A renovada Executiva do PSOE de Barreiros arranca “con ilusión, forza e moito socialismo o proxecto de recuperación

A renovada Executiva do PSOE de Barreiros arranca “con ilusión, forza e moito socialismo o proxecto de recuperación

 do Concello, abandonado polo PP”

– “O Partido Popular de Fuente Parga fixo que Barreiros sexa o Concello de Galicia que máis paga polo IBI, o que conta coa maior taxa de paro da Mariña con respecto á poboación ou que o 70% do municipio non conten con saneamento mentres os existentes están en malas condicións, como a EDAR de San Miguel que provoca vertidos ao mar”

– “O PP de Fuente Parga conseguiu que cada vez teñamos menos xente porque nin tan sequera aproveita as oportunidades económicas que por si mesma conta Barreiros. Por exemplo, pasamos de contar con 8 bandeiras azuis nas praias, a non ter ningunha e a nin solicitalas porque o PP non quere facer nada por conservalas e dotalas de servizos”

– “Cunha poboación cada vez máis avellentada, o PP de Fuente Parga non quixo traballar para que Barreiros contase cun centro de día e os nosos maiores van a Lourenzá, Ribadeo ou a centros privados fóra do Concello. Pagamos máis impostos, temos menos servizos públicos, menos emprego e pensións á baixa polas decisións do PP alá onde goberna”

– 10 socialistas, o 70% de nova incorporación, conforman a Executiva do PSOE de Barreiros, que conta con secretarías de maiores, servizos sociais, sanidade, igualdade, educación, mocidade, turismo, medio rural, urbanismo, medio ambiente ou política municipal para “un traballo sen pausa en defensa dos nosos veciños”

Barreiros, 29 de xaneiro de 2018.- A nova Executiva do PSOE de Barreiros arranca “con ilusión, forza e moito socialismo” o proxecto de recuperación deste Concello, que “o Partido Popular, á fronte do goberno municipal dende hai décadas, mantén totalmente abandonado, sendo hoxe o Concello da Mariña coa maior taxa de paro con respecto a súa poboación mentres tamén é o Concello de toda Galicia co IBI máis alto”. Así o subliñaron os 10 socialistas que integran a renovada Executiva do PSOE de Barreiros, pois o 70% dos seus membros son de nova incorporación, tras celebrar a asemblea de votación dos representantes da mesma.

“O proxecto de recuperación do futuro de Barreiros”, que arranca a nova Executiva Socialista neste municipio, pasa polo “traballo sen pausa en defensa dos dereitos dos nosos veciños, como a prestación de servizos públicos de calidade ou a xeración de oportunidades económicas no noso Concello, que dende hai décadas non fai o PP de Fuente Parga.

Os socialistas explicaron que “Barreiros non prosperou co paso dos anos, todo o contrario, o PP situouno no esquecemento, obrigando á xente a marchar e facendo que a vida sexa máis e máis  precaria. O Partido Popular conseguiu que a taxa de paro do Concello, con respecto ao número de habitantes, sexa a máis alta da Mariña; que sexamos os veciños de toda Galicia que máis pagamos polo IBI ou que o 70% do municipio non conten nin tan sequera con saneamento. E os poucos que hai están en malas condicións, como é o caso da EDAR de San Miguel, que provoca vertidos ás praias que ata obrigan a pechalas”.

“Cada ano temos menos xente porque a desidia do PP é tal que nin tan sequera aproveita as oportunidades económicas que por si mesma ten Barreiros. O mellor exemplo disto son as nosas praias que, pola súa beleza única, visitan centos de persoas. Pasamos de contar con 8 bandeiras azuis a non ter ningunha. Fuente Parga nin se molesta xa en solicitalas porque non ten pensado facer nada para conservalas e dotalas de servizos públicos, nin tan sequera pedirlle aos seus compañeiros do Partido Popular, á fronte das administracións con plenas competencias na materia, como son a Xunta de Galicia e o Goberno Central, que o fagan”.

“Cunha poboación cada vez máis avellentada, o PP non quixo nin traballou para que Barreiros contase cun centro de día. Hoxe os nosos maiores van a Lourenzá, Ribadeo ou a centros privados fóra do Concello. Pagamos máis impostos, temos menos servizos públicos e de peor calidade, menos emprego e pensións á baixa polas decisións do PP alá onde goberna”, destacaron.

Secretarías para o proxecto de recuperación do futuro de Barreiros

Para o desenvolvemento do “proxecto de recuperación do futuro de Barreiros” a renovada Executiva Socialista de Barreiros conta coas seguintes secretarías:

– Secretaría Xeral: de novo á fronte de María Carmen Veiga Rodríguez, “loitadora, incansable, namorada de Barreiros, socialista de ideoloxía e socialismo como ideario de vida”, destacaron os seus compañeiros.

– Presidente e Secretaría de Maiores: á fronte estréase José Terrón Cantil, de 76 anos de idade, “o mozo máis maior da agrupación, incansable socialista, traballador e sempre compañeiro”.

– Vicesecretaria Xeral e Secretaria de Medio Rural e Urbanismo: á fronte estrease Jorge David Vázquez Grande, de 36 anos. É gandeiro, profesión que compatibiliza co remate dos seus estudos como Técnico Superior de Paisaxismo e Medio Rural.

– Secretaria de Organización: de novo á fronte de Benito Longarela Geada, “un dos xermes do PSOE de Barreiros”, con máis de 30 anos de militancia no Partido Socialista e sempre defensor das políticas socialistas, de xeito especial no Concello, pois formou parte da Corporación Municipal durante 16 anos.

– Secretaría de Política Municipal, Acción Electoral, Relacións Institucionais, Movementos Veciñais e Redes: de novo á fronte de Miguel Veiga Rodríguez, “socialista con maiúsculas, exixente, traballador, crítico e sempre defensor da xustiza social”.

– Secretaría de Igualdade, Sanidade e Servizos Sociais: á fronte estréase Ángeles López López, socialista vinculada profesionalmente á prestación de servizos sociais a maiores.

– Secretaría de Emprego e PEMES: á fronte estrease Miguel Barrera Longarela, “grande defensor da política como servizos social e do socialismo como único instrumento para unha acadar a xustiza social e unha sociedade exitosa”.

– Secretaría de Turismo, Medio Ambiente e Enerxías Renovables: á fronte estréase María Jesús Jover-Peralta Pane, veciña de Barreiros, nada en Arxentina. É unha grande defensora do intercambio de experiencias turísticas e culturais como factor enriquecedor dun país. De feito, viviu 17 anos en Tokío, entre outros países. Fala xaponés, alemán ou inglés. A súa vida sempre estivo vencellada ao socialismo, pois seu pai foi Ministro do PSOE en Paraguai.

– Secretaría de Educación, Igualdade e Mocidade: á fronte estréase Silvia Otero Moirón, mestra de Ensinanza Secundaria de 23 anos de idade.

– Secretaría de Administración: de novo á fronte de José Antonio Otero Ramos, “incansable socialista, comprometido co socialismo e crítico”.

Presidente de Honor

A Executiva do PSOE de Barreiro conta ademais cunha Presidenta de Honor, que é Pilar Cancela Rodríguez “pola súa acérrima defensa de facer sempre socialismo, de loitar pola igualdade e o galeguismo”, así como polo “especial cariño que ten demostrar ter polo Concello de Barreiros e polos seus compañeiros nesta agrupación”.

Saúdos,

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *