ANA ERMIDA ACLARA A ALFONSO FUENTE QUE O CONCELLO DEBE 5,5 MILLÓNS DE EUROS

FullSizeRenderANA ERMIDA ACLARA A ALFONSO FUENTE QUE O CONCELLO DEBE 5,5 MILLÓNS DE EUROS: “2,5 MILLÓNS DUN PRÉSTAMO E OUTROS 2 MILLÓNS DE INTERESES, QUE TAMÉN HAI QUE PAGAR”

“Parece mentira que teña unha xestoría”, afirma a cabeza de lista do Bloque, Ana Ermida, que acusa ao alcalde e candidato do PP de querer “ocultar aos veciños e veciñas de Barreiros a situación real de endebedamento e ruína económica na que está o Concello pola xestión irresponsable de Alfonso Fuente Parga”

Ana Ermida pide a Alfonso Fuente que presente o cadro de amortización do prestamo solicitado en 2012 porque “papeis calan bocas” e di que “é unha mágoa que Alfonso Fuente non se atreva a un debate público co Bloque para aclarar estas cousas diante dos veciños e veciñas”

Barreiros, 19 de maio de 2015.-  O Bloque Nacionalista Galego reitera que o Concello de Barreiros debe 5,5 millóns de euros aos bancos e aclara ao actual alcalde e candidato do PP, Alfonso Fuente, que son  2,5 millóns do préstamo solicitado no ano 2012 “máis outros 2 millóns de euros de intereses, que tamén hai que pagar”. “Todo o mundo sabe que cando se solicita un crédito hai que pagar ese préstamo máis os intereses, parece mentira que Alfonso Fuente teña unha xestoría”, di a cabeza de lista do BNG, Ana Ermida, que lle pregunta ao candidato do PP “se na súa xestoría, que é tamén oficina comercial do Banco Santander, dá créditos a fondo perdido e sen intereses?”.

O BNG reta a Alfonso Fuente a presentar o cadro de amortización do préstamo solicitado no ano 2012 porque “papeis calan bocas” e Ana Ermida xa anuncia que “se o vindeiro domingo os barreirenses e as barreirenses outorgan o Goberno do Concello ao BNG o primeiro que faremos será enviar a todas as casas as contas do Concello para que todos os veciños e veciñas saiban cal é a realidade económica do Concello”. “As contas claras”, di Ana Ermida.

O BNG di que non minte e acusa a Alfonso Fuente de querer “ocultar aos veciños e veciñas a situación de endebedamento e ruína económica na que está o Concello de Barreiros pola nefasta e irresponsable xestión deste alcalde”. “Efectivamente, pediuse un crédito no ano 2012 de 2,5 millóns de euros. Un crédito para pagar facturas atrasadas, a provedores (crédito de pago a provedores, se chamaba), polo tanto, un crédito para pagar débeda, non para facer inversións nin pagar servizos, como afirma Alfonso Fuente. Ese crédito inicialmente era a devolver en 10 anos. Pero no ano 2014, antes de empezar a amortizar capital o goberno do PP decidiu ampliar o prazo de devolución a 20 anos: ata o 2032”, esa é a realidade económica do Concello.

324.000 euros só neste ano 2015 para pagar o crédito

“Calquera sabe que un crédito ten un importe inicial (principal) que é o que se pide e, tras os anos de devolución, súmanse intereses que incrementan a cantidade que se devolve. E canto máis se tarde en devolver, máis intereses se pagan. Non fai falta ter unha xestoría e exercer de axente colaborador dunha entidade bancaria para saber iso”, di Ana Ermida.

O Bloque explica que “nos Orzamentos municipais deste mesmo ano, vemos como entre gastos financeiros (intereses) e pasivos financeiros (principal, a débeda propiamente dita) suman un total de 324.000€, cincuenta e tres millóns de pesetas, esa é a cantidade a pagar este ano, e así durante 20 anos”, aclara Ana Ermida que di que “é unha mágoa que Alfonso Fuente non se atreva a ir a un debate público con veciños e veciñas para aclarar estas cousas”.

“Desde o BNG non nos adicamos a enganar á xente. Nós non prometemos empresas que nunca chegan nen ascensores que nunca se poñen. No BNG o que decimos cumprímolo. E así o seguiremos facendo. Outros non poden dicir o mesmo”, conclúe a cabeza de lista do Bloque.

(NOTA: ENVÍASE COPIA DOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS DESTE ANO NO QUE APARECE REFLEXADA A CANTIDADE DESTINADA A PAGAR A DÉBEDA DO CONCELLO)