A XESTIÓN DO PARTIDO POPULAR PON EN PERIGO AS BANDEIRAS AZUIS DAS PRAIAS BARREIRENSES

A XESTIÓN DO PARTIDO POPULAR PON EN PERIGO AS BANDEIRAS AZUIS DAS PRAIAS BARREIRENSES

A falta de persoal para a ambulancia impide ter en funcionamento este servizo, anunciado o ano pasado, poñendo en entredito a seguridade nas praias.

“Se se preocupara de atender as praias de Barreiros en lugar de aparecer de palmeiro da Xunta noutros areais, o noso concello gañaría máis”, afirman desde o BNG.

IMG_5660

Barreiros, 7 de agosto de 2015. O Bloque Nacionalista Galego de Barreiros advirte de que a xestión que está a facer o goberno do Partido Popular e, nomeadamente, do alcalde e responsable da área de turismo, dos areais barreirenses e dos seus servizos pon en perigo a continuidade das bandeiras azuis nas praias barreirenses.

Neste momento, na praia de Altar xa non ondea a bandeira azul, que foi retirada provisionalmente porque desde a alcaldía se teñen autorizado actividades incompatibles coa normativa dos galardóns e tamén coa ordenanza de praias aprobada polo propio Partido Popular. Desde o BNG lamentan que “o alcalde estea adoptando decisións unilateralmente que contradín as normas que eles mesmos aprobaron e que ten que aplicar o servizo de socorrismo, que se ve desautorizado polas decisións persoais do alcalde que lles fan enfrontarse ás persoas usuarias dos areias por estar recibindo indicacións contradictorias.”

“O único que fai este goberno municipal por promocionar o concello turisticamente é tratar de vender as praias e o número de bandeiras azuis que, desde que Alfonso Fuente é alcalde se foron perdendo paulatinamente. Pero as súas decisións fan que cada ano empeore a xestión e os problemas aparecen incluso para manter as bandeiras que xa se tiñan con anterioridade, co que iso pode perxudicar ao sector turístico”, explica a portavoz municipal, Ana Ermida. “É a hipocresía e a incoherencia absoluta: promociónase un galardón como método de valoración dos areais e despois non se fai nada por mantelo, deixando a Barreiros nunha posición vergoñenta e tirando polo chan a imaxe turística do municipio que vén sufrindo ano tras ano a xestión dun goberno municipal sen planificación nin ideas ao respecto”.

Problemas nos servizos sanitarios dos areais

Tamén a praia de Coto ten problemas nos servizos, xa que a falla de persoal sanitario debidamente titulado (tal e como confirmou o alcalde no pleno pasado a preguntas do BNG) mantén pechado o posto de primeiros auxilios, o que se suma á falta de ambulancia que dea servizo a todas as praias, cuestión obrigatoria segundo a normativa bandeira azul, a falta de padiolas en todas as praias, cuestión practicamente inviable.

“É unha absoluta irresponsabilidade non contar con persoal sanitario entre o persoal de praias. Non só por manter as bandeiras azuis, senón tamén por estar xogando coa seguridade das persoas que visitan a nosa costa. Está claro que a incompetencia do Alcalde e o seu equipo queda cada día de manifesto en cuestións coma esta, asentadas tradicionalmente en Barreiros e que son incapaces de mantelas; poñendo en perigo ás persoas mentras se presume dunha xestión inexistente”, afirma Ana Ermida.

Esta situación vén a sumarse á retirada que sufriu Remior en días pasados como consecuencia dos verquidos que se produciron no regato que desemboca no areal ou á situación de abandono no servizo de limpeza que deixa unha imaxe de contenedores e papeleras desbordadas e lixo tirado nos propios areais.

“Dá vergoña ver como o Alcalde perde o tempo exercendo de palmeiro da Xunta, aparecendo en promocións de areais fóra de Barreiros mentras deixa desatendidas as, sen dúbida, mellores praias da comarca, que tiñan uns servizos envidiados por calquera outro municipio. Canto máis gañaríamos as veciñas e veciños de Barreiros se tivésemos un alcalde que exercera de tal e se preocupara dos problemas do noso concello”, conclúen desde o BNG.