A Xunta adica preto de 150.000 euros a reforzar o firme da estrada LU-133 no tramo Vilamar-Reme, ao seu paso polos concellos de Barreiros e Ribadeo

A Xunta adica preto de 150.000 euros a reforzar o firme da estrada LU-133 no tramo Vilamar-Reme, ao seu paso polos concellos de Barreiros e Ribadeo

27-06-16

Lugo, 26 de xaneiro de 2016.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda comezará a executar mañá obras de reforzo do firme da estrada LU-133 no tramo Vilamar-Reme, ao seu paso polo Concello de Barreiros e Ribadeo.

Os traballos contan cun investimento de preto de 150.000 euros e lévanse a cabo no marco da campaña de reparacións de firmes que a Xunta acometerá este verán, a través do contrato de Vialidade Invernal e Conservación Ordinaria, na zona norte da provincia.

Así o comunicou este domingo a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, quen explicou tamén que “as actuacións, que teñen un prazo de execución de catro días, farán necesario cortar o tráfico da vía durante o día co fin de facilitar o desenvolvemento dos traballos, habilitándose en todo caso os desvíos que sexan precisos”.

Arias indicou que as melloras que se levarán a cabo esta semana “redundarán nun beneficio directo para os veciños dos municipios da Mariña, principais usuarios desta estrada que comunica Barreiros con Ribadeo, e responden ao compromiso asumido pola Xunta de Galicia co correcto mantemento da rede viaria da comarca”.

O obxectivo das obras é reforzar o firme da estrada mediante a extensión dunha nova capa de rodadura de formigón entre os puntos quilométricos 4 e 6+600, rematando na glorieta que conecta a estrada coa vía provincial CP-6103. Xunto a esta actuación, contémplase tamén a renovación da sinalización horizontal do treito.

De igual xeito, e como medidas puntuais de mellora da seguridade vial, vaise proceder á instalación de pasos de peóns sobreelevados e á renovación da sinalización horizontal na travesía ribadense de San Vicente de Covelas, entre os puntos quilométricos 14 e 15.

A delegada lembrou que “os traballos que comezarán mañá dan continuidade a un proxecto iniciado pola consellería o ano pasado, cando se reforzou o firme da LU-133 mediante a extensión dunha nova capa de rodadura entre os puntos quilométricos 1 e 4”, actuación que se completou coa construción de cunetas revestidas de formigón e da correspondente instalación de sinalización vertical e horizontal.