Arrancan as obras de mellora da estrada Reme-Vilamar

Barreiros |
Arrancan as obras de mellora da estrada Reme-Vilamar
Comezou a primeira fase das obras de mellora da estrada Reme-Vilamar, nas que o investimento ascende a 350.000 euros. O prazo de execución será dun mes aproximadamente. O alcalde, Alfonso Fuente, asegura que se trata dun proxecto moi demandado polos usuarios dese vial.
O rexedor contou que “desde o luns estase traballando xa na estrada Reme-Vilamar. Era un tema que dende hai varios anos levamos xestionando coa Xunta de Galicia, concretamente co departamento de Infraestruturas para que esa estrada fora reparada, se aglomerara, se prepararan as cunetas, etcétera. E por fin ve a luz despois de que ese proxecto se aprobara, se licitara e a empresa Acoval, do Barco de Valdeorras, está facendo esta obra cun presuposto de 350.000 euros”.
Fuente Parga subliñou que “a mellora desta estrada era moi demandada. Vanse arranxar catro quilómetros na primeira fase e logo nunha segunda fase actuarase dende o quilómetro 4 ata a rotonda da estrada provincial que une Barreiros con Trabada. Consiste na limpeza de todas as cunetas, que parte delas vanse facer en formigón e logo leva unha capa de aglomerado en todo o ancho da estrada”.
O alcalde barreirense cre que “era unha obra que se necesitaba, ao igual que o precisa a provincial 0609, que vai dende Vilamar ata San Xusto, unha estrada sobre a que estamos traballando coa Deputación para que sexa reparada, porque neste momento ao andar por ela xa se ve como se levantan as pedras, xa que está quedando sen aglomerado e necesita unha reparación integral, igual que vai ter este tramo da Reme-Vilamar”.
Alfonso Fuente lembrou que no caso da estrada Reme-Vilamar “lévanse moitos anos detrás disto, pero pasaron varios gobernos e en moitos casos foi motivo de disputas electorais, incluso nalgún momento se falou de novos trazados. Pero eu sempre apostei por mellorar a estrada que hai para poder dar servizo á parroquia de Cabarcos e ao entorno”.