AS ANALÍTICAS DE SANIDADE NA PRAIA DE AREALONGA DESACONSELLAN O BAÑO EN DITO AREAL

AS ANALÍTICAS DE SANIDADE NA PRAIA DE AREALONGA DESACONSELLAN O BAÑO EN DITO AREAL

Desde o departamento autonómico comunicaron ao Concello de Barreiros a necesidade de colocar nas entradas do areal a recomendación de non bañarse pola presenza de enterococos intestinais.

A alcaldesa insiste en que existe un proxecto redactado por Augas de Galicia de construción dunha nova depuradora que dá solución aos vertidos causantes da contaminación.

Barreiros, 23 de agosto de 2019. A última hora da mañá de hoxe o Concello de Barreiros recibiu unha comunicación de sanidade sobre a existencia de enterococos intestinais (escherichia coli) en niveis que superan o valor aceptable establecido de contaminación microbiolóxica na auga de baño. Por esta razón, desde o departamento autonómico instaron á entidade municipal a sinalizar a recomendación de non bañarse na praia de Arealonga, á espera dunha nova analítica na vindeira semana. O Concello procedeu a colocar carteis informativos sobre a contaminación temporal, xunto coa recomendación de non bañarse.

Desde o goberno municipal explican que a presenza de enterococos intestinais vén dándose especialmente nos últimos anos a consecuencia dos problemas de depuración  das augas residuais que existen nas parroquias de San Miguel e Reinante. “Por esta razón, entre outras, é urxente acometer as obras necesarias para a construción dunha nova depuradora en San Miguel que, tal e como recolle o proxecto elaborado por Augas de Galicia, solucionaría o saneamento que provoca verquidos en dito areal.”

O Concello lembra que xa existe un proxecto concreto e que o goberno municipal trata de sacalo adiante.

Lembran ademais que, pese ás declaracións do delegado da Xunta, a administración autonómica ten asumido noutros lugares obras similares e, mesmo en Barreiros, existiu hai un tempo un compromiso para aportar unha importante suma de diñeiro a un convenio para a mellora e ampliación das infraestruturas de saneamento entre as que se atopaba esta mesma depuradora.

“Existindo xa ese proxecto concreto para afrontar o problema de depuración das augas residuais de Barreiros  que demanda o delegado e que foi redactado e cuantificado por Augas de Galicia, desde o Concello tomamos a iniciativa de iniciar un diálogo con outras administracións para analizar a posibilidade de execución do mesmo. E nese sentido e nese contexto se encadran as misivas enviadas aos distintos departamentos da Xunta que entendemos poden ter interese e implicación na solución”, relata a alcaldesa.

Ana Ermida  manifesta que “a disposición do Concello é buscar solución a un problema existente desde hai anos e, sendo conscientes da imposibilidade de que esta sexa dada exclusivamente polo Concello, debemos buscar a colaboración interadministrativa en beneficio das veciñas e veciños e fuxir de sectarismos ou apriorismos insubstanciais que non levan a solución algunha”.