ter entre 8 e 18 anos. A inscrición, que é gratuíta, está aberta e deberá realizarse ao longo desta semana.

O alcalde, Alfonso Fuente, declarou que “o campus de baloncesto que todos estes anos anteriores se viña celebrando en Ribadeo e noutras localidades, este ano trasládase tamén ao concello de Barreiros. Isto posibilita que 20 nenos de Barreiros entre 8 e 18 anos poidan inscribirse de xeito gratuíto neste campus e compartir esta experiencia de baloncesto con outros nenos que chegan de toda España”.

O rexedor barreirense salientou que “hai dous grupos, un iniciarase o 2 de xullo ata o día 9, e outro iniciarase o 10 de xullo ata o día 17. Hai actividades desde as nove da mañá ata as nove da noite e os nenos terán a posibilidade de comer e cear no propio campus. Para os nenos de Barreiros será un réxime aberto, é dicir non van pernoitar no colexio de San Miguel, que habilitou as antigas casas dos mestres onde van durmir os que veñen de fora”.

Fuente Parga contou que “os nenos de Barreiros poderán gozar desta experiencia que non só é baloncesto senón que haberá ademais dos adestramentos técnicos e tácticos, outras actividade lúdicas como ir a praia ou a inglés e tamén excursións”.

O alcalde de Barreiros cre que “pode ser interesante a experiencia, insisto tendo en conta que isto non custará nada para os nenos de Barreiros. Teñen que inscribirse na Casa do Concello os que estean nesa franxa de idade entre 8 e 18 anos, ao longo desta semana. Eu os invitaría a todos os que queiran participar a que se inscriban canto antes e calquera información se lles vai ampliar no Concello”.

Finalmente Fuente Parga anima “a todos os nenos que queiran pasar unha semana no mes de xullo cunha actividade como pode ser o baloncesto completada con outras máis a que se inscriban neste XVI Campus de Baloncesto Ribadeo-Barreiros”.

Archivo PDF: Campus Baloncesto Ribadeo-Barreiros