A propósito do gasoduto: Alcoa era o único importante

05 de febrero de 2015. Actualizado a las 14:29 h.0 0

Parece ser que nos vindeiros días (despois de semanas de probas e posta en servizo «caladiña») o presidente da Xunta inaugurará oficialmente o gasoduto da Mariña nas instalacións de Alcoa. ¿Será o momento de recoñecer que esta infraestrutura se fixo pensando exclusivamente en esta factoría? Dende a Plataforma recoñecemos sempre a capital importancia da fábrica na Mariña e apoiamos que o gas lle chegase na maior brevidade posible (Non estamos en contra do gasoduto, pero si en contra do trazado, repetimos unha e mil veces) pero non a calquera costo e, por certo, os afectados estamos a pagar un importante e inútil custe tanto económico como moral como dende o anuncio da obra vimos denunciando.

Dixemos e dicimos que a obra se fixo pensando en Alcoa e os feitos nos avalan unha vez máis: ¿por que se inaugura na factoría e non en calquera das poboacións afectadas? Porque Alcoa xa dispón do servizo e para as poboacións, citamos verbas da promotora, «?será necesario tramitar las autorizacións administrativas con todos los organismos competentes?». ¡Vaia!, ¿non se puido facer ao mesmo tempo que o resto da tramitación da infraestrutura?, ¿non houbo tampouco tempo dende que se anunciou a obra? (12/07/2011) E mentres éncheselles a boca (a todos) dicindo que van a servir a 55.000 mariñáns, empresas, comercio, ? si, pero ¿cándo?

Recoñezan (todos) que Alcoa era o único importante, deixen de enganar, cumpran coas súas obrigacións e atendan un anaco sequera as inquedanzas e necesidades dos afectados e demais veciños da Mariña.

O prezo das expropiacións

¿Cando se vai a comunicar fehacientemente aos expropiados polo trazado o importe a pagar polas ocupacións de fincas para que poidan loitar por un prezo digno (xa non nos atrevemos a dicir xusto despois de todo o sufrido) en lugar das irrisorias cantidades que en algúns casos se lles ofreceron telefonicamente?, ¿pódese chamar xustiza á que permite que se ocupen as fincas sen pagalas previamente?, ¿quen pode entender que se rematara a obra sen nin tan sequera iniciar o inescusable trámite previo para valorar as ocupacións de terreos? Lembraremos que as fincas afectadas foron preto das 2.000, ¿tan pouco importan os afectados?

Queremos tamén deixar constancia que despois das derradeiras choivas os terreos estanse a afundir por onde foi soterrado o tubo e que hai unha importante cantidade de «pequeños detalles» sen rematar: peches de fincas, retirada de escombros, canalizacións, etcétera. Os propietarios deben poñerse en contacto coa promotora e esixir o cumprimento da súa obrigación que non é outra que, segundo a Lei e o seu propio proxecto, «?restituír a su estado primitivo tanto los terrenos como los cerramientos y cualesquiera otras instalaciones?» segundo consta no BOE. 15/12/2013.

O contencioso

Pena que a xustiza sexa tan lenta porque seguimos convencidos de que imos a gañar o Contencioso pero a desfeita estará xa consumada e, sexamos realistas, non haberá maneira de corrixila; conste unha vez máis o agradecemento a tódalas persoas que nos apoiaron e moi especialmente a os alcaldes de Barreiros e Ribadeo; do resto de cargos, organismos e institucións? ¡mellor non lembrarse! E finalmente, insistir aos afectados en que non deixen de esixir os seus dereitos e confiar en que polo menos academos un prezo digno pola ocupación das nosas terras.

Plataforma de afectados polo trazado do gasoduto.