A Xunta inicia este luns as obras dunha senda peonil en Ribadeo que facilitará o desfrute do Monumento Natural das Catedrais

Santiago, 19 de novembro de 2015.- A Xunta de Galicia inicia este luns as obras de acondicionamento ao tránsito peonil da marxe esquerda da estrada provincial LU-P-0610 no marco do Plan de Conservación do Monumento Natural das Catedrais que facilitará o gozo dos veciños e visitantes deste espazo singular.

A ruta dará continuidade ao trazado previsto dentro da rede de camiños naturais non motorizados que leva a cabo o Ministerio de Medio ambiente en colaboración co Goberno galego.

Esta actuación responde a unha solicitude reiterada do Concello de Ribadeo e reflicte o compromiso do Executivo autonómico con este municipio lucense. As obras, que se realizarán entre o punto quilométrico 8+390 e 8+620, terán un orzamento de 23.000 euros.

Actuacións a realizar
As accións a levar a cabo consistirán na roza, limpeza e acondicionamento dos bordes da plataforma; a escavación dunha gabia e o seu entubado. Unha vez realizados todos os traballos de cachada e tratamento das marxes, procederase á escavación para o entubado da cuneta, coa construción das arquetas previstas. Posteriormente, procederase a cubrir dita estrutura con capa granular de zahorra.

Unha vez posta en servizo, a senda permitirá conectar mediante un paseo a zona que soe habilitar o Concello de Ribadeo como aparcadoiro no período estival co monumento natural.