Ana Ermida pide seriedade e rigor en politica municipal e que non se trate entorpecer a quen traballa por Barreiros

Ana Ermida pide seriedade e rigor en politica municipal e que non se trate entorpecer a quen traballa por Barreiros

16-07-20

 Barreiros, 16 de xullo de 2020. A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, afea ao portavoz do PP e exalcalde de Barreiros durante 14 anos que se instale no macarrismo político e repita mecanicamente o discurso que lle marcan desde a dirección do partido, sen ser capaz de analizar a situación concreta de Barreiros.
Ermida amósase sorprendida polo comunicado de prensa enviado en nome de Alfonso Fuente no que dubida da defensa de Barreiros por parte do goberno municipal. A alcaldesa lémbralle ao portavoz da oposición e exalcalde que “tivo 14 anos para demostrar a súa preocupación e o seu traballo por Barreiros, que foi avaliado nas urnas hai un ano con un claro suspenso que o desaloxou do goberno.”
“Este repentino interese polo turismo e a hostelería non sabemos se se debe a que se decatou de como deixou o concello de Barreiros a nivel turístico ou a algún tipo de interese persoal para o que utiliza o seu cargo público”, sinala Ana Ermida.
A allcaldesa lémbralle a Fuente Parga que “ata as 00:00 horas de hoxe xoves, a Xunta de Galicia tiña prohibida a entrada de persoas a Barreiros, co que a causa de que non chegase xente é evidente”. En opinión da rexedora nacionalista, “tratar de relacionar a supresión de reservas con outras cuestións que non foran as medidas de restricción da mobilidade e a vacilación da Xunta à hora de adoptar medidas e trasladar a información é, ademais de demagóxico, absolutamente rastreiro”
A respecto do traballo realizado polo actual goberno na promoción turística a alcaldesa lembra desde o aglomerado da estrada provincial que dá acceso á praia de Arealonga a raíz das xestións municipais, pasando polas xestións realizadas en Fitur, ata a recuperación de tres Bandeiras Azuis; despois de que fose retiradas no 2016, entre outras cuestións por incumprir os criterios de socorrismo, cando a Xunta subvencionaba con 60.000€ a contratación de 20 socorristas.
A alcaldesa recoñece “a dificultade de xestionar un concello coa situación na que atopamos Barreiros e nun ano especialmente duro, onde nos atopamos ata boicots de servizos e contratacións.” Con todo, asegura que “o compromiso do goberno municipal no seu conxunto tense demostrado neste ano que só é Barreiros, cousa que quedou por demostrar nos 14 anos de goberno de Fuente Parga”