Antonio Oca e Francisco Sineiro falarán sobre a PAC e a desaparición das cotas lácteas, nunha charla organizada por Ollomao.

Antonio Oca e Francisco Sineiro falarán sobre a PAC e a desaparición das cotas lácteas, nunha charla organizada por Ollomao.

Barreiros, 21 de marzo. O Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros organiza as xornadas  “Falemos do agroforestal galego”,que terán lugar o luns 23 e o xoves 26 de marzo. As sesións terán lugar en bares do concello barreirense.

Dentro da iniciativa Universidade Rural de Barreiros, Ollomao organiza os Xoves Universitarios: puntos de encontro para falar temas de actualidade e interese, nos que toman parte persoas expertas na materia a tratar. Os lugares de encontro son bares do concello barreirense, coa finalidade de servir esta actividade como fomentadora da dinamización económica á vez que se procura un ambiente máis informal e distendido.  Os días 23 e 26 deste mes terán lugar a cuarta e quinta charlas, nas que se tratará o sector agroforestal galego.

Concretamente, o luns 23 tratarase o sector lácteo. Antonio Oca, anteriormente Director Xeral de Calidade Agroalimentaria; e Francisco Sineiro, profesor de economía agraria na USC e anteriormente conselleiro de Agricultura, Gandaría e Montes, falarán do pasado e futuro da PAC, e máis específicamente sobre cómo afecta a nova reforma ás cotas lácteas. A cita terá lugar no bar “A Dulcería” de San Miguel de Reinante ás 9 da noite.

O xoves 26, o encontro terá lugar ás 20:30h. no bar “Lozano” de Celeiro de Mariñaos, onde Mariam Ferreira, técnica forestal, e Mar Pérez Fra, profesora da USC, falarán das posibilidades dos nosos montes para ser aproveitados como recurso de desenvolvemento rural.

As dúas citas son de carácter aberto e de balde, podendo asistir todas as persoas interesadas sen necesidade de inscrición previa.