Aprender no rural, III Xornadas de Historia Local de Barreiros organizadas por Ollomao

“Aprender no rural” é a temática das , para este domingo 19 de abril a partir das 16:30h. nos Colexios Vellos de San Miguel de Reinante.

As Xornadas de Historia Local de Barreiros acadan a súa terceira edición cunha mesa redonda na cal se conversará sobre o pasado e presente da educación. Para a ocasión, os Colexios Vellos de San Miguel de Reinante contarán coa presenza de Antón Costa Rico, Catedrático da Historia da Educación na USC que tén abondado no estudo da relación entre o rural e a educación, así como a importancia das escolas unitarias e aquelas que foran creadas cos cartos procedentes da emigración ás Américas. Precisamente, aportacións grazas ás cales foron tamén construídos os Colexios Vellos de San Miguel e onde casualmente, Antón Costa foi alumno hai arredor de 50 anos cando cursaba os estudos primarios.

Nesta sesión, ademais de abordar a historia barreirense no que respecta ao ensino no rural, participará Yolanda Neira, directora do Centro Rural Agrupado de Boqueixón. Mostrará a experiencia do que é unha escola unitaria a día de hoxe, a importancia que tén para o territorio o feito de que as nenas e nenos teñan a oportunidade de aprender no seu lugar de procedencia e residencia, e qué supón para a integración territorial e vitalidade dos núcleos rurais. Unha ensinanza que permite estar conectada co mundo sen perder a vinculación co territorio.

E finalmente, Xesús Rodríguez Rodríguez, profesor na Facultade de Educación da USC presentará o documental “Lembranzas dunha escola unitaria” de Cabreiros (Xermade). Unha reportaxe realizada pola Asociación de Veciños de Cabreiros, na cal se recrea a historia da escola, os contratempos á hora da súa construcción acordando aportar un carro de pedra por cada casa veciña para poder levala a cabo, e tamén o que supuxo para a veciñanza aquela irrupción dun novo modelo educativo. Xesús Rodríguez estará acompañado por Manuela Vilaboy e Laura Cabarcos, participantes no vídeo e profesionais tamén da educación.

Entrega dos diplomas da segunda promoción da Universidade Rural de Barreiros

Aproveitando a ocasión, dado que a temática das xornadas deste domingo é arredor da importancia e características de “aprender no rural”, Ollomao fará entrega dos diplomas ás alumnas e alumnos da II edición da Universidade Rural de Barreiros. A iniciativa pioneira que comezou a andar no outono de 2013, camiña xa cara a súa terceira edición, prevista para inicio á volta do verán e na cal haberá entre outras novidades un curso sobre “Turismo e Desenvolvemento Local” e un segundo curso de “Dereito”.

Ollomao convida a asistir a todas as persoas interesadas, sendo unha cita aberta a calquera que desexe tomar parte.