A turbeira de Arealonga sérvenos de estudo da subida do nivel do mar

«A turbeira de Arealonga sérvenos de estudo da subida do nivel do mar»

Aurora Grandal falará mañán en San Miguel dos restos de animais atopados alí

La imagen puede contener: cielo y exterior

YOLANDA GARCÍA
BARREIROS / LA VOZ

A paleontóloga Aurora Grandal achegarase á Mariña, esta vez para falar da turbeira da praia barreirense de Arealonga. Unha cita que organizou para este sábado o Seminario de Estudos Os Espigueiros, de San Miguel de Reinante. Colabora MariñaPatrimonio.

-É a primeira vez que nos visita por estas terras?

-En San Miguel de Reinante si. Realmente a investigación que eu fago é máis ben na zona do interior de Lugo, no Caurel, estudando fósiles de animais do Cuaternario.

-Como xurdiu a investigación sobre esta turbeira mariñá?

-A xente de MariñaPatrimonio, que ten moito interese polos estudos do medioambiente e a conservación do patrimonio, contactou con nós porque atoparan na praia de Arealonga nun depósito de turba ou turbeira ósos de animais. Por iso, o contacto comigo. Entregáronmos e de aquí saíu máis o interese de estudar máis o conxunto, o depósito de turba, que é un bosque fósil e a fauna.

-Que é o que fai tan peculiar logo esa turbeira barreirense?

-O que ten é que é un depósito que corresponde a unha época na que o nivel do mar estaba máis baixo. Entón, é un rexistro dos cambios climáticos dos últimos varios miles de anos. Pode ser do Holoceno, despois da última Idade do Xeo. Penso que debe andar entre catro e sete mil anos, do final do período glaciar. Outra peculiaridade é que non é frecuente atopar conservados estes restos de ósos de animais na turba, quero dicir, neste tipo de depósitos costeiros. A verdade é que a turba os conserva ben pero no medio mariño non é tan normal. Esa é unha peculariedade moi grande. Alí hai restos de cervos, cabalos, xabarís… É un estudo, en principio, bastante superficial porque son uns poucos os restos que atoparon veciños e os de MariñaPatrimonio. Eles saben que hai moito máis. Un grupo que fai buceo di que na parte submarina hai máis restos.

-Se é algo que ten tanto valor, merecerá unha protección.

-Claro, o noso traballo máis que nada é facer o estudo para poñer en valor o que hai alí. Pero a protección en si ten que vir doutra xente.

-Investigar a fondo ten tamén o seu custe económico.

-Si, o que atopamos é só unha parte pequena. Os estudos en xeneral levan tempo, esforzo e custe económico. As dotacións son caras. A veces non se poden facer tantas pero a nós parécenos que é importante facelas.

-Cos achádegos, que podemos aprender para mañá?

-Neste caso é un proceso de suba de nivel do mar e axuda a saber como nos pode afectar no futuro, ver como vai avanzando. É un depósito moi bo para estudar ese tipo de actuacións.

-Fálenos tamén da Cova do Uro no Caurel, onde apareceu «Elba».

-O do Caurel tamén é moi sorpresivo. Eses son os restos dunha muller que ía con tres uros, vacas primitivas, moi grandes, nas que a domesticación chegou máis tarde. Caeu nunha sima. Como é zona de covas kársticas, a veces as galerías van por debaixo da terra pero hai desprendementos e queda como un embudo e por alí caeu. Cando fixemos o estudo, vimos que tiña 9.000 anos de antigüidade. O que máis nos chama a atención é que a relación da muller cos uros é directa, ían xuntos. Xa que é un achádeo moi particular fixemos un estudo partindo de distintas metodoloxías: xenético, da dieta da muller, dos animais… para ver como fóra a súa vida. É o resto humano máis antigo que temos en Galicia. Na Cova Eirós hai restos de industria lítica pero, ata agora, non había restos humanos. Danos unha fotografía da súa morte. Que pasou? Tamén nos gusta ver que o ir cos uros por un camiño, que aínda existe, era un comportamento deste tempo.

-Coma unha galega que hoxe vaia coas súas vacas. E ela era intolerante á lactosa!

-Entón eran intolerantes todos. Logo coa gandeiría, non.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.