Alfonso Fuente di que “os únicos condenados no Concello de Barreiros son os membros do actual equipo de goberno por non pagar facturas do ano 2019”

Barreiros, 9 de marzo de 2022. Ante as “mentiras e difamacións” vertidas nos medios de comunicación por representantes do BNG de Barreiros, o ex alcalde, Alfonso Fuente Parga, aclara que actualmente non representa ao Partido Popular en ningún organismo municipal e explica que os únicos condenados no Concello barreirense son os membros do actual equipo de goberno, de BNG e PSOE, por non pagar facturas do ano 2019. “Ao non abonalas naquel momento, cando foron reclamadas, agora custaranlles aos veciños de Barreiros 6.505 euros máis, de intereses”, engade Alfonso Fuente

“En primeiro lugar quero aclarar que non son concelleiro nin representante do Partido Popular de Barreiros en ningún organismo municipal. E ante a constante e sucesiva sarta de mentiras e difamacións vertidas polos representantes públicos do BNG no Concello de Barreiros e polo propio comité local do Bloque nos medios de comunicación, véxome obrigado a formular as seguintes precisións”, manifesta Fuente Parga.

Alfonso Fuente explica que “o procedemento do que traen causa as facturas satisfeitas por min e outros membros do anterior goberno municipal devengáronse polos nosos procurador, avogado e perito intervenientes no procedemento xudicial seguido durante dez anos perante o Xulgado de Instrución Nº1 de Mondoñedo, perante o Xulgado do Penal Nº2 de Lugo e ante a Audiencia Provincial de Lugo, e incoado en virtude das denuncias efectuadas ante a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e ante a Fiscalía polos representantes do BNG local. Iso si, despois de que a familia da alcaldesa, Ana Ermida, pegase un bo pelotazo urbanístico. Os procedementos concluíron con sentenza absolutoria, como se recolle no fallo da sentenza. E faise porque non se aprecia a existencia dos requisitos necesarios para o nacemento do tipo penal. Non existen, como din os letradillos do BNG, os conceptos de media absolución nin de non culpabilidade a medias”.

Fuente engade que “en outubro do ano 2019 os inxustamente acusados- e declarados inocentes dos cargos que se nos imputaban- solicitamos o reintegro dos nosos gastos procesuais. Ante a falta de contestación do Concello, incumprindo a súa obrigación legal, en abril de 2020 tivemos que contratar avogado e procurador e interpuxemos demanda de procedemento ordinario contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso Administrativo Nº1 de Lugo contra a ilegalidade no actuar do Concello de Barreiros. E no mes de outubro de 2021 ditouse sentenza firme que condenaba ao Concello de Barreiros ao pago da cantidade total reclamada máis os intereses legais desde outubro de 2019 e os procesuais desde sentenza e ata o seu completo pago, e condenaba ao Concello de Barreiros ao pago das costas da reclamación interposta. É dicir, foi o Xulgado do Contencioso Administrativo Nº1 de Lugo o que mediante a sentenza ditada obrigou ao Concello a facer o pago da cantidade reclamada máis os intereses xudiciais e as costas”.

Alfonso Fuente tamén aclara: “sen falar comigo nin con ningún dos reclamantes dos gastos -en total somos cinco- o Concello de Barreiros aprobou unilateralmente un plan de pagos para cumprir as súas obrigacións xudiciais ordenadas mediante sentenza de outubro de 2021. E, actuando co deixamento e pasividade que os caracteriza, o goberno municipal demorou durante xa case medio ano -desde outubro do 2021 ata marzo de 2022- o cumprimento das súas condenas xudiciais, e durante case tres anos o cumprimento das súas obrigacións legais. Eles exclusivamente son os responsables das demoras e dos danos e prexuízos que tal retraso provocan ás arcas do Concello”.

Para rematar Fuente Parga destaca que “en consecuencia o pago dos gastos procesuais derívanse da hipócrita actitude do BNG de Barreiros presentando sucesivas denuncias; iso si, despois de pegar o pelotazo urbanístico a familia da alcaldesa. A rexedora e os concelleiros do goberno do BNG coñecían perfectamente a obrigación de pago deses gastos dos xuízos. O Concello de Barreiros (máis ben o seu goberno municipal) foi condenado xudicialmente ao pago dos honorarios e gastos procesuais devengados mediante sentenza de outubro de 2021, pero o goberno municipal preferiu demorar o cumprimento da sentenza e das súas obrigacións legais, polo que coa súa pasiva e malintencionada actuación vai provocar un importante prexuízo ao Concello de Barreiros”.