ANTONIO VEIGA: “A CASA DO TENENTE ALCALDE É UN EXEMPLO DO URBANISMO Á CARTA QUE SE FIXO EN BARREIROS NOS ÚLTIMOS ANOS”

ANTONIO VEIGA: “A CASA DO TENENTE ALCALDE É UN EXEMPLO DO URBANISMO Á CARTA QUE SE FIXO EN BARREIROS NOS ÚLTIMOS ANOS”

O BNG considera que “a política urbanística levada a cabo polo PP desde que Alfonso Fuente é alcalde non beneficiou en absoluto ao conxunto da cidadanía de Barreiros, senón que foi feita á carta para beneficiar determinados intereses particulares de persoas vinculadas ao Partido Popular, e levou á ruína económica ao Concello”

O servizo de Protección da Natureza da Garda Civil investiga o edificio que fixo José Manuel Gómez Puente frente ao Acantilado e que non ten licenza de primeira ocupación

Barreiros, 27 de xaneiro 2015.- O Bloque Nacionalista Galego de Barreiros pon o edificio construído polo tenente alcalde, José Manuel Gómez Puente, na zona da praia como “exemplo claro” da “política urbanística á carta” levada a cabo polo Partido Popular nos últimos anos no Concello de Barreiros, “destinada a beneficiar intereses particulares de persoas vinculadas ao Partido Popular”.

O concelleiro nacionalista Antonio Veiga afirma que esta construción, que está sendo investigada polo Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil, demostra que a política urbanística en Barreiros desde que é alcalde Alfonso Fuente Parga “non foi pensada para beneficiar ás veciñas e veciños de Barreiros nin os intereses xerais do Concello, senón que foi feita unicamente para beneficiar a persoas vinculadas ao Partido Popular, algunhas, coma neste caso, membros do propio Goberno municipal”.

Antonio Veiga acusa tamén ao alcalde de “mirar para outro lado e facer a vista gorda, sabendo que o edificio que o tenente alcalde construíu en Remior frente ao Acantilado non se axusta ao tipo de solo nin ao uso permitido nesa zona no momento en que se concedeu a licenza”. O concelleiro nacionalista considera “grave” que o alcalde anunciara onte no Pleno que o Concello vai “legalizar” esa construción, o que significa, afirma Antonio Veiga,  “que neste momento o edificio é ilegal e este verán estivo sendo ocupado sen nin sequera ter licenza de primeira ocupación”. Veiga critica tamén que se vaia facer unha “legalización ad hoc” para beneficiar ao tenente alcalde, o que significa que se pretence “legalizar unha ilegalidade”.

“Intereses persoais e ruína económica para o Concello”

Antonio Veiga afirma que “as consecuencias desta desastrosa política urbanística levada a cabo polo Partido Popular no Concello de Barreiros nos últimos anos están aí: unha absoluta ruína económica para o propio Concello, un dos máis endebedados de toda Galiza”. O Bloque lembra que Barreiros debe máis de 5 millóns de euros, “unha débeda que imos ter que pagar todos os veciños e veciñas de Barreiros durante os próximos anos”.

“Non é un veciño calquera”

O concelleiro do Bloque afirma contundente que “todo o mundo ten que respectar a lei, máis aínda cando se trata dunha persoa que ten que dar exemplo”, di. “José Manuel Gómez Puente non é un veciño calquera, porque é tenente alcalde co Concello de Barreiros e, como tal, concede licenzas, así que é o primeiro que ten que cumprir a lei”, reclámalle.

O BNG reclama máxima transparencia

O Bloque Nacionalista Galego esixe ao alcalde “máxima transparencia” sobre este asunto. “Pedimos máxima transparencia, porque é un feito grave, e agardamos que se nos entregue toda a documentación que onte solicitamos no Pleno sobre este asunto coa máxima celeridade, porque son documentos públicos que obran en poder do Concello”, reclama. “Se non hai nada que ocultar, se o alcalde e o tenente alcalde non teñen nada que ocultar, deberían ser os primeiros en facer públicos todos eses documentos, para coñecemento e tranquilidade de todos os veciños e veciñas de Barreiros”, conclúe Antonio Veiga.