A Xunta apoia unha nova edición do Festival Internacional do Emigrante, cita de interese turístico galego que se celebra este sábado en Barreiros

Lugo, 01 de agosto de 2019.- A Xunta de Galicia apoia unha nova edición do Festival Folclórico Internacional do Emigrante, cita declarada de interese turístico galego que se celebra este sábado na localidade lucense de San Miguel de Reinante, no concello lugués de Barreiros.

A presentación do cartel contou coa presenza do delegado territorial en Lugo, José Manuel Balseiro, quen gabou o esforzo que desenvolve a asociación O Arco da Vella que, desde 1980, promove este evento en colaboración co Concello.

Nesta ocasión a cita coas mellores músicas folclóricas do mundo terá lugar a partir das 22 horas no recinto do campo de fútbol das Valgas, salvo que as condicións climatolóxicas sexan adversas, nese caso, trasladarase ata o pavillón de San Miguel.

O festival presenta este ano un cartel especialmente salientable que incluirá as actuacións da asociación folclórica El Moral de San Miguel de Geneto, La Laguna (Canarias), Song and Dance Belgorie de Rusía, Hei Show Tamure de Tahití ademais da intervención da banda anfitrioa.

Trixésimo oitava edición
Este evento forma parte das citas de interese turístico galego desde o ano 2007 e nesta ocasión celebra a súa trixésimo oitava edición. Sempre destacou por acoller grupos de danza e música folclórica de todos os continentes así como doutras comunidades.

“Falamos dun festival singular, especialmente arraigado na localidade e cun valor cultural extraordinario capaz de atraer a miles de veciños e visitantes, cada ano, o primeiro sábado de agosto“-dixo Balseiro. A Consellería de Cultura e Turismo, en colaboración con Abanca, apoia esta iniciativa cunha achega de 4.500 euros.

Por outra banda dentro deste mesmo cartel a asociación promotora organizará a IX Foliada do Emigrante, neste caso a celebración deste evento terá lugar o venres 2 de agosto a partir das 21,30 horas na praza do Souto. Trátase dun encontro festivo que serve de antesala ou como benvida aos participantes e ás persoas que ao día seguinte gozarán co encontro internacional.